Noticias
-
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura despide este domingo 16 de abril a exposición De lugares e cousas. Colección de Arte Banco Sabadell, unha mostra que percorre a evolución da arte contemporánea desde a segunda metade do século XX ata os nosos días a través de 41 obras de 36 artistas entre os que se contan algunhas das figuras máis destacadas da creación plástica do século XX en Galicia, España e Portugal. Nesta escolma teñen presenza catro artistas galegos: Antón Patiño, Manolo Paz, Ángela de la Cruz e Christian García Bello.
-
A Cidade da Cultura de Galicia despide o domingo 9 de abril a exposición Camiños creativos, un percorrido pola relación entre arte e movemento desde o século XVIII ata os nosos días, que amosa no Museo Centro Gaiás obras de grandes mestres da pintura e da fotografía —desde Turner, a Constable, Courbet, Sorolla ou Cartier-Bresson— e referentes da creación contemporánea máis actual. A mostra, comisariada pola conservadora do Holburne Museum en Bath (Reino Unido), a galega Monserrat Pis Marcos, achega ao público galego máis dun centenar de pezas, moitas delas nunca antes exhibidas en Galicia, procedentes dunha trintena de museos e coleccións de oito países de Europa.
-
Artistas nacionais e internacionais actuarán en Lugo os días 11, 12 e 13 de maio no marco do sétimo festival Fa Ce La Fest. Os concertos serán na sala Clavicémbalo e na explanada exterior do auditorio Gustavo Freire -aínda queda algunha outra ubicación por determinar. Destaca a presenza da bilbaína La Bien Querida e os cantantes estadounidenses Micah P. Hinson e Ron Gallo. No apartado nacional figuran tamén Depresión Sonora (Madrid) e El Último Vecino (Barcelona); xunto con propostas de música internacional tan variadas como as dos Neatbeats (Xapón); The Shadracks (Reino Unido); Na Noise (Nova Zelanda); e Fee Reega (alemana afincada en Asturias).
-
O Carballo Interplay arranca a súa décima edición, consolidado como a cita de referencia en contidos dixitais, tanto a nivel galego como estatal. O programa que desenvolverá ata o vindeiro día 1 fará fincapé neste décimo aniversario, combinando experiencias de creación dixital que comezaron a súa andaina hai unha década coas que están a iniciarse na actualidade. A mostra (S8) desenvolverá a súa 14ª edición do 26 de maio ao 4 de xuño en distintos escenarios da Coruña, como a Filmoteca de Galicia.
-
Asomarse ao mundo persoal de Ramón María del Valle-Inclán a través de boa parte do patrimonio artístico que albergaba no seu domicilio, situado no número 5 da madrileña rúa Francisco de Rojas, é o que persegue a mostra 'Valle-Inclán íntimo', que permanecerá aberta ao público no Colexio de Fonseca ata o 1 de abril e que se nutre da colección particular dos irmáns Valle-Inclán Alsina, Fernando, Miguel e Javier: Obra pictórica, escultórica, debuxos, caricaturas, retratos de sinaturas coñecidas.
-
O Festival RESIS, creado no 2018 polo compositor coruñés Hugo Gómez-Chao é un extraordinario evento artístico que se sustenta na integración de propostas musicais de vangarda co patrimonio e os espazos naturais da Coruña, achegando a música contemporánea á cidadanía. A cita musical, considerada como un dos mellores eventos de música contemporánea de España, mantén o alto nivel dos programas anteriores.
-
Preto de 2.000 persoas visitaron a exposición Picasso branco no recordo azul, organizada pola Xunta de Galicia no Museo de Belas Artes da Coruña, na súa primeira fin de semana. As cifras recollen os visitantes rexistrados nos tres días iniciais de apertura, do venres 24 ao domingo 26 de marzo, cando se achegaron ata a mostra un total de 1.921 persoas, ás que se suman os 150 participantes nas Xornadas Picassianas celebradas no auditorio do propio museo. Picasso branco no recordo azul é a única exposición da Comunidade galega integrada na programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023, comisariada por Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira.
-
Esta edición contará con tres bandas lucenses: a da escola de gaitas San Martiño de Quiroga, a municipal de Chantada e a do Concello de Monforte de Lemos; ademais das bandas do Concello do Bolo, Fuentes Nuevas de Ponferrada, a ourensana Ladies Band, Agarimo de Catabois e Real Xuvenil de Ourense. Tamén actuarán destacados artistas do mundo da gaita como o asturiano El Pravianu e os galegos Nadia Vázquez -Musette Barroca -e David Bellas -gaita medieval -; que intervirán tamén como xuíces instrutores-; ademais do músico Alexander Suárez, especialista en gaita irlandesa. O certame deste ano, subtitulado Memorial Muíño, lembra a figura do artesán e investigador José María Alfonso García Muíño.
-
O Centro Dramático Galego viaxará por primeira vez ao Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida para representar unha das súas producións propias, Shakespeare en Roma, que poderá verse no teatro romano da capital estremeña os días 18 e 19 de xullo. A programación completa da 69ª edición desta prestixiosa mostra foi anunciada hoxe mesmo no transcurso dun acto no que participou o director da unidade teatral da Xunta de Galicia, Fran Núñez, para dar conta do fito que estas actuacións suporán na traxectoria da compañía institucional galega a prol da proxección exterior do noso teatro e dos seus profesionais.
-
Máis de medio cento de actividades paralelas arrouparán a grande exposición Picasso branco no recordo azul que se inaugurará este xoves no Museo de Belas Artes da Coruña e coa que reivindica a pegada galega na traxectoria do artista. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o comisionado da Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso, Carlos Alberdi, xunto con Malén Gual en representación dos comisarios, ofreceron hoxe unha rolda de prensa da exposición, a única mostra da Comunidade enmarcada na programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023 impulsada polo Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso.