Noticias
-
Baixo o título 'Horizontes dos Estudos Galegos e /na Lusofonía', esta nova edición do congreso da AIEG parte do tradicional vínculo entre Galicia e os países lusófonos para promover o debate, a crítica e novas propostas sobre as relacións no espazo cultural, académico e institucional. Farao a través de relatorios, paneis, mesas e sesións plenarias nas que participarán especialistas das tres universidades galegas, pero tamén do ámbito nacional e internacional, que discutirán sobre os campos lingüístico, literario, histórico, económico, antropolóxico, filosófico, sociolóxico e artístico. No marco do congreso tamén terán cabida as actividades culturais, como excursións ou exposicións, especialmente dirixidas á mocidade investigadora; ou a presentación de produtos académicos e proxectos, como o Proxecto Nós, impulsado polo Goberno galego para incorporar a lingua propia de Galicia á vangarda da Intelixencia Artificial.
-
O programa TRC Danza, organizado polo Teatro Rosalía Castro da Coruña, ten como obxectivo promover as artes do movemento, e para iso ofrecerá a exhibición de 13 espectáculos e 39 actividades de mediación para o fomento de públicos arredor desta disciplina escénica. TRC Danza 2024, que se articula anualmente en dous bloques temporais de primavera e outono, inclúe tres pezas programadas no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios e contén outras propostas creadas coa contribución das subvencións á creación escénica ou como coprodución co Centro Coreográfico Galego, ademais de acadar un patrocinio específico para toda as citas de mediación.
-
O Centro Dramático Galego (CDG) estrea 'Os actos e as profecías', a produción central do seu 40º aniversario, este xoves 11 na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, onde desenvolverá 48 funcións ata o 26 de maio. Tamara Canosa dirixe esta nova proposta, á que lle dan vida 20 intérpretes, constituíndo un dos elencos máis numerosos do CDG nestas catro décadas de historia. Co mundo dos talent shows como punto de partida, Os actos e as profecías lanza ao aire cuestións como o lugar do público na creación, a fama, a competición e as decisións vitais marcadas pola procura do éxito.
-
En FONTEGAM, xa aberto ao público para consulta libre, converxen textos latinos e romances. Os primeiros son achega do Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA), proxecto desenvolvido tamén desde o Ramón Piñeiro, dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades; mentres que os materiais romances son a contribución do Corpus Galego-Portugués Antigo (CGPA), impulsado desde o Instituto da Lingua Galega, centro de investigación da Universidade de Santiago de Compostela. Trátase dun recurso innovador que unifica nun mesmo espazo as linguas usadas na escrita da Galicia medieval, unha etapa da nosa historia na que ambas as institucións son un referente.
-
Este ano, o calendario chega con importantes novidades, entre as que destaca o regreso da Feira do Libro de Vigo ao centro, localizándose na praza de Compostela. Tamén se reforzarán todas as citas con maior variedade de eventos, contando con mesas redondas, presentacións, actividades infantís e debates, entre outras actividades. Baixo o título Atopa a túa Historia, a cita inaugural será en Ferrol, do 19 ao 21 de abril. A Feira do Libro de Santiago de Compostela celebrarase do 27 de abril ao 5 de maio; no Porriño será do 9 ao 12 de maio, e en Lugo do 13 ao 17 dese mesmo mes. Xa en xuño, Ourense acollerá a súa feira do dia 5 ao día 8, mentres que en Redondela será do día 13 ao día 16.
-
O Consello do Patrimonio Histórico Español decidiu aprobar por unanimidade que a candidatura da Ribeira Sacra sexa a proposta de España para inscribirse na Lista de Patrimonio Mundial. Así, tras o aprazamento estratéxico da candidatura decidido no ano 2021, o órgano de coordinación entre o Estado e as comunidades autónomas valorou positivamente a proposta da Xunta de Galicia para acadar o máximo recoñecemento da Unesco para esta zona das provincias de Lugo e Ourense á que se referiu como un exemplo de resistencia e calidade que serve de inspiración para todo o Estado. Trátase dunha decisión que supón retomar oficialmente a recta final do proceso da candidatura, coa previsión de que poida ser abordada na sesión do Comité do Patrimonio Mundial de 2026.
-
Trátase dunha iniciativa do fotógrafo Xulio Gil, comisariada por Xabier Limia, que se poderá visitar na sede de Afundación na Coruña ata o 25 de maio. A mostra, articulada por unhas 100 imaxes, tivo o seu berce no ano 1988 co gallo da exposición Antropolóxicas e continuou posteriormente coa colección Artistas Galegos dirixida por Antón Pulido. Desde entón, foi sumando fotografías ata construír este proxecto expositivo, composto por imaxes de gran formato e acompañado dun catálogo. As persoas que se acheguen ata este espazo poderán descubrir as miradas capturadas por Xulio Gil de numerosos artistas recoñecidos como Francisco Leiro, Laxeiro, Elena Colmeiro, Antón Pulido, Ánxel Huete, Rosalía Pazó e moitos outros.
-
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno autonomico presentará no Consello do Patrimonio Histórico Español, que se celebrará na illa da Palma, a candidatura da Ribeira Sacra 'para que se converta en Patrimonio Mundial da Unesco'. A Ribeira Sacra abarca máis de 16.000 hectáreas de 22 concellos das provincias de Lugo e Ourense e está declarada Ben de Interese Cultural (BIC) desde o ano 2018. Para Rueda 'é un dos maiores tesouros patrimoniais de toda España' que destaca 'pola súa riqueza paisaxística, cultural e enogastronómica'. Por iso, asegurou que a Xunta agarda que 'obteña este recoñecemento internacional'.
-
O volume presentado en Santiago nun acto no que tamén estivo o reitor da USC, Antonio López, está feito baixo a dirección do catedrático Ramón Villares e afonda na evolución da Facultade de Xeografía e Historia a través de estudos, biografías e testemuños directos, ofrecendo unha obra coral e ilustrada que proporciona unha estampa rigorosa e de calidade dun centro universitario senlleiro que, durante décadas, foi a única licenciatura ofrecida na USC no eido das Humanidades.
-
A organización do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso presentou hoxe o cartel da súa 17ª edición, que se celebrará do 3 ao 12 de maio en diferentes espazos singulares dos concellos de Ourense, Castro Caldelas e Cea. Trátase dun evento dedicado á difusión da música culta desde escenarios arquitectónicos patrimoniais, que este ano ofrecerá cinco concertos a cargo de formacións de Serbia, Francia e España, ademais do dúo integrado polo arpista galego Manuel Vilas e a mezzo-soprano polaca Paulina Ceremuzynska.