Noticias
-
Os desafíos aos que se enfronta no contexto actual o sector audiovisual será o tema central do debate no quinto webinario convocado polos Foros #aculturasegue. Reflexións sobre a cultura na era poscovid-19. A sesión, que terá lugar este venres 12 de xuño ás 17,00 h, contará coa participación da cineasta catalá Carla Simón, que coa súa primeira longametraxe Estiu 1993 acadou o premio á mellor ópera prima da Berlinale 2017, e do produtor Alfonso Blanco, quen ademais de contar con máis de 300 horas de prime time producidas para televisión en series como Mareas Vivas, Padre Casares ou Matalobos, é o fundador e CEO de Portocabo, a produtora da multipremiada serie Hierro.
-
A Cidade da Cultura vén de reorientar a súa oferta de actividades para este segundo semestre co obxectivo de facer da súa programación unha oportunidade para a recuperación da actividade no sector cultural tras a crise da covid-19. Creadores, técnicos, traballadores e empresas galegos e galegas terán especial protagonismo na oferta prevista para os vindeiros seis meses, período no que se intensificarán os esforzos para dinamizar este sector. Con especial atención aos protocolos sanitarios, a programación manterá a súa aposta polas actividades con público presencial, seguindo en todo momento as indicacións para garantir un entorno seguro. Do mesmo xeito, integraranse as tecnoloxías dixitais de xeito regular, con formatos anovadores que permitirán superar as restricións de aforo.
-
O programa 'Camiño Seguro' procurará a reactivación progresiva e coordinada da peregrinación xacobeaO conselleiro de Cultura e Turismo mantivo unha videoconferencia cos alcaldes da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés na que deu conta do traballo en marcha para facilitar a reactivación da peregrinación xacobea nas próximas semanas, unha vez que se dean as condicións de mobilidade e de seguridade sanitaria que así o permitan. Neste sentido, o representante da Xunta avanzou que o Goberno autonómico ultima o programa Camiño Seguro, co fin de establecer a máxima coordinación entre os distintos organismos xestores e propiciar a reactivación progresiva da peregrinación xacobea superada a situación actual. Todos coincidiron na importancia de ofrecer a máxima seguridade aos peregrinos e aos profesionais e veciños que traballan nos distintos servizos ofertados.
-
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuniuse hoxe por videoconferencia coa secretaria de Estado de Turismo de Portugal, Rita Marques, para avaliar o efecto da desescalada nos fluxos turísticos entre ambas zonas e traballar conxuntamente na reactivación do Camiño de Santiago, un eido no que xa veñen cooperando con resultados satisfactorios ao longo dos últimos anos. Nesta liña, o titular de Cultura e Turismo, acompañado pola directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, trasladoulle á mandataria lusa o obxectivo de reforzar os vínculos entre ambos territorios retomar as liñas de colaboración abertas para poñer en valor a riqueza patrimonial, cultural e natural que comparten Galicia e Portugal.
-
A Xunta vén de convocar unha nova edición do seu Encontro de Artistas Novos (EAN) que en 2020 cumpre dez anos ao redor da arte emerxente e a creación contemporánea. O EAN10 ofrece a corenta novos creadores a oportunidade de participar nunha estancia de catro días no complexo da Cidade da Cultura durante a que presentar o seu proxecto creativo, ademais de optar a realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk do complexo, co Camiño de Santiago como eixo. Como novidade nesta edición, e enmarcado no Plan de reactivación do sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados do coronavirus, a participación no programa estará circunscrita a artistas nados e/ou residentes en Galicia.
-
A segunda sesión dos Foros #aculturasegue. Reflexións sobre a cultura na era post-COVID-19 analizará este venres 22 de maio os retos das artes escénicas no contexto actual, nun encontro virtual coa participación da directora artística e directora de escena de Voadora, Marta Pazos, e o director artístico de La Fura dels Baus, Carlus Padrissa. A actividade, dirixida a profesionais do sector cultural galego e a todo tipo de público interesado, está organizada pola Xunta de Galicia. Enmárcase no Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, promovido polo Goberno galego e poderá seguirse de balde por videoconferencia, previo rexistro en cidadedacultura.gal.
-
A rede de museos da Xunta de Galicia súmase á celebración o vindeiro luns 18 de maio do Día Internacional dos Museos, que este ano pon o foco na igualdade, a diversidade e a inclusión e na celebración de actividades dixitais e en liña. Durante todas estas semanas de confinamento, estes equipamentos culturais están a desenvolver un amplo abano de iniciativas a través da campaña #aculturasegue, á que se sumarán numerosas accións nos seguintes centros: Museo de Belas Artes da Coruña, Centro Galego de Arte Contemporánea, Museo das Peregrinacións de de Santiago, Museo Etnolóxico de Ribadavia, Museo Arqueolóxico de Ourense, Museo Massó de Bueu e Museo do Castro de Viladonga (Lugo).
-
As Bibliotecas Públicas de Galicia xestionadas pola Xunta súmanse aos actos para renderlle tributo a Ricardo Carvalho Calero, autor ao que este ano a Real Academia Galega (RAG) lle dedica o 17 de maio. A situación actual xerada polo coronavirus motivou que as ferramentas e materiais deseñados pola Consellería de Cultura e Turismo en colaboración coas numerosas empresas, entidades e institucións que participan na Programación Conmemorativa das Letras Galegas 2020, fosen reformuladas para que se poidan acceder a elas de xeito virtual ao abeiro da campaña #aculturasegue. Neste contexto, as bibliotecas ofrecerán durante esta semana diversas actividades a través das súas redes sociais e páxinas web.
-
Galicia intensifica os seus recursos online para renderlle tributo a Ricardo Carvalho Calero, autor ao que este ano a RAG lle dedica o 17 de maio, que xa é o homenaxeado máis dixital de todos os que integran a nómina do Día das Letras Galegas. O impacto derivado da Covid-19 propicia que as ferramentas e materiais conmemorativos deseñados pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, en colaboración coas numerosas empresas, entidades e institucións que participan na Programación Conmemorativa das Letras Galegas 2020, moitas delas reformuladas e ao abeiro da campaña #aculturasegue, gañen espazo en Internet. O Portal da Lingua Galega ofrece en aberto e de balde numerosos materiais aos que irá sumando outros durante os vindeiros días.
-
A Xunta de Galicia puxo en marcha durante estas semanas de confinamento a iniciativa Galicia, na túa casa, un microsite que reúne diferentes recursos online para visitar e coñecer varios dos atractivos turísticos galegos de xeito virtual e que xa foi utilizado por máis de 13.000 persoas. No marco da campaña #aculturasegue, as redes sociais da Consellería de Cultura e Turismo están a ofrecer unha serie de visitas guiadas virtuais das que desfrutar cada día ás 17,00 horas para visitar desde a casa algúns dos lugares máis emblemáticos das catro provincias. Desde a súa posta en marcha, foron máis de 6300 as persoas que participaron nestes percorridos en liña que promoven o noso patrimonio.