Noticias
-
A exposición ‘Don Ricardo de Fingoi’, homenaxe a Carballo Calero por serlle dedicado o Día das Letras Galegas do presente ano, foi presentada no Ateneo Ferrolán, onde permanecerá ata o vindeiro luns. Ao acto de inauguración asistiron a presidenta do Clube de Prensa de Ferrol, Julia Díaz Sixto, o presidente do Ateneo, Xabier Montero Dongill, o concelleiro de Cultura de Ferrol, Antonio Golpe Díaz, o secretario xeral de política lingüística, Valentín García Gómez, e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria. No seu período en Lugo, Ricardo Carballo Calero leu e publicou a tese de doutoramento, ingresou na Real Academia Galega e publicou a súa monumental Historia da Literatura Galega contemporánea.
-
Ricardo Carvalho Calero residiu en Ferrol apenas 29 dos seus 80 anos de vida, en tres etapas. Os longos espazos de tempo lonxe da súa patria nativa debéronse aos seus estudos universitarios, á expatriación involuntaria a conta da sublevación militar de 1936, á guerra subseguinte, á estadía no cárcere como preso político e, desde 1950, á docencia en Lugo e en Compostela. Concibido en principio como separata da Revista Ferrol-Análisis, o volume aborda o Ricardo Carvalho Calero máis ferrolán e é obra dos ferrolterrás de orixe ou adopción Antonio Blanco Carballo, Esperanza Piñeiro de San Miguel, Bernardo Máiz Vázquez (coordinador), Delia Vázquez, Xosé Mª Dobarro Paz, Ramón Loureiro, Jose-Martinho Montero Santalha, Xaime Bello Costa e Elvira Roiz Mesías.
-
O espectáculo Os nenos da varíola, da compañía Pérez&Fernández en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG), estréase este venres 28 no Salón Teatro de Santiago, onde poderá verse ata o domingo 1 de marzo. A novela homónima de María Solar cobra así vida sobre as táboas, recuperando para os espectadores as historias dalgúns dos protagonistas da Expedición Balmis, grazas á que a vacina da varíola chegou a América e a Asia desde A Coruña. A compañía colabora con esta proposta escénica tanto a través do seu programa de coproducións como do de residencia, no marco do que o equipo de Os nenos da varíola conta tamén co apoio e as instalacións do CDG.
-
Inícianse os trámites para promover a declaración de Ben de Interese Cultural da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, tendo en conta que se trata dunha tradición cunha acreditada historicidade que salienta a función do patrimonio cultural inmaterial na sociedade como elemento de carácter identitario para o Conxunto da comunidade. Anualmente, o domingo seguinte ao Corpus Christi ten lugar en Lugo un acto institucional e relixioso no que participan os mandatarios das antigas capitais do Reino de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Betanzos e Tui. Trátase da ofrenda ao Santísimo e a súa posterior procesión pola cidade, coa que cumpren co voto solemne que fixeron en 1669.
-
Crebas é un termo propio do léxico da Costa da Morte, que designa todos aqueles obxectos que as mareas depositan na ribeira, a consecuencia dun naufraxio ou outras circunstancias. Baixo este título, a mostra exhibe unha selección de pezas datadas entre 1976 e 2019, que sintetizan as diferentes etapas da obra de Torres. Ademais de pezas procedentes de diversas coleccións, tanto públicas como privadas, preséntase tamén unha serie de obras orixinais directamente relacionadas con Galicia e aquí realizadas, como a serie fotográfica Tipo I (en la escala de Kardashov), que aborda a memoria do volframio e a Segunda Guerra Mundial ou pezas relacionadas con accións que enlazan coas súas primeiras pezas conceptuais.
-
O ciclo de concertos Galicia Importa, renomeado na súa novena edición como Xacobeo Importa presenta a súa nova temporada que arranca con nove concertos ata finais de maio que configuran unha proposta heteroxénea e de gran calidade artística. A primeira destas citas será a que protagonizará mañá venres, ás 22,00 h., na Sala Capitol de Santiago de Compostela a banda norteamericana de stoner rock Monster Magnet, na que é a súa primeira visita a Galicia. O concerto de mañá insírese na súa xira europea Powertrip A Celebration! Plus Much More... na que o grupo orixinario de New Jersey está a celebrar o vixésimo aniversario do seu maior éxito discográfico.
-
Os espectáculos de danza Médula, pola compañía Exire, e Emigrantas, a cargo de Kirenia Martínez, chegan esta fin de semana aos escenarios galegos. O Teatro Rosalía Castro da Coruña (venres ás 20,30 h.) e a sala Germán Coppini da Fundación SGAE en Santiago de Compostela (sábado ás 19,30 h.) son os espazos que acollerán, respectivamente, as dúas estreas. Ambas propostas sitúanse no ámbito da danza contemporánea e na exploración de novas linguaxes escénicas, ademais de ter como denominador común o protagonismo feminino, tanto na composición dos equipos artísticos como nas temáticas. As responsables das pezas recibiron da Agadic o financiamento dos seus proxectos, e tamén apoio loxístico e técnico durante o proceso de creación e montaxe.
-
Ópera en catro actos inspirada na novela Scènes de la vie de Bohème de Henri Murger, unha novela por entregas que retrata a vida dos mozos bohemios que habitaban o Barrio Latino de París a mediados do século XIX. Estreouse o 1 de febreiro de 1896 na cidade italiana de Turín, e a día de hoxe é a cuarta obra operística máis representada en todo o mundo. La bohème narra a historia de amor entre a modista Mimí e o poeta Rodolfo quen, tras sentir un namoramento repentino, comezan un romance. Mimí cae enferma e falece nos brazos de Rodolfo, non sen antes declararse a súa paixón mutuamente nunha das máis belas escenas de amor da ópera. O tenor coreano Alessandro Kim interpretará a Rodolfo e a soprano venezolana Marina Ortiz a Mimí.
-
Co gallo do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado ao escritor e profesor ferrolán Ricardo Carvalho Calero, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega (RAG), o Consello da Cultura Galega, a Associaçom Galega da Língua (AGAL), a CRTVG, a Fundación Penzol, a Academia Galega da Lingua Portuguesa e os concellos de Santiago e Ferrol, entre outras entidades e institucións, veñen de presentar no Museo Centro Gaiás o avance dun programa de actividades conxunto que abrangue máis de 200 iniciativas no eido literario, expositivo, deportivo, educativo, empresarial, musical, escénico, plástico e académico, entre outros, dirixidas a pór en valor o legado de Carvalho Calero e que terán como acto central o propio Día das Letras, o vindeiro 17 de maio.
-
O programa de residencias artísticas que o Centro Dramático Galego (CDG) mantén na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, acollerá durante esta temporada os equipos de seis compañías galegas para traballar nas súas novas propostas escénicas: Pérez&Fernández, Marta Alonso, La Quintana Teatro, Cámara Negra Teatro, Verdeveras Expresións Artísticas e Incendiaria. Durante as súas estadías artísticas, as devanditas formacións de teatro e danza terán á súa disposición as instalacións da compañía e o apoio do seu equipo técnico para ultimar os espectáculos que, na meirande parte dos casos, compartirán despois co público neste mesmo espazo.