Noticias
-
O Consello da Cultura Galega acolleu a presentación dos libros 'As xeracións do Montserrat', 'Estebo' de Xosé Lesta Meis e 'Verdades como puños', tres obras fundamentais para comprender a historia e a memoria da emigración galega. 'As xeracións do Montserrat' destaca pola súa capacidade para capturar a memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido, relatando as vivencias persoais e as historias de vida daqueles que emigraron na segunda metade do século XX. 'Estebo' de Xosé Lesta Meis, publicada en 1927, aborda por primeira vez na narrativa galega a temática da emigración a Cuba. 'Verdades como puños' ofrece unha recompilación exhaustiva de artigos, documentos e testemuños sobre as condicións e experiencias da emigración galega.
-
Luis Tosar conta cunha traxectoria na que figuran tres Premios Goya, dous Premios José María Forqué e cinco Premios Mestre Mateo. Desde os seus comezos no teatro profesional galego nos anos 90, a súa carreira non deixou de medrar. Zaza Ceballos é unha produtora, escritora e directora cinematográfica galega. Foi ademais unha das pioneiras do audiovisual de Galicia desde os seus inicios na Televisión de Galicia, e cos seus proxectos a través da produtora Zenit Televisión SA. A Academia Galega do Audiovisual creouse en 2002 coa participación das principais asociacións profesionais e empresariais do sector que aglutinaban guionistas, intérpretes, directores, realizadores e produtoras co obxectivo de darlles cabida a todos os oficios e profesións dese ámbito.
-
O ciclo de espectáculos do Verán en Familia da Cidade da Cultura chega ao seu ecuador este mércores con Viva o Pop!, un concerto especial no que cativada e maiores bailarán ao ritmo dos grandes éxitos dos 80 e 90. Máis de 1.200 persoas asistiron xa ás actuacións musicais e de circo programadas neste ciclo, impulsado pola Xunta de Galicia dentro da campaña de actividades de estío para todos os públicos, CulturON. Viva o Pop! é un concerto a través do que rememorar a música que marcou a adolescencia de pais e nais cos máis pequenos da casa. Unha proposta de ocio da compañía Rock en Familia na que persoas de todas as idades poden vivir a experiencia da música en directo, ao tempo que descobren a historia das cancións dalgúns dos artistas e grupos máis relevantes da música pop contemporánea.
-
Un ano máis, e xa van 5, a Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel ten o pracer de organizar o Courel Son, Jazz e Blues na Montaña. Serán catro grandes concertos en catro localidades distintas da serra, mantendo o obxectivo de dar vida a todos e cada un dos pobos do noso territorio, ao tempo que demostramos que, sexa a paraxe que sexa, dispoñemos dos mellores escenarios naturais. Este ano contamos, unha vez máis, coa imprescindible axuda económica da área de Cultura da Deputación de Lugo, pero tamén cunha aportación da Sociedad de Artistas Intérpretes o Ejecutantes (AIE), que quere premiar con esta achega a orixinalidade da nosa proposta, na que non buscamos a masificación, senón a excelencia.
-
Despois dunha longa temporada sen novas creacións, Sólodos, a compañía de Maruxa Salas e Erick Jiménez, presenta Mover cenizas, unha peza de rúa cunha duración de 20 minutos inspirada nos incendios que asolaron Ourense en 2006 e que deixaron unha profunda pegada na coreógrafa. A compañía retoma un tema xa tratado en Vacuo, primeira produción propia do Centro Coregráfico Galego estreada en xaneiro do 2007. Para este novo espectáculo, cóntase coa asistencia do coreógrafo catalán Arnau Pérez de la Fuente e a composición musical do ourensán John Axiom.
-
O Atlantic Fest terá lugar o 19 e 21 de xullo e contará coas actuacións xa o mesmo venres dos artistas Carlos Ares, The Parrots, Alcalá Norte, Rocío Saiz, Gazella e Grande Osso. O sábado 20 están previstas as actuacións dos Planetas, Crystal Fighters, Sílvia Pérez Cruz, Carlos Sadness, Derby Motoreta's Burrito Kachimba, Depedro, Cariño, Luis Fercán, Florent e Eu e Dani Dicostas. O domingo, último día do festival, actuarán Mika, Sidonie, Elefantes, Andrés Suárez, As Dianas, Grande Osso e Rocío Saiz. A pasada edición do Atlantic Fest obtivo unhas cifras de 30.000 asistentes, 300 postos de traballo creados de forma directa, e máis de 100 empresas involucradas na organización e realización do festival.
-
A Federación Europea do Camiño de Santiago que integra a administracións públicas de 10 países vén de notificar á Xunta de Galicia a renovación da certificación como Primeiro Itinerario Cultural Europeo do Camiño de Santiago, unha renovación que avala o traballo realizado pola Xunta e demais administracións públicas e asociacións nos últimos anos para conseguir manter e conservar os criterios que fixeron posible este recoñecemento hai máis de 30 anos. Desde o Instituto Europeo de Itinerarios Culturais felicitan á Xunta pola súa participación activa para manter os criterios establecidos polo Consejo de Europa.
-
O punto de partida do Congreso Internacional de Estudos Xacobeos é o da concesión, hai xusto nove séculos, da dignidade arcebispal á cidade. O papa Calisto anunciouno 23 de xuño de 1124, como recoñecemento ao Apóstolo e ao lugar no que se repousaba o seu corpo. O nomeamento e o apoio papal ás nacentes peregrinacións supuxeron tensións e discusións con outras sés ibéricas. Tirando deste fío, 31 expertos de sete países tratarán sobre as relacións entre Roma e Compostela, pero tamén as de Santiago e a peregrinación co resto de Europa e as manifestacións culturais que xerou a romaxe.
-
Nun espazo único, os cociñeiros Álvaro Villasante, Lucía Freitas, Héctor López e Javier Rodríguez Ponte “Taky” realizarán demostracións culinarias nas que empregarán como soporte pezas de 10 obradoiros de Artesanía de Galicia. Haberá pezas de cerámica dos obradoiros de Buño (Malpica de Bergantiños), Alberto Lista e Alfarería Rulo; Cerámica Raposiñas (A Pobra do Caramiñal), Laura Delgado (Cambre), Ojea Studio (Vigo) e Susana Anta (A Coruña); coitelos de Celso Ferreiro (A Fonsagrada); pezas de coiro de Eferro (Merza, Vila de Cruces); e pezas de madeira elaboradas por Atalanta Madera (A Estrada) e Carballo Estrela (Pontevedra).
-
CulturON, a campaña de actividades estivais que se estenderán por toda Galicia ata setembro, chegará este ano a máis de 200 concellos co obxectivo de dispor dunha oferta cultural descentralizada e diversificada, accesible a todos os públicos con independencia da súa idade ou do seu lugar de residencia. Organízanse así case 550 actividades no marco dos distintos festivais que se celebran en moi diversas localidades (de narrativa, teatro, música...) con algunhas citas de especial relevancia como son as englobadas no Fest Galicia ou a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Ademais, súmanselle os máis de 800 eventos vencellados a circuítos de danza, maxia, música, espectáculos de rúa, novo circo ou literatura, que farán fincapé nas zonas rurais.