Noticias
-
A Filmoteca de Galicia reabre as portas da súa sala de cine José Sellier o vindeiro martes 27, tras concluír as obras de renovación. Situada na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, a Filmoteca de Galicia mantén xa os seus servizos operativos e retoma agora a súa intensa carteleira de proxeccións, función que sustenta xunto ao labor arquivístico, á conservación do noso patrimonio audiovisual, á difusión da creación cinematográfica e á posta en valor da produción galega a actividade desta institución dende a súa fundación en 1991. A sesión inaugural celebrarase o martes 27 cunha dupla sesión.
-
Celebrouse na Facultade de Linguas Modernas da Universidade de Varsovia o acto de inauguración do XIII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) 'Abrindo rutas, expandindo camiños. Novas perspectivas e interseccións nos estudos galegos'. O obxectivo deste congreso, que se levará a cabo do 21 ao 24 de setembro, é explorar como os traballos de investigación innovadores na área dos estudos galegos están a fomentar o diálogo entre disciplinas académicas e entre representantes da cultura. Para iso contará con distintas sesións de comunicacións, paneis temáticos, obradoiros, mesas redondas, entrevistas e sesións culturais.
-
O Centro Dramático Galego e Ainé Producións estrearán o 29 de setembro no Salón Teatro de Santiago de Compostela 'Recortes, caneos e outras formas de driblar', espectáculo que abordará tanto a dimensión visible como a cara oculta do mundo do fútbol. O espectáculo mestura xornalismo, deporte e teatro nunha proposta escénica que xorde dun libro inédito de Nacho Carretero, dirixida por Tito Asorey, e que conta coa dramaturxia de José L. Prieto.
-
A Cidade da Cultura programa tres novos concertos do ciclo Matinais Musicais para este outono que achegan ao público as últimas creacións musicais de vangarda, o jazz e impulsan o diálogo entre Xapón e Galicia a través da música. Serán tres actuacións nas mañás dos domingos o 25 setembro, o 23 de outubro e o 27 de novembro e as entradas pódense adquirir xa a través de Ataquilla. As Matinais Musicais arrincan con Aruku – Camiñar e a cantante Ryoko Aoki, figura internacional do teatro Noh, unha das manifestacións máis antigas do drama musical xaponés.
-
O ciclo de conferencias 'María Casares. Do exilio ao escenario' organizado pola Xunta co gallo do centenario da actriz continúa este mércores 21 coas intervencións de Tina Sainz, grande amiga da artista coa que compartiu proxectos escénicos, e José Luis Méndez Romeu, que ten investigado sobre a súa figura. Este ciclo prolóngase ata finais de ano en distintas xornadas cunha ducia de intervencións protagonizadas por personalidades relevantes do mundo das artes e da cultura que coñeceron desde a proximidade o traballo e o legado da artista homenaxeada.
-
Con carácter informativo e didáctico, a mostra divídese en 15 paneis explicativos que percorren a vida e a obra do autor valdeorrés. Todos eles repasan a súa traxectoria vital e biográfica nunha rápida viaxe, rigorosa e amena, para comprender quen foi, que nos deixou e que implica a figura de Delgado Gurriarán. A exposición compleméntase cunha selección de obxectos persoais do escritor, expostos en mesas-vitrina, como cartas con persoeiros do seu tempo como Otero Pedrayo e Castelao, borradores de poemas que logo remataron nos seus libros e publicacións orixinais que facilitarán un achegamento máis completo para comprender a súa figura e obra.
-
A Sala Ártika ofrecerá até final de ano 50 funcións a cargo de 23 compañías diferentes, tanto de procedencia galega coma do exterior. O recinto situado na rúa Beiramar da cidade olívica incluirá, ademais, actuacións enmarcadas en tres festivais e ciclos diferentes: o III Comediátriko, o XX Circuíto da Rede Alternativa de Teatros e o VIII Festival Pequeártiko de Nadal.
-
No serán do sábado, faleceu na cidade da Coruña, Saleta Goy, a viúva do escritor Manuel María e Presidenta da Fundación que acolle o legado do poeta na Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei (Lugo). Os seus restos serán velados no tanatorio de Servisa da Coruña e o luns realizarase na Casa-Museo en Outeiro de Rei, unha despedida civil, ás 17 hrs, previo a recibiren sepultura, ás 18 hrs, no cemiterio de San Xoán de Outeiro de Rei. Os seus restos repousarán xunto aos do escritor Manuel María falecido no ano 2004, con quen compartiu 45 anos de vida e de intensa actividade cultural. Saleta Goy García cumpriu 90 anos o 6 de xuño e vivía na cidade da Coruña desde que en 1998 se trasladou alí, xunto a Manuel María, cando chegou á idade de xubilación.
-
Recibiron a "Navalla do Manuel" Pilar García Negro e (a título póstumo) Francisco Pillado Mayor, recitáronse poemas do poeta da Terra Chá á beira das Penas de Rodas e diante da súa tumba no cemiterio de Outeiro de Rei. Estes actos celébranse desde o primeiro cabodano da morte de Manuel María, organizados pola Asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María da Terra Chá. Comezou a celebración cun xantar no Restaurante Río Ladra para, a continuación, desplazarse ao paraxe das Penas de Rodas, onde se celebrou o primeiro dos recitais de poesía de Manuel María a cargo de amigos do Manuel, e cancións do cantautor monfortino Antón Valcárce que lembrou que xa que foi en Monforte onde Manuel María escribíu boa parte da súa obra, o escritor é tan monfortino como chairego.
-
En Vilalba, vense de presentar o libro LOIS PEÑA NOVO, 55 ANOS DESPOIS, publicado polo Colectivo Egeria co apoio da Xunta de Galicia e o Concello vilalbés. Na presentación tomaron parte a Alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro; o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; o especialista en Peña Novo, Manuel Roca; o historiador Xosé Antón Pombo e o xornalista vilalbés, Presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz. O libro publícase aos cincuenta e cinco anos do pasamento do avogado vilalbés, o 24 de xullo de 1967, cando acudía a Vilalba á inauguración do Parador de Turismo, sufrindo en Robra, na Nacional VI un accidente mortal no que foron víctimas o avogado e político, a súa dona Ermitas Verdes, e un matrimonio amigo.