Noticias
-
A 70ª Temporada Lírica da Coruña ofrecerá unha quincena de citas ata o mes de decembro, entre recitais, galas e actividades formativas. Ademais de Asmik Grigorian, premio á mellor cantante feminina nos International Opera Awards de 2019, esta mesma semana o Teatro Colón acolle a versión concerto de A forza do destino, de Guiseppe Verdi, con dirección de Guiseppe Finzi e con Angela Meade, Alejandro Roy e Borja Quiza nos papeis principais. Tras a celebración da Gran Gala Lírica o 10 de setembro baixo a batuta de Pérez Sierra, os días 22 e 24 deste mes chegará outro dos pratos fortes da programación coa escenificación no Teatro Colón da ópera Norma, de Bellini, título emblemático do repertorio universal.
-
O EAN ofrece a oportunidade de participar nunha estancia de catro días no Gaiás –nun foro aberto ao intercambio de ideas, experiencias e procesos creativos– e aprender de artistas consolidados que participan no encontro como relatores. Nesta ocasión cóntase coa presenza do fotógrafo Tono Arias, dos creadores visuais Beatriz Lobo e Miguel Scheroff e da artista multidisciplinar Ana Esmith, coñecida no eido da performance como Miss Beige, nome co que ten colleitado o aplauso de crítica e público.
-
A Cidade da Cultura despide a exposición 'Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924-2020' que xa colleitou preto de 30.000 visitas desde a súa apertura no mes de abril. A mostra ofrece a posibilidade de contemplar unha das antoloxías sobre deseño contemporáneo e arte surrealista máis sobresaíntes. Este proxecto exhibe unha escolma de 280 obras que inclúe pinturas, esculturas, obxectos ou fotografías, pezas asinadas por artistas tan significativos como Man Ray, Le Corbusier, Salvador Dalí, Giorgio de Chirico, Meret Oppenheim, Ray Eames ou Frederick Kiesler, entre outros.
-
O circuíto das Feiras do Libro impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia experimentou este ano un incremento tanto nas vendas como no número de librarías participantes nos eventos. As citas deste ano involucraron a un total de 90 librarías, o que supón un incremento do 26% en relación ao pasado ano. En total, o circuíto de Feiras do Libro está composto por 13 paradas que inclúen preto de 900 actividades como sinaturas de libros, actividades infantís e presentacións, entre outras, que tiveron lugar nas máis de 130 casetas instaladas nas rúas de diferentes puntos de Galicia.
-
O cantante e compositor Amancio Prada ofrecerá este verán catro concertos en espazos monumentais de Galicia, concretamente nos concellos de Santiago de Compostela, Meis, Agolada e Noia. A primeira das citas terá lugar este sábado 27 na igrexa de San Martiño Pinario, onde o artista ofrecerá un recital dedicado por completo a vida e obra de Rosalía de Castro con poemas musicados como Adiós ríos, adiós fontes, Como chove miudiño ou Airiños, aires. Desde 1974, Amancio Prada ten musicado, cantado e gravado a obra da gran poeta galega Rosalía de Castro, cuxa obra coñeceu por primeira vez con 19 anos e vivindo en Castela e León.
-
Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra é un evento de comercialización directa e de divulgación dos oficios artesanais no que participan 22 obradoiros da marca Artesanía de Galicia. Os 19 expositores que comercializan as súas pezas neste evento representan 11 oficios diferentes: a marroquinería, a madeira, a elaboración de roupa, o pirogravado, a cerámica, o téxtil, a olería tradicional, a xoiería, os xoguetes, a bixutería e o vidro. Ao longo de toda a xornada celebraranse tamén tres obradoiros gratuítos e abertos ao público.
-
A Xunta abre o museo dixital do programa Xuventude Crea para difundir e promocionar o talento da xuventude galega. A través da web www.museoxuventudecrea.gal pódese acceder ás obras premiadas nas distintas categorías deste certame de creación xuvenil, que recoñece a creatividade, a orixinalidade e o enxeño dos mozos galegos nun amplo abano de disciplinas. Así, este novo espazo difunde os traballos premiados ao longo do programa en todas as súas especialidades, 14 actualmente.
-
OUR FEST converterá a Ourense no epicentro da música cun cartel que aúna a bandas, como Primal Scream, Belle & Sebastian, Metronomy ou The Big Moon; e propostas punteiras a nivel nacional, como a de Julián Maeso Big Band que ofrecerá un concerto especial en formato Big Band. Os asistentes poderán gozar durante unha xornada moi completa de seis concertos que se prolongarán ata a noite, e no recinto dispoñerán de barras e zona gastro con diversas ofertas de restauración.
-
A Cidade da Cultura pon en marcha 'Olladas máxicas no Gaiás', unha nova actividade pensada para facilitar ás familias a conciliación nas semanas previas ao comezo do curso escolar. Do 29 de agosto ao 9 de setembro, o Museo Centro Gaiás acollerá este campamento urbano deseñado para que a rapazada poida explorar a arte, a música, a maxia e o deporte desde perspectivas que fomenten os valores de solidariedade e igualdade. A Cidade da Cultura afonda así na súa liña de programación familiar cunha proposta que atende as necesidades de conciliación de nais e pais de maneira transversal, contribuíndo ao desenvolvemento dun sistema integral de coidados.
-
O documento, un estudo específico que integra perspectiva de xénero e Camiño de Santiago, pon de manifesto a alta presenza de mulleres nas peregrinacións que se converteu, segundo sinala, nun destino atractivo a partes iguais para homes e mulleres, no que as mulleres foron cobrando máis protagonismo. Así, desde 2013 a 2019 (anos completos analizados, excluíndo 2020 e 2021 pola pandemia), o número de mulleres peregrinas foi aumentando ata ter máis presenza feminina que masculina en 2019 cun 51,16% de mulleres participantes fronte ao 48,84% de homes. O 2018 foi o primeiro no que as rutas oficiais tiveron máis presencia de mulleres que de homes.