Noticias
-
Alberto Ramos (Santiago de Compostela, 1986) licenciouse en Xornalismo pola USC en 2009. Iniciou a súa traxectoria profesional na sección de cultura no diario Xornal de Galicia. Tras o peche da cabeceira, continuou a súa carreira como colaborador en medios como Praza, Nós Diario ou Luzes e especializouse na comunicación de iniciativas culturais. Iniciouse na crítica literaria en 2006 con Dor pantasma, título co que acadou o premio Biblos-Pazos de Galicia de novela. En 2009 gañou o Premio de novela por entregas de La Voz de Galicia coa obra Con acuse de recibo.
-
Este domingo 22 a partir das 16,00 horas, o Festival Go! Go! Zo! abre as súas portas no Monte do Gozo para ofrecer a macroactuación organizada pola Casa do Rock con versións en galego de temas míticos do rock de sempre como Born To Be Wild, de Steppenwolf; Holiday, de Green Day; Believer, de Imagine Dragons, e o himno da mesma escola. Ao encontro, no que xa se prevén máis de medio milleiro de asistentes, pode participar calquera persoa, tanto cun instrumento como coa súa voz. O único requisito para facelo é inscribirse na web oficial da escola e descargar as partituras.
-
Presentouse hoxe a quinta edición do 'Maré. Festival de Músicas e Artes Atlánticas', un evento de carácter multicultural que converterá a cidade de Santiago de Compostela nun punto de encontro cultural e lingüístico. Esta cita contará cunha trintena de artistas chegados doutros países como Alemaña, Angola, Brasil, Estonia, México, Mozambique, Palestina ou Portugal. A iniciativa, que se celebra dende o día 25, pon de manifesto esta diversidade lingüística cunha programación específica polo Día Internacional das Linguas o día 26. O Maré acollerá unha ampla oferta de iniciativas que van desde a música ata as artes escénicas.
-
A mostra 'Luísa Villalta. A música das palabras' segue a contribuír na difusión do legado da autora homenaxeada este ano polas Letras Galegas. A exposición componse de 14 paneis divulgativos que transportan ao visitante polos fitos máis importantes da vida e obra da coruñesa. A eles súmanse seis vitrinas con pezas orixinais relacionadas coa protagonista e un vídeopoema recitado pola propia creadora. Un repaso que posibilita dunha maneira moi doada e accesible o coñecemento e comprensión da traxectoria de Luísa Villalta vista desde moi diversas perspectivas, como é a súa infancia, a súa etapa universitaria, a súa evolución no eido musical, os seus primeiros escritos ou o seu labor intelectual, activista e docente.
-
O primeiro concerto do ciclo Ópticas contemporáneas, organizado pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, liga este domingo os sons dos devanceiros coa composición contemporánea. A actuación reúne o Ensemble Música Práctica co multiinstrumentista e luthier Abraham Cupeiro, convidado de honra para interpretar por primeira vez en Galicia a obra A constelación de Saxitario, composta especificamente para el polo compostelán Fernando Buide. A peza é un encargo conxunto da Quincena Musical de San Sebastián e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dentro das accións de apoio á creación artística.
-
A 46ª Semana de Cine de Lugo celebrarase do 23 ao 29 de setembro. A carteleira inclúe 147 películas que poderán verse en cinco espazos da cidade, como a Delegación Territorial da Xunta, a Biblioteca Provincial, o auditorio Gustavo Freire, o Vello Cárcere e o salón de actos da Deputación. Representantes das entidades patrocinadoras e colaboradoras participaron hoxe na presentación do programa xunto a Xulio Xiz, presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá e Manuel Curiel, coordinador da iniciativa, que organizan o certame desde o ano 1979.
-
A Xunta de Galicia e o Musée du Quai Branly-Jacques Chirac (Francia) veñen de asinar un acordo para exhibir este outono en Galicia unha das maiores exposicións internacionais sobre tatuaxe. Co título Tattoo. Arte baixo a pel, a mostra explora a historia e simboloxía cultural, social, estética e relixiosa desta práctica e intenta explicar as razóns de que as tatuaxes estean presentes en todas as épocas históricas e zonas xeográficas do mundo. A proposta, producida polo que é un dos museos franceses máis relevantes, inaugurarase no Museo Gaiás o 24 de outubro e permanecerá aberta ata o 20 de abril.
-
O 50º Premio de Poesía de Vilalba, dotado con 7.000 euros, diploma, flor natural e a edición do libro premiado, foi entregado a Andrea Fernández Maneiro, de Vilagarcía de Arousa pola Alcaldesa, Marta Rouco. A poeta arousá recibiu o premio polo libro MERIDIANO ORIXE. O libro será publicado pola editorial Alvarellos. O premio foi concedido polo xurado formado por Darío Villanueva, da Real Academia Española; Ramón Villares, da Real Academia Galega, Cecilia Fernández, Doutora en Teoría da Literatura e escritora; Fidel Fernán, Director do Grupo Radio Principal: Xulio Xiz, xornalista; Tamara Rodríguez, Concelleira de Cultura e, como secretaria, Mª Sonia García, funcionaria do Concello de Vilalba.
-
Manuel María, o poeta da Terra Chá, morreu o 8 de setembro do ano 2024. Desde entón, cada ano, Xermolos de Guitiriz e a Irmandade Manuel María, o 8 de setembro, celebran a "Memoria da Chaira Enteira", á que este ano corresponde a XX edición. O centro de celebración é a terra natal de O Manuel, Outeiro de Rei, e comezará ás 14,30 cun xantar de irmandade no Restaurante Río Ladra. Seguiralle (17,00 h.) un recital de poemas de Manuel María no simbólico lugar de As Penas de Rodas, tan querido polo autor de "Terra Chá", libro que conforma a infraestrutura cultural básica desta unidade xeográfica e humana que ocupa o centro da provincia de Lugo.
-
A Consellería do Medio Rural promove a creación da Ruta das igrexas e da denominación de orixe protexida (DOP) Arzúa-Ulloa como instrumento de dinamización do rural e produto turístico. Esta iniciativa, que capitanea o concello de Curtis, beneficiará outros 31 municipios máis pertencentes ás comarcas de Arzúa, Terras de Melide, A Ulloa, Chantada e Deza. A conselleira, María José Gómez, salientou que esta iniciativa representa "sustentabilidade do territorio" e serve para "poñer en valor o patrimonio unido á gastronomía e a ese territorio coidado e traballado".