Noticias
-
A carteleira de maio da Filmoteca de Galicia arranca hoxe mesmo con dúas das últimas sesións das retrospectivas que a cinemateca da Xunta lles está a dedicar á directora xaponesa Kinuyo Tanaka e ao documentalista alemán Peter Nestler. Esta semana dá comezo, ademais, o especial sobre a realizadora belga Chantal Akerman, que poderá verse na sala José Sellier da Coruña en colaboración co Play-Doc International Film Festival de Tui. Ademais de acoller a extensión do certame tudense, que inclúe a proxección de dúas fitas restauradas do cineasta indio Aravindan Govindan, a filmoteca volverá ser unha das sedes da Mostra (S8) de Cinema Periférico da Coruña para ofrecer a finais de mes un programa sobre o creador vasco Iván Zulueta, entre outras citas.
-
A quinta edición do Verbena Fest celebrarase os días 4 e 5 de agosto e terá de novo como escenario o local Meigallo, cunha terraza ao aire libre con capacidade para 1000 persoas. O sábado celebrarase a xornada principal, con música desde as 13.00 horas; os concertos serán de balde ata as 20.00 horas e a continuación de pago ata as 2.00 horas da madrugada do domingo. As entradas darán acceso aos concertos de Second, Sexy Zebras, Kamikaze Helmets e El Chico López. O cartel do sábado completarase coa actuación previa, pola tarde, de Malenne, Louband e Los Naipes.
-
Os proxectos abranguen accións de exhibición, divulgación, formación ou concienciación social e medioambiental, dirixidas a públicos moi diversos en ámbitos como a danza, o teatro, a música, o audiovisual, a literatura, as artes plásticas, o patrimonio inmaterial ou a innovación cultural. Todas elas responden á finalidade de reforzar e desenvolver as capacidades do sector cultural para acadar un tecido sólido máis alá dos grandes núcleos urbanos e contribuír a incrementar a actividade cultural nas contornas rurais. Búscase activar procesos culturais nestas zonas que afonden nos vínculos individuais e sociais co territorio, ofrecendo novas oportunidades laborais, estables e de calidade.
-
O CDG inicia en Vigo a xira do espectáculo 'Un hotel de primeira sobre o río', cunha función que terá lugar o vindeiro día 4, ás 20,30 h., no Teatro Afundación. A obra de Xohana Torres dirixida por Gonçalo Guerreiro e María Torres, viaxará durante o mes de maio a outros sete escenarios de Galicia e Portugal, despois da súa estrea o pasado 31 de marzo no Salón Teatro de Santiago de Compostela, escenario do que se despide esta fin de semana. O director do CDG, Fran Núñez; a directora de escena María Torres, e a directora da Área de Cultura de Afundación, María Teresa Cores, presentaron aos medios de comunicación as claves desta montaxe, a segunda produción propia para 2023 do CDG.
-
A Estrada acolle por terceiro ano consecutivo o festival 6coreógrafas, que volve contar coa colaboración da Xunta de Galicia para o seu desenvolvemento hoxe e o vindeiro sábado 29, Día Internacional da Danza, cun cartel que inclúe catro espectáculos galegos e dous obradoiros. A mostra arrancou este mesmo mediodía no Teatro Principal estradense coa estrea O salón dos pasos perdidos, de Paula Quintas Cía, un dos tres espectáculos apoiados pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través da convocatoria de coproducións do Centro Coreográfico Galego 2022.
-
Avanza así a primeira das dúas etapas que conforman Sonemerxente, no marco da que os participantes xa tiveron a oportunidade de afondar en diferentes facetas chaves para o desenvolvemento dunha carreira musical xunto a Paco Loco, produtor de Enrique Bunbury, Mikel Erentxun, Nacho Vegas ou Lori Meyers, entre outros moitos; a avogada Lucía Sánchez, filla do mítico guitarrista Paco de Lucía e especializada en dereito audiovisual e propiedade intelectual, e Patricia Portela, da axencia de comunicación cultural The Office.
-
O Museo de Belas Artes da Coruña inaugura o martes 25 un ciclo de cine sobre a figura de Picasso no 50 aniversario da súa morte. Picasso a través do cine arrancará como parte das actividades arredor da mostra 'Picasso branco no recordo azul'. O primeiro visionado será no auditorio do museo ás 19,00 horas cos filmes Guernica de Robert Hessens, que trata de maneira fragmenta e convulsa a célebre obra do artista, con imaxes de arquivo sobre o bombardeo nazi da poboación vasca que dá nome a obra pictórica e cinematográfica. Tamén se proxectará Picasso de Luciano Emmer, no que se afondará na evolución da pintura de Picasso ata a súa fase rosa.
-
O Novo Cinema Galego protagoniza unha programación especial no Bolzano Film Festival Bozen de ItaliaA corrente do Novo Cinema Galego será obxecto do seu primeiro foco en Italia no marco da programación do 36º Bolzano Film Festival Bozen, que conta coa colaboración da Xunta para lle conceder a Galicia o protagonismo da súa sección Focus Europa. Así, o coñecido certame desta cidade do norte de Italia ofrecerá do 19 ao 23 de abril unha programación especial de seis longametraxes que exemplifican a vertente máis independente e vangardista do audiovisual galego, ademais dunha mesa redonda que afondará nas súas características e elementos diferenciais.
-
Galicia é unha das cinco comunidades integrantes do novo programa interautonómico Corten para a difusión e circulación dos seus respectivos catálogos de curtametraxes e no que a Xunta participa con Shorts from Galicia xunto ás entidades homólogas de Asturias, Cantabria, Navarra e País Vasco. Tras a súa presentación no mercado profesional do Festival de Cine de Málaga, así como en Bilbao e en Santander, esta iniciativa recala o vindeiro sábado 15 na sede da Filmoteca de Galicia na Coruña. A cinemateca da Xunta acollerá durante toda a xornada o evento Corten Galicia, de entrada libre e pensado especialmente para os profesionais, estudantes e demais persoas interesadas neste formato audiovisual.
-
O Festival RESIS de Música Contemporánea e Artes Vivas celebra entre o 13 de abril e o 6 de maio a súa sexta edición, cuxa primeira cita será este xoves 13 de abril no restaurante Árbore da Veira. A outra cita desta primeira semana de programación será este sábado, 15 de abril, na sala de exposicións Palexco. Os grandes atractivos deste concerto serán, entre outros, a presenza do director Nacho de Paz e a estrea da obra Libro delle Immagini V, do coruñés, Hugo Gómez-Chao, quen actualmente é compositor residente na Real Academia de España en Roma.