Noticias
-
O Salón Teatro recibe esta fin de semana o espectáculo Tartufo, adaptación do texto clásico de Molìere co que o Centro Dramático Galego participa neste 2022 no regreso do Proxecto NÓS/NOUS. Esta iniciativa, de natureza internacional ao implicar institucións de Francia, Portugal e Galicia, é un espazo de creación escénica e de intercambio entre catro compañías públicas e outros tantos centros de ensino que ten como obxectivo promover tanto a profesionalización como a internacionalización de estudantes no treito final do seu período académico, ao poñelos en contacto con figuras consolidadas do sector teatral.
-
O mércores, 6 de xullo, Paradela dará comezo ás celebracións do seu Bicentenario como Concello, que se prolongarán ata mediados do próximo mes de decembro. Esta conmemoración tivo que ser adiada pola epidemia do Covid, celebrándose agora, neste Xacobeo prolongado, tendo moi presente que Paradela é un fito no Camiño Francés a Compostela. Inaugurarase o Monumento aos Cabaleiros de Santiago, obra de Cándido Pazos, e abriranse ao público tres exposicións, das que dúas itinerarán desde setembro polo Camiño, desde Pedrafota a Compostela.
-
Nos próximos días comezará a difundirse o cartel anunciador da XLIV Semana de Cine de Lugo, que organiza Fonmiñá co apoio da Deputación Provincial, Concello de Lugo, Xunta de Galicia e Universidade de Santiago-Campus de Lugo. O cartel é unha extraordinaria colaboración de SIRO (Siro López Lorenzo), coa Semana cunha caricatura de María Casares, no seu centenario, coa lenda “María Casares vive desde hai cen anos. Viva María Casares!”.
-
Foi presentado o ciclo de concertos Xacobeo Interior, ciclo que terá comezo o venres 1 de xullo cunha programación que levará a música en directo ata vilas de Lugo e Ourense. Contará con algunhas das artistas máis destacadas do panorama galego como De Vacas, Guadi Galego, Leilía, Os D’Abaixo e Uxía & Javier Ruibal. Mestura diferentes estilos que viaxan dende o pop ata á tradición, con paradas na lírica e incluso na parodia e o humor. O Ciclo Xacobeo no Interior é unha aposta pola música en galego e de calidade, pensada para achegar a mellor música galega á veciñanza e camiñantes das comarcas da Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras, apoiando promoción das nosas músicas e dos propios entornos rurais atravesados polo Camiño.
-
O Salón Teatro de Santiago recibiu os preto de 90 alumnos dos catro centros de Primaria e Secundaria que participaron na edición 2021-2022 do programa Cinema en curso para a estrea das pezas audiovisuais que realizaron xunto aos cineastas Ángel Santos, Xacio Baño e Otto Roca. A Xunta promove o desenvolvemento na nosa Comunidade desta iniciativa pedagóxica internacional a través da Filmoteca de Galicia e no marco do Plan Proxecta + para a innovación educativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
-
Anunciouse o nome dos galardoados coas Medallas Castelao 2022: o político Camilo Nogueira, o chef Javier Olleros, a Coral Polifónica El Eco, o equipo feminino de fútbol sala Pescados Rubén de Burela e o xornalista Javier Sánchez de Dios. O Goberno galego recoñece a traxectoria profesional e persoal dos condecorados, o seu traballo, os seus logros e que leven o nome de Galicia máis aló das nosas fronteiras. A Xunta considera merecedor desta galardón a Camilo Nogueira, un dos pais do Estatuto de Galicia e un dos maiores defensores dos intereses de Galicia en Europa como eurodeputado.
-
Atlántica 2022 contará coa participación de 42 narradores nacionais e internacionais de distintos lugares do mundo como Colombia, Bos Aires, Brasil, Portugal, Romanía, Hungría, Alemaña, Marrocos, Uruguai ou puntos de España (Guipúscoa, Madrid, Valencia, León e Zamora). Están previstas un total de 94 funcións, en concreto nas cidades de Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Ferrol, así como nos concellos de Outes, Teo, Carnota, A Pobra do Caramiñal, Mugardos, Boiro, Dodro, Paderne, Ribeira, Padrón e Zas na provincia da Coruña; Sanxenxo, Campo Lameiro, A Estrada, Cuntis, Pazos de Borbén e Lalín, na de Pontevedra, e Alfoz, Chantada e Mondoñedo, na de Lugo.
-
A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia fixo pública hoxe a programación completa da súa 38ª edición, que se desenvolverá do 15 ao 24 de xullo e na que recupera a súa dimensión internacional tras dous anos centrados no apoio ás compañías galegas cun formato condicionado pola pandemia. Baixo o lema 'Actuando nas marxes', a programación que se desenvolverá en diferentes espazos da capital do Ribeiro, con epicentro no Auditorio Rubén García do Castelo, está integrada por unha vintena de producións de teatro e danza chegadas de Perú (Hamlet, de Teatro La Plaza), Portugal (Margem, de Nome Próprio) e diferentes puntos de Galicia e do resto de España, como A Rioxa, Baleares, Cataluña, Madrid ou País Vasco.
-
USCénica 2022, o festival de artes escénicas que impulsa a USC, estenderase do 20 de xuño ao 9 de xullo cun amplo abano de actuacións musicais e teatrais, así como cun diverso programa formativo. Os espectáculos desenvolveranse na Sala de teatro Roberto Vidal Bolaño e terraza do auditorio da Universidade, así como no Teatro Principal e no Salón Teatro. Os cursos USCénica comezarán o mesmo día 20, mentres que a primeira das actuacións, a cargo de Paraíso Teatro, desenvolverase na terraza do auditorio da Universidade, o martes 21. Baixo a dirección de Roberto Leal, a compañía interpretará 'Os diarios de Eva e Adán (boleros no paraíso)'.
-
Foi inaugurada no Gaiás, no Día Internacional dos Arquivos, a exposición 'Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022), poesía, arte e vida', unha das actividades principais coas que se celebra o centenario do nacemento dunha das poetas galegas máis destacadas do século XX. A mostra, que poderá visitarse no vestíbulo do Arquivo e Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, ata o 17 de outubro, pretende difundir o legado deixado por Luz Pozo Garza, unha muller polifacética que foi a primeira galega en ser proposta para un Premio Nobel, membro da Real Academia Galega, promotora e directora de revistas literarias e profesora de Lingua e Literatura española no ensino secundario.