Noticias
-
A candidatura da Ribeira Sacra logra finalmente dar o último paso e estar entre as 24 propostas de inscrición elixidas para ser presentada e sometida a estudo e debate na 45ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO, que se celebrará en sede aínda por determinar durante 2021. A paisaxe cultural galega acaba de lograr ser aceptada como a proposta de España para esta sesión, e entra en avaliación para a súa posible inclusión na prestixiosa lista da que xa forman parte a Cidade Vella de Santiago, o Camiño Francés, os Camiños do Norte, a Muralla de Lugo e a Torre de Hércules. Esta candidatura está baseada nun profundo e importante traballo técnico no que se destaca o valor universal excepcional desta zona.
-
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe na Conferencia Sectorial de Educación, convocada para analizar o impacto e as medidas en relación coa interrupción da actividade lectiva presencial con motivo da declaración do Estado de Alarma por parte do Goberno Central. No encontro houbo consenso xeneralizado de manter o calendario escolar, co obxectivo de transmitir unha mensaxe de continuidade e normalidade respecto ao ámbito académico. Nesta liña, acordouse avaliar o segundo trimestre co traballo desenvolvido ata a interrupción das clases presenciais e modificar os contidos e competencias básicas previstas para o terceiro trimestre.
-
A Xunta de Galicia, a través de todos os seus departamentos e centros dependentes da Consellería de Cultura e Turismo, propón para o período que dure o estado de alarma por mor do coronavirus unha programación con abondosas actividades de lecer cultural a través de Internet. Propostas pensadas para toda a familia que poden seguirse a través da campaña #aculturasegue en todas as redes sociais das súas dotacións. Trátase dunha etiqueta á que se convida a sumarse ás institucións culturais, aos nosos creadores e a toda á cidadanía para compartir a nosa cultura. A iniciativa pretende recoñecer o papel sobresaínte que os nosos creadores e axentes culturais teñen na construción social de Galicia, e que ofrece opcións de ocio dixital de calidade e plural no fogar.
-
Marián Bañobre dirixe 'O premio' a partir dun texto de Santiago Cortegoso, que levan a escena Victoria Teijeiro, Xurxo Cortázar e Raquel Espada, quen é candidata a mellor actriz secundaria nos Premios de Teatro María Casares por Neorretranca e posmorriña, a última produción do Centro Dramático Galego. Ideada como creación colectiva, O premio é unha comedia aceda ambientada nun futuro próximo, no que o progreso tecnolóxico e a presión por lograr o éxito laboral, sentimental e social levan os cidadáns a un estado de desánimo e frustración, agravado por unha gran crise económica por mor do envellecemento da cidadanía. Para enfrontar esta situación, os dirixentes poñen en marcha unha insólita e popular medida: crear un reallity en directo.
-
A sala Garufa Club da Coruña, unha das 20 asociadas este ano á Rede Galega de Música ao Vivo, acolleu a presentación da programación que se desenvolverá ata finais de ano no seo deste circuíto profesional. Incorpóranse este ano cinco novas salas ao circuíto respecto a 2019: Aturuxo de Bueu, Sala Ruído de Ferrol, Sete Flores do Carballiño, Auriense de Ourense e El Contrabajo de Vigo. Ademais, repiten como parte do circuíto Bâbâ Bar e Garufa da Coruña, A Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro, SalaSON de Cangas, A Ventana de Laxe, Clavicémbalo de Lugo, A Fundación e Pub Gatos de Melide, Náutico do Grove, Borriquita de Belem, Casa das Crechas e Sala Moon de Santiago de Compostela, A Arca da Noe de Vilar de Santos, e La Fábrica de Chocolate e La Pecera de Vigo.
-
Coincidindo co 325º aniversario do ilustre berciano Frei Martín Sarmiento, o Bierzo celebra o seu Día da Lingua Galega nas localidades leonesas de Vilafranca, Cacabelos e Corullón. Os actos estiveron organizados pola Comisión Cultural Martín Sarmiento. A xornada festiva iniciouse no Teatro Villafranquino Enrique Gil Carrasco cunha homenaxe ao poeta berciano Ramón González-Alegre co gallo do centenario do seu nacemento, homenaxe que se prolongou cunha visita á casa natal do poeta e mais unha ofrenda floral ante o monumento ao escritor. A segunda metade da mañá estivo ocupada pola actividade de dinamización lingüística Enredando con Pakolas, a cargo de Paco Cerdeira. A celebración desprazouse pola tarde ao salón de actos do Marca, en Cacabelos, onde se presentou a III edición dos Premios Morales para a promoción da lingua.
-
Atardecer no Gaiás –o ciclo de concertos de balde e ao solpor da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura– volveralle pór banda sonora ao verán do 9 de xullo ao 3 de setembro con actuacións ao aire libre os xoves. Esta décima edición apostará por artistas galegos: Fon Román, Verto, Xoana, Guadi Galego, Quinteto Nós, dani, Budiño e Son Trío e desenvolverase nun formato máis reducido e coas medidas de seguridade sanitaria da etapa poscovid-19. Precisamente, o protocolo de seguridade sanitaria esixe que nesta edición haxa que reservar praza –limitada a 180 persoas por concerto e con posibilidade de ser dobre para conviventes– na páxina web da Cidade da Cultura de Galicia (www.cidadedacultura.gal), e que sexa obrigatorio acudir coa máscara de protección.
-
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle desde hoxe e ata o vindeiro 30 de agosto a mostra 'Museo (do ermitán) Man' que recolle a creación artística de Manfred Gnädinger, máis coñecido como Man de Camelle. Trátase dunha exposición na que se lle rende homenaxe a este artista e na que se recolle a esencia da súa creación entre os anos 1969 e 1978. A mostra inaugurada no CGAC está composta por unha selección de 606 fotografías, debuxos e escritos integrados no denominado Museum vom Einsiedler Man. Camelle (A Coruña). Moitas destas imaxes foron retocadas retocadas polo autor modificando as súas medidas orixinais, pintando directamente sobre as mesmas, engadindo comentarios e perfilando as siluetas das figuras captadas.
-
Destacan no programa as seis palestras sobre asuntos que lles afectan directamente aos integrantes da industria musical (festivais, fórmulas de apoio á música, asociacionismo, oportunidades de financiamento á produción, contratación internacional e salas de concertos), as reunións personalizadas ou os showcases de Magín Blanco e A Banda das Apertas, Luca Argel, Silvia Penide, Ezetaerre, Barry White Gone Wrong, Xacobe Martínez Antelo Trío e Oîma. Unha parte da programación ábrese ao público xeral, comezando polo concerto de benvida coa cantante galega Uxía e o portugués Rui David, nun espectáculo no que tamén actuarán Nastasia Zürcher, Dios Ke Te Krew e Dealema.
-
O xurado acordou concederlle o premio da categoría de infantil e primaria á mostra 'Recordando Carvalho Calero', do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo (A Coruña), por combinar da forma máis axeitada a beleza estética, a calidade da lingua e o recurso ás tecnoloxías da información e da comunicación máis innovadoras (como a realidade aumentada). Polo que se refire á exposición Unha vida polo galego, do IES Ferrol Vello, o xurado destacou que consegue plasmar a vida, obra e época de don Ricardo Carvalho Calero nun conxunto harmonioso de carteis nos que son de salientar a modernidade e a acertada selección da información, alén da súa unidade.