Teatro do Atlántico celebra o seu 35º aniversario coa reposición no Salón Teatro de catro dos seus últimos espectáculos
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/teatro-do-atlantico-2020.jpg)
<b>Variedade de espectáculos e temas
A posta en escena de Helena: xuízo a unha lurpia, de Miguel del Arco, será a que abra o 35º aniversario de Teatro do Atlántico no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A obra aborda o drama da personaxe da mitoloxía grega Helena de Troia, a filla de Zeus e Leda, esposa de Menelao e amante de Paris, interpretada por María Barcala. Helena diríxese reiteradamente ao público, cidadanía do século XXI, preguntando quen escribe a historia e rexeitando a maneira na que foi contada a súa vida. Antes de xulgala, quere que escoitemos a súa versión dos feitos.
A conquista da escola de Madhubai, de Hèléne Cixous, baséase na historia de Phoolan Devi, unha destacada referencia para o feminismo autóctono indio. A representación, que se desenvolverá o venres 2 de outubro con interpretación a cargo de María Barcala, Sheyla Fariña e César Goldi, conta a historia de Sakundeva, unha bandida perseguida pola policía e o exército, acusada do asasinato de máis de trinta homes que a violaran tempo atrás e de numerosos asaltos a man armada.
Coa peza teatral de Josep María Bernet i Jornet, Dúas donas que bailan, programada para o sábado día 3, María Barcala e María Ángeles Iglesias levarán ao Salón Teatro o inquietante e ás veces cómico encontro entre dúas mulleres. Unha delas maior, viúva, que soña cunha viaxe a París e con rematar unha colección de historietas da infancia, que se resiste a abandonar o esfarelado piso no que habita. A outra, de mediana idade, unha profesora de Lingua e Literatura obrigada polas circunstancias a aceptar o traballo de facerlle os labores domésticos. Trátase dunha traxicomedia que mestura duras realidades da sociedade contemporánea como a soidade na vellez, as diferencias xeracionais, a especulación inmobiliaria, a enfermidade, a violencia no fogar, a amizade ou os soños da infancia.
Os actos do 35º aniversario de Teatro do Atlántico rematarán o domingo 4 de outubro coa reposición do espectáculo poético musical De abrentes e ocasos. María Barcala, Aleixandre Lago e Xúlio Lago interpretarán poemas de varios autores galegos contemporáneos acompañados da música de Nani García. O amor, a relación coa terra e a paisaxe, co campo e coa cidade; a loita social, a violencia de xénero, a dura travesía dos expatriados; a guerra ou o espazo dos soños son algunhas das cuestións que expresan as palabras de vinte e dous poetas. A sesión rematará cun pequeno conmemorativo.
Entradas
As tres primeiras funcións desenvolveranse a partir das 20,30 h., mentres que o recital poético-musical do domingo será ás 18,00 h. O prezo da entrada para os tres espectáculos teatrais é de 10 euros, ou 6 euros no caso de contar con algúns dos descontos habituais. A súa venda anticipada realízase a través de Abanca ou no despacho de billetes do Salón Teatro dúas horas antes do comezo de cada función e ata completar a capacidade marcada en cada momento polas autoridades sanitarias (nestes momentos, 60 persoas para os recintos escénicos pechados de Santiago de Compostela). No caso do recital do domingo, a entrada será unicamente con convite.
R.