Culturgal ultima a súa 17ª edición cunha programación de 200 actividades e espectáculos
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/culturgal-leilia.jpg)
Sutil, quen interveu nesta presentación xunto a Víctor López, presidente da Asociación Culturgal; Camilo Franco, director da feira, e representantes do resto de entidades implicadas, fixo fincapé no compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude co desenvolvemento anual deste evento e coa ampla rede de colaboradores asociativos e empresariais que traballa na súa organización.
No caso da Xunta, ademais da achega de 85.000 euros que canaliza a través do convenio asinado coa Asociación Culturgal, estanse a preparar unha vintena de accións que se inserirán no programa xeral do encontro para o seu desenvolvemento tanto no expositor institucional como no resto dos espazos do recinto. Entre elas, os contacontos de A Vendedora de Fume e de Vero Rilo, os espectáculos do Mago Teto, Pedro Volta e Teatro Ghazafelhos, un achegamento ao proceso creativo da proposta escénica Ca-co-flex, as performances de Kirenia Danza e de Daniel Rodríguez arredor das súas respectivas coproducións co Centro Coreográfico Galego, ou a de María Gimeno para a presentación do catálogo da exposición do Museo Centro Gaiás Outras historias posibles.
Promoveranse, así mesmo, a Foliada Culturgal do domingo, coa participación do Grupo de Música Tradicional da Xunta de Galicia, ademais de tres exhibicións interactivas no Espazo Videoxogos ou os obradoiros de xoiería e tatuaxe asociados a outras dúas exposicións da Cidade da Cultura de Galicia: Tattoo. Arte baixo a pel e Unha vida viquinga.
Entradas xa á venda
As entradas por días e os bonos para acceder a esta 17ª edición da Feira das Culturas Galegas atópanse xa á venda na web cultur.gal, con descontos por compra anticipada, así como prezos especiais para familias e público infantil. Xa se poden adquirir tamén as localidades para asistir aos espectáculos Ultranoite cultureta, que a compañía Chévere creou especificamente para a feira, e A nena e o grilo camiño das cores, co que Magín Blanco despedirá a serie A nena e o grilo.
Culturgal 2024 será tamén o escenario de dúas celebracións, a dos 30 anos do movemento bravú a e do décimo aniversario de PuntoGal, ademais de ofrecer os concertos de Su Garrido Pombo, Caamaño & Ameixeiras e Pava, o proxecto musical de Lucía Aldao.
Un cento de postos no recinto feiral
No apartado literario, destacan os encontros co recente Premio Nacional das Letras, Manuel Rivas, e con Olga Novo, Premio Nacional de Poesía 2020. Ademais, o recinto feiral contará este ano cun cento de postos, un espazo propio para as artes escénicas e volverá acoller diferentes mesas redondas para profesionais do sector, que desta volta abordarán temas como o xornalismo cultural ou os usos e perigos da intelixencia artificial.
Un ano máis, a organización da feira corre a cargo da Asociación Culturgal, constituída pola Asociación Galega de Editores, Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, Asociación Galega de Empresas Musicais, Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías e Asociación Galega de Produtoras Independentes.
R.