Noticias
-
Presentouse a mostra 'Re-Visión(s). Pecho os ollos e prepárome para dar o gran salto', que pode visitarse no CGAC ata o 11 de xuño. Unha exposición que percorre o traballo multidisciplinar de Olga Mesa, figura clave da nova danza contemporánea española de finais dos 80, que foi unha precursora na investigación das relacións entre o audiovisual e o corporal, entre outros ámbitos. Olga Mesa desenvolve unha dramaturxia experimental entre a danza, a performance, o cine e a instalación e que interpela directamente ao espectador.
-
Reputados expertos e responsables de museos picassianos de España e Francia recalarán o 24 de marzo no Museo de Belas Artes da Coruña para participar na Xornada 'Picassiana. Os museos como centros de investigación', unha iniciativa deseñada e coordinada polo equipo técnico do Museo na que ofrecerán novas perspectivas da obra e traxectoria do pintor, como os seus vínculos coa arte alemá, o proceso creativo da súa etapa de mocidade, a súa formación literaria ou o seu paso pola Escola de Belas Artes da Coruña.
-
O Instituto Cervantes de París é o escenario do peche dun ano de reivindicación do legado de Laxeiro, un dos pintores galegos máis relevantes do século XX e figura destacada da vangarda pictórica española. Hoxe finaliza na capital francesa o percorrido da exposición itinerante Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970), que sumou nesta última estadía internacional, entre o 27 de xaneiro e o 13 de marzo, máis de 1.000 visitantes. A iniciativa xurdiu despois de que a Real Academia Galega de Belas Artes decidise dedicarlle a Laxeiro no 2022 o Día das Artes e viuse reforzada coa implicación do Instituto Cervantes de París e da Embaixada de España en Francia.
-
A obra, que pasa a engrosar a sección clásicos de Xerais, recompila os case 40 anos de creación poética dunha das voces líricas máis importantes da segunda metade do século XX. Introducido por un limiar de Alonso Montero e ilustrado con seis imaxes do artista da Limia Xosé Lois Carreira, o volume presenta os textos ordenados en 12 seccións: A procura da identidade, Saudade das paraxes de outrora, O paraíso da infancia, A defensa dos desherdados, O panteísmo animista, O nihilismo, O pensamento: a vida, o medo, Deus, a morte, O amor o erotismo, a Tucha, Contra a inxustiza e a opresión, A reivindicación da lingua, A palabra creativa e Varia.
-
Guerrilla Girls. Portfolio Compleat, 1985–2016 é unha escolma da produción desde mediados dos 80 ata 2016 do colectivo Guerrilla Girls, formado en Nova York en 1985 como un grupo anónimo de artistas de acción feminista. Definida polo propio colectivo como unha mostra da “conciencia do mundo da arte”, as obras incluídas na mostra aprópianse da linguaxe visual do márketing publicitario para transmitir as súas mensaxes feministas dunha forma directa. Coñecidas por utilizar máscaras de gorilas para ocultar o rostro, as Guerrilla Girls identificáronse co nome de mulleres artistas falecidas como Frida Kahlo, Eva Hesse, Paula Modersohn-Becker, Käthe Kollwitz, Gertrude Stein ou Georgia O’Keeffe, entre outras.
-
O Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela foi o escenario da presentación da comedia Códice-K, a nova achega escénica que Ainé Producións estreará o venres 24 ás 20,30 h. no Teatro Principal, onde poderá verse tamén o sábado 25 á mesma hora. Tito Asorey e Noemi Rodríguez dirixen esta 'intrahistoria extra oficial' sobre o roubo do Códice Calixtino na catedral compostelá a partir dun texto de Manuel Cortés. As actrices Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón meteranse na pel de múltiples personaxes para ofrecer moi diferentes puntos de vista sobre esta historia. Ademais, unha DJ dará cobertura sonora e dramática á súa posta en escena.
-
Inaugurouse hoxe no Arquivo de Galicia, coincidindo co 8 de marzo, a exposición 'Voces esquecidas. As mulleres do Hospital de Conxo', centrada na saúde mental abordada desde unha perspectiva de xénero. A mostra poderá verse na Cidade da Cultura ata setembro e está enmarcada na serie Mulleres Sobranceiras que cada ano se organiza con motivo do Día Internacional da Muller. A través de 57 pezas, do fondo do Hospital Psiquiátrico de Conxo transferido ao Arquivo de Galicia polo Servizo Galego de Saúde en 2012, móstrase o relato das mulleres internadas no centro, posto en marcha en 1885, por cuestións consideradas na época enfermidades mentais.
-
A organización do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso anunciou hoxe o cartel da súa 16ª edición, que se celebrará do 5 ao 14 de maio en diferentes espazos dos concellos de Ourense, Cea e Nogueira de Ramuín. Así, o Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín, acollerá o 7 de maio a actuación de Fabio Álvarez, mentres que o de Santa María de Oseira, en Cea, será o escenario para o recital de peche o 14 de maio a cargo do cuarteto vocal The Orlando Consort, procedente de Reino Unido.
-
A MICE, que terá lugar do 15 ao 21 de marzo, pon o foco no cine de contido antropolóxico e no seu papel como ferramenta documental e pedagóxica. Nesta edición, o concepto de rururbanía como intersección entre o rural e o urbano será o eixe temático de toda a programación, desde as seccións competitivas Galicia e Internacional con Santiago Teijelo, Sara Traba, Eloy Domínguez Serén e Samuel Moreno Álvarez como representantes galegos, ata os apartados paralelos Trazas, Lindes e Impropias, pasando polas accións formativas e o resto das actividades do festival.
-
Unha programación do máis fresco da música urbana e electrónica do panorama nacional. Artistas como Hard Gz, Soto Asa, Israel B, Kaydy Cain, Miranda, Albany, Parkineos, MDA, Dirty Suc ou Deva farán desta edición un festival dos máis míticos do verán. Cabe recordar que o escenario do Rompe sempre é un trampolín das novidades e talentos da música urbana. Foi o primeiro festival de artistas a nivel internacional como Kidd Keo, Delaossa, ou Ergo Pro & ill pequeño, ademáis de ter nas súas edicións anteriores a nomes como Rels B, Fernando Costa, Recycled J que a día de hoxe atestiguan millóns de reproduccións. Esta traxectoria fai que asistir o festival Rompe asegura coñecer de primeira man aos artistas que van formar parte da élite do panorama urbano nacional este ano.