A Cidade da Cultura lanza una visita virtual á exposición 'Galicia, un relato no mundo' enriquecida con contidos extra
Pese a pecharse ao público un mes antes do programado, a mostra sitúase como a exposición coas mellores cifras de todas as programadas na Cidade da Cultura desde a súa inauguración e acredita o excepcional interese do público por afondar no coñecemento da historia de Galicia.A exposición obtivo tamén unha resposta excepcional entre os centros educativos, máis de seis mil alumnos de diferentes niveis –desde primaria ata aos estudos universitarios- participaron nas visitas didácticas organizadas polo Museo Centro Gaiás.
Nestas semanas nas que o Museo permanece pechado, a Cidade da Cultura vén desenvolvendo actividades online aproveitando tamén os contidos da exposición, como o programa Aventura no monte das artes, retos didácticos dirixidos á cativada para convidala a desenvolver a súa habelencia creativa.
Visita virtual
Precisamente estes contidos online amplíanse agora co lanzamento dunha visita virtual a través da web cidadedacultura.gal. Unha ferramenta que ofrecerá a posibilidade de navegar desde o ordenador ou dispositivos móbiles entre as máis de trescentas pezas da exposición e seguir a descubrir abraiantes conexións de Galicia co resto mundo, así como os segredos que rodean xoias como a Biblia Kennicott, a Santa de Asorey ou o Guerreiro de Lesenho.
Ademais, a visita virtual incorporará un ampla variedade de contidos extra para enriquecer a experiencia, como vídeos con explicacións por parte do comisario, Manuel Gago, ou dos técnicos do Servizo de Mediación.
Devolución das obras
A Fundación Cidade da Cultura, tras o peche do Museo Centro Gaiás, contactou con todas as institucións e coleccionistas privados que prestan obra para informarlles de que as medidas sanitarias derivadas do estado de alarma obrigaban a aprazar as devolucións.
Do mesmo xeito, informou de que as pezas permanecerán en sala, vixiándose as condicións técnicas (temperatura, humidade…) e de seguridade para garantir a súa conservación nas mellores condicións. A Cidade da Cultura ampliou tamén o prazo do seguro ata o 30 de xuño, sen custe adicional para a Xunta de Galicia.
En canto a situación o permita procederase a devolución de todas as obras seguindo un programa deseñado polo Departamento de Exposicións da Fundación Cidade da Cultura e en colaboración con empresas especializadas no transporte de obras de arte.
Cómpre lembrar a complexidade organizativa deste operativo nunha exposición na que cederon obra 60 institucións e 21 coleccionistas, tanto de Galicia e do resto de España como de Irlanda, o Reino Unido, Italia, o Vaticano, Portugal, a Arxentina, Cuba e o Uruguai.
A Cidade da Cultura quere expresar o seu agradecemento ás institucións e coleccionistas pola súa comprensión e confianza ante as excepcionais circunstancias que se están a vivir, así como trasladar a súa solidariedade coa difícil situación coa que tamén moitas delas están a traballar nos seus propios países.
R.


