Noticias
-
A programación da Xunta no centenario de María Casares intensifica as súas actividades nesta recta final do ano con novas conferencias, exposicións e propostas escénicas e audiovisuais que se poderán gozar a partir do 21 de novembro, coincidindo coa data do seu nacemento. Ese mesmo día, a Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura inaugurará unha nova exposición bibliográfica con fondos propios que poderá visitarse ata o 27 de xaneiro e está comisariada por Patricia Babío e Carina Fernández. María Casares, a conquista da existencia inclúe unha trintena de libros, revistas, vídeos e discos que permitirán que os visitantes se acheguen á figura de María Casares que quedou plasmada no universo bibliográfico.
-
O Culturgal celebrará o seu 15º aniversario do 24 ao 27 de novembro no Pazo da Cultura de PontevedraAdemais da trintena de actividades que se desenvolverán durante os catro días de feira no Espazo Profesional, onde se darán cita as asociacións e axentes que operan nos distintos campos culturais, Culturgal regresa fiel ao seu encontro co público, desta volta baixo o lema 15 anos cos fíos da cultura. Nesta edición son máis de 90 as accións que terán lugar de venres a domingo arredor de cinco eixos: Espazo Libro, Música+Teatro, Programa Cine, Programa Infantil e Espazo Arte. Ao tempo, poderanse visitar máis dun cento de expositores do recinto feiral e do Espazo Arte coa presenza de institucións e empresas dos diferentes sectores aquí representados, entre eles o CGAC de Santiago.
-
Os traballos de posta en valor da zona arqueolóxica de Adro Vello mostran un xacemento moi rico onde se visualizan 18 séculos da historia de Galicia. Así se desprende dos primeiros resultados deste proxecto impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Universidade de Vigo que o vindeiro sábado se exporán nas xornadas 'Adro Vello. Pasado, presente e futuro'. Nesta cita, na que participan diferentes especialistas como profesores, arqueólogos, investigadores ou antropólogos, daranse a coñecer os traballos feitos o pasado verán por unha vintena de investigadores nun dos xacementos máis senlleiros da arqueoloxía galega das últimas décadas.
-
A Xunta de Galicia porá en marcha o Observatorio da Innovación do Patrimonio Cultural, co obxectivo de coñecer as iniciativas de carácter público e privado que se centren en abordar o patrimonio cultural galego desde un enfoque innovador. Así, a través deste observatorio detectaranse as boas prácticas arredor do patrimonio material e inmaterial de Galicia e impulsaranse a valoración e a sustentabilidade das intervencións realizadas e a súa difusión. Este coñecemento permitiu sentar as bases do Plan Catedrais, a folla de ruta para actuar nos inmobles máis senlleiros da Comunidade.
-
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) inaugurou Camiños III, a exposición que culmina a triloxía de mostras vinculadas ao camiñar nas que participaron máis de 40 artistas. Camiños III, comisariada por Santiago Olmo e o profesor da universidade da Coruña e crítico de arte Alberto Cartón conta coa participación dos artistas Vito Acconci, Janine Antoni, Miguel Ángel Blanco, Mar Caldas, Benvenuto Chavajay, Mona Hatoum, Kubra Khademi, Manolo Laguillo, Juan Lesta, Priscilla Monge, Jürgen Partenheimer, Damián Ucieda e Oriol Vilanova.
-
Foi inaugurada na Cidade da Cultura a exposición 'Camiños creativos', un percorrido pola relación entre arte e movemento do século XVIII ata a actualidade. A mostra exhibe no Museo Centro Gaiás obras asinadas por grandes mestres da pintura e da fotografía, como Turner, Constable, Courbet, Corot, Rousseau, Sorolla ou Cartier-Bresson, e referentes da creación máis actual: desde David Hockney a Julian Opie, Jeppe Hein ou Cristina Iglesias. Máis dun centenar de obras, moitas delas nunca antes exhibidas en Galicia, procedentes dunha trintena de museos e coleccións de oito países de Europa.
-
A mostra, que se poderá ver durante todo o mes de novembro no museo das Peregrinacións en Santiago de Compostela, recolle as postais realizadas no Camiño de Inverno polo ilustrador galego Miguelanxo Prado e a xornalista visual norteamericana Rita Sabler. No proxecto 'Camiñamos para parar', durante nove días de setembro, os dous artistas percorreron o Camiño de inverno, dende O Barco de Valdeorras ata Santiago. Armados coas súas acuarelas e papel, reflectiron nunhas ilustracións en forma de postais todo aquilo que lles chamou a atención durante a súa peregrinación, desde igrexas e edificios singulares ata pequenos detalles da paisaxe e da xente.
-
A serie de películas rodadas en Francia con María Casares como protagonista será un dos eixos da nova programación para o mes de novembro da Filmoteca de Galicia, co que se suma na recta final de ano á celebración do centenario da actriz coruñesa. A carteleira de novembro complétase coa continuidade dos ciclos dedicados a Charles Chaplin, a nova proposta Filmes falados ou varios pases dedicados á Mostra Internacional de Films de Dones de Barcelona (MIFDB), entre outros contidos. Precisamente o encontro catalán que leva 30 anos de traxectoria poñendo o foco no tratamento do feminismo desde o cinema será o que abra o programa de novembro na sala José Sellier.
-
O Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela, será por segundo ano consecutivo o escenario do ciclo Quintas do Camões, organizado entre o CDG e o Centro Cultural Portugués do Instituto Camões en Vigo. O programa deste ano volve poñer o foco nas raíces comúns dos idiomas galego e portugués, ademais de incidir no papel do teatro como espazo para o encontro cultural. As Quintas do Camões arrancan coa presentación da Antoloxía do teatro galego contemporáneo, escolma en dous volumes e edición bilingüe publicada pola Cena Lusófona, asociación portuguesa para o intercambio teatral no ámbito lusófono.
-
Foi presentado o Festival Kerouac, unha das citas de poesía escénica máis lonxevas de España que se celebra anualmente en Vigo. A programación arranca o xoves na Galería Maraca, onde se darán cita os Poetryfighters vigueses para dar comezo ao festival. Nesta primeira cita o poeta e rapeiro Malvares, a artista multidisciplinar Lupita Hard e o poeta e tamén director do festival, Marcos de la Fuente, presentarán a antoloxía bilingüe Poetryfighters, un volume que recolle voces de poetas que unen México e Estados e Unidos a través dun movemento poético. Neste evento colaborarán tamén alumnos e profesores da Escola Oficial de Idiomas, que lerán as traducións dos poemas en inglés.