O Culturgal celebrará o seu 15º aniversario do 24 ao 27 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/culturgal-2022.jpg)
Anxo M. Lorenzo acompañou a nova directora de Culturgal, Eva Alonso, na rolda de prensa na que se detallou o programa deste ano e na que tamén interviñeron as representantes doutras institucións colaboradoras. O director xeral de Cultura felicitou a organización por esta traxectoria de 15 anos, que “sempre contou co apoio e a complicidade da Xunta”, sinalou.
No contexto desta evolución, fixo fincapé na viraxe de Culturgal cara á vertente do negocio cultural, cunha xornada de apertura exclusivamente dirixida aos profesionais do sector. As asociacións Escena Galega e AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) organizan, tamén co apoio directo do Goberno galego, o encontro que terá lugar o vindeiro xoves para contribuír á dinamización da contratación de espectáculos escénicos e musicais. Con tal fin, ao longo de todo o día terán lugar unha serie de roldas de negocio de compañías, promotoras e axencias de representación con máis dunha vintena de programadores de Galicia e do norte de Portugal.
Stand renovado
Este ano a Xunta preséntase en Culturgal cun stand renovado, no que terán lugar varios obradoiros para o público máis novo, así como actuacións escénicas de pequeno formato. Estas actividades súmanse ás citas que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade lle ofrece á cidadanía a través da carteleira oficial da feira, entre as que se inclúe unha decena de presentacións sobre diferentes iniciativas impulsadas pola Administración autonómica, como o Plan Integral para a Danza de Galicia, o programa expositivo e de residencias artísticas da Cidade da Cultura, as accións de internacionalización do Centro Dramático Galego, a colección Lectura Fácil xunto a Galaxia ou as novas ferramentas dixitais para a difusión da poesía galego-portuguesa a través de aRi[t]mar.gal.
Así mesmo, Xunta e AGEM promoven os directos musicais da tarde do sábado 26 con Antía Muíño, Berto, Néboa e Grande Amore, mentres que o programa TeCe redes en galego, financiado a través do fondo de proxectos culturais Xacobeo 21-22, contribúe ao programa de Culturgal coas actuacións de Baobab Teatro, Ukestra do Medio, Elefante Elegante, Talía Teatro, Migallas Teatro, Magín Blanco, Capicúa 360, Brazolinda e Esther Carrodeguas.
Programa para o público
Ademais da trintena de actividades que se desenvolverán durante os catro días de feira no Espazo Profesional, onde se darán cita as asociacións e axentes que operan nos distintos campos culturais, Culturgal regresa fiel ao seu encontro co público, desta volta baixo o lema 15 anos cos fíos da cultura. Nesta edición son máis de 90 as accións que terán lugar de venres a domingo arredor de cinco eixos: Espazo Libro, Música+Teatro, Programa Cine, Programa Infantil e Espazo Arte. Ao tempo, poderanse visitar máis dun cento de expositores do recinto feiral e do Espazo Arte coa presenza de institucións e empresas dos diferentes sectores aquí representados, entre eles o CGAC de Santiago.
Un ano máis, a organización da feira Culturgal corre a cargo da asociación homónima, constituída pola Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).
R.