Presentado o libro 'Razón de historia', dirixido polo catedrático Ramón Villares

Na súa intervención, o representante do Goberno galego convidou a celebrar a “fonda tradición e legado” destes estudos aos que se referiu como unha “clave para entender a Galicia contemporánea”. “Os que pasamos por esta facultade, no meu caso tanto como estudante como profesor, temos a sorte de formar parte dunha gran comunidade educativa e profesional xunto con algúns dos nomes máis brillantes da historiografía española e europea e os miles de mozos e mozas que hoxe continúan adquirindo coñecemento”, sinalou Román Rodríguez antes de referirse a persoeiros como Antonio Eiras Roel, Xosé Ramón Barreiro ou Ramón Otero Pedrayo.
Neste senso, gabou o traballo feito pola Universidade de Santiago de Compostela ao longo dos anos “e a súa capacidade para avanzar de xeito parello ao curso da sociedade e adaptar o ensino da historia para ofrecer un maior entendemento da realidade pasada, presente e futura”. “O historiador é unha figura transversal que abrangue coñecementos de moitos eidos, pero que ten un obxectivo concreto: ampliar a visión da poboación e por iso é importante que os estudos ofrezan unha formación o máis ampla posible, como se fai en Santiago”, puntualizou.
O volume presentado hoxe en Santiago nun acto no que tamén estivo o reitor da USC, Antonio López, está feito baixo a dirección do catedrático Ramón Villares e afonda na evolución da Facultade de Xeografía e Historia a través de estudos, biografías e testemuños directos, ofrecendo unha obra coral e ilustrada que proporciona unha estampa rigorosa e de calidade dun centro universitario senlleiro que, durante décadas, foi a única licenciatura ofrecida na USC no eido das Humanidades.
Foto: Wikipedia
R.