Noticias
-
O conselleiro de Cultura e Turismo, acompañado do seu equipo e membros do Igape, presentou a través dun webinar no que se inscribiron máis de 600 profesionais e axentes do sector cultural o Plan de reactivación do sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, Un proxecto pioneiro no ámbito autonómico que se porá en marcha este mesmo mes de maio. No encontro achegouse información sobre as principais medidas adoptadas para a reactivación do sector cultural, que inclúen un bloque específico dotado con 10,2M€ e a meirande parte das medidas transversais do Xacobeo, que conta con outros 5,6M€. Establecidas en ambos os casos, para acompañar e apoiar ao tecido empresarial e ao conxunto do sector cultural durante a transición cara á nova normalidade.
-
A Xunta de Galicia, dentro da súa campaña de lecer e formación #aculturasegue, pon en marcha polas redes sociais e páxina web da Cidade da Cultura o Club das lerchiñas, sesións de contacontos en liña dirixidas ás familias e do que formarán parte seis das mellores contadoras de Galicia: María Lado & Lucía Aldao, Bea Campos, Andrea Bayer, Paula Carballeira e Ledicia Costas. O Club das lerchiñas botará a andar o vindeiro 9 de maio e contará cunha emisión en liña todos ós sábados ata o 6 de xuño. Estas seis contadoras galegas achegaranlles ás familias a través de internet e desde os seus fogares historias sinxelas e amenas, baseadas na tradición oral e tamén contos da súa propia autoría.
-
Galicia proporá mañá no Consejo Jacobeo contar cun protocolo de medidas sanitarias específico para o Camiño de Santiago, unha proposta na que a Comunidade xa ten avanzado da man do Instituto da Calidade Turístico Española (ICTE) e á que convidará a sumarse a todos os territorios polos que discorre a Ruta Xacobea co obxectivo de traballar de xeito conxunto. A Comisión Executiva do Consejo Jacobeo, órgano de coordinación entre o Goberno central e as comunidades autónomas, reunirase por vía telemática despois de que así fose solicitado pola Xunta de Galicia ao Goberno central o pasado 13 de abril. Desde entón, mantivéronse encontros con numerosos colectivos dunha quincena de países dos cinco continentes co fin de recoller as súas achegas coa máxima axilidade e detalle.
-
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello a posta en marcha do Plan de reactivación da cultura e o turismo, cun investimento de 27 millóns de euros e preto de 50 medidas específicas para fomentar o emprego, xerar liquidez e reactivar o consumo. Co fin de cumprir este triplo obxectivo, Feijóo precisou que a Consellería da Cultura e Turismo elaborou este plan reestruturando o seu orzamento e recompuxo as partidas para ir mellorando as expectativas dos sectores turístico e cultural. “Todo isto para dar unha resposta rápida a dous sectores que supoñen o 13% do PIB e o 14% do total do emprego na Comunidade Autónoma”.
-
A Xunta de Galicia analizará o impacto da actual crise sanitaria no Camiño en colaboración coa Universidade de Santiago a través dun estudo a cargo do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega). A súa diagnose da situación, sumado ás conclusións que se deriven do grupo de expertos avanzado a pasada semana, permitirá adaptar o Xacobeo 2021 ao escenario post Covid-19. Así o expuxo o conselleiro de Cultura e Turismo durante unha videoconferencia con asociacións de amigos do Camiño de Santiago de ámbito internacional, na que participaron a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, e o director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Isaías Calvo.
-
A Xunta porá en marcha un grupo de expertos multidisciplinar co obxectivo de adaptar o Xacobeo 2021 á saída da crise sanitaria provocada polo Covid-19. Avanzouno hoxe o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, tras manter un encontro con representantes de asociacións de amigos do Camiño de ámbito estatal, unha xuntanza que se enmarca na rolda de contactos iniciada nas últimas semanas con diferentes colectivos para abordar a situación actual. Este grupo de traballo contará cunha ampla presencia de representantes de todos os colectivos implicados no feito Xacobeo, como as propias asociacións de amigos do Camiño, a Igrexa ou a administración local, ademais de expertos do ámbito económico, cultural e turístico da Comunidade, entre outros.
-
As bibliotecas públicas de Galicia celebran o Día do Libro cun amplo abano de actividades online abertas a toda a cidadanía co obxectivo de fomentar a lectura entre a sociedade e seguir dando ao libro todo o protagonismo que merece, con especial énfase neste contexto de confinamento. Entre as accións que se levan a cabo figuran concursos en redes sociais, exposicións virtuais, publicación de catálogos ou recomendacións por parte do persoal das mesmas. Unha das principais actividades na que todos os anos toman parte os museos públicos é a do bookcrossing, unha iniciativa conxunta con bibliotecas de museos e centros de arte de toda España que consiste en deixar libros en lugares públicos para que os recollan outros lectores.
-
A Consellería de Cultura e Turismo lanza unha visita virtual a Galicia, un relato no mundo para achegar os seus contidos a todas as persoas que, debido ao peche do Museo Centro Gaiás, quedaron sen posibilidade de descubrir a exposición de maior éxito da Cidade da Cultura. A mostra, que estaba previsto manter aberta ata o 12 de abril, non recibe visitas desde o 13 de marzo, día no que a Xunta de Galicia declarou a emerxencia sanitaria, que supuxo o peche dos museos e outras instalacións como medida de precaución fronte o avance da pandemia. Nesa data, un total de 43.035 persoas achegáranse xa a Galicia, un relato no mundo, o que supón unha media de 426 visitantes ao día, cifra récord no rexistro do Museo Centro Gaiás.
-
A Cidade da Cultura súmase en maio á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á música, profesora e poeta Luísa Villalta, cunha variada programación divulgativa destinada a dar a coñecer a súa figura e a súa obra a toda a cidadanía. Ao longo do mes das Letras, o Gaiás organiza propostas como unha lectura participativa de poemas, un encontro con rapazada de centros de ensino, unha exposición bibliográfica ou dúas propostas teatrais —para público adulto e público familiar—. A primeira destas actividades será o mércores 8 de maio, e consistirá nun encontro entre alumnado de dous dos institutos nos que Luísa Villalta se desempeñou como profesora e activista cultural.
-
A Xunta de Galicia pon en marcha esta semana na Cidade da Cultura o programa Aventuras no monte das artes, unha actividade en liña que achegará ás familias contidos para que a cativada explore as súas habilidades artísticas a través de xogos e divertidos desafíos. Trátase de ofrecer recursos culturais e de lecer neste momento de confinamento e no marco da campaña da Consellería de Cultura e Turismo #aculturasegue. A través da personaxe a 'Raposa Fedella' iráselles presentado ás familias –no Facebook, Instagram ou Twitter da Cidade da Cultura- desafíos e retos vencellados coa pintura, coa arquitectura, coa fotografía ou con outras disciplinas artísticas.