Notas
-
O Museo Universitario A Domus do Mitreo amplía a súa área expositiva, cuxa fase de renovación se prolongará ata mediados de xuño, coa mostra de ósos e restos faunísticos do ‘banquete mitraico’, tal e como se denomina o momento da celebración máis importante da liturxia relixiosa do Deus Mitra e durante o que as persoas que estaban a render culto comían.
-
A maior satisfacción dunha universidade é ver como as persoas que nela se forman contribúen ao desenvolvemento da sociedade en calquera dos seus ámbitos. Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003) foi poeta, tradutora, editora, narradora e profesora; feminista e reivindicativa; urbana e transgresora... e tamén alumna de Filoloxía Hispánica durante varios anos na Universidade de Vigo.
-
Entre xaneiro de 2015 e xuño de 2020, Xosé Luis Méndez Ferrín publicou no Faro de Vigo 261 textos xornalísticos acubillados na sección No Fondo dos Espellos. Estes escritos efémeros agora están dispoñibles para o público xeral nun libro editado pola Universidade de Vigo. Este volume constitúe un xeito de homenaxear ao escritor e doutor Honoris Causa pola UVigo e de compilar todos estes contidos que publicou cada sábado durante eses cinco anos e medio no xornal vigués.
-
O Espazo de Cine da Área de Cultura da USC impulsa a creatividade audiovisual da mocidade a través da convocatoria da sexta edición do maratón ‘Findecurta’, un certame promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación Provincial e Concello de Lugo, que se desenvolverá do 4 ao 8 de xuño de 2021. O certame propiamente dito comezará o 4 de xuño cunha sesión informativa que se desenvolverá de xeito telemático, a través da plataforma Zoom.
-
'Xela Arias: unha voz transgresora, insubmisa, desconforme, defensora radical da independencia. Dende o non privilexio, cuestionou a orde, fuxiu do establecido, interrogou, afastouse do esperado. Poeta fóra das convencións, desobediente, Xela escribiu e viviu por elección'. Con esta apelación preséntase o volume Xela Arias. A literatura e a vida, por elección co que a USC se suma á conmemoración do Día das Letras Galegas 2021 dedicado a Xela Arias.
-
Por primeira vez nos 12 anos de historia deste ciclo, o presente trimestre de POETAS DI(N)VERSOS non acolle tres senón catro recitais con autores en galego e do resto do mundo. Máis concretamente, este maio –adoito alcumado como “mes das letras”– será o que reciba dúas sesións de lecturas públicas na voz dos seus propios autores/as. Sempre no Auditorio do Centro Ágora, ás 20h e conducidos pola fundadora e coordinadora do proxecto, a tamén poeta e xestora cultural Yolanda Castaño.
-
Os profesionais da xestión cultural fían a cumprimento das boas prácticas a futura celebración de eventos e espectáculos culturais, tal e como se recolle no manual elaborado pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) xunto coa Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC, que o vindeiro curso ofertará o título de grao en Xestión Cultural.
-
Trinta e catro palabras foron dabondo para que Álex Gallego Couñago (2010), alumno do CEIP Manuel Padín Truiteiro de Arcade, se fixese co primeiro premio da categoría infantil do IV Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal. A súa historia, titulada 'Saíndo do túnel', foi a mellor valorada entre os máis de 300 contos presentados por nenos e nenas de ata 11 anos.
-
'Cadáver exquisito' é como se denomina este xogo impulsado polos surrealistas que consiste en crear un texto colaborativo. Ledicia Costas foi a encargada de comezar o relato, co único requisito de que Vigo debía ser o marco no que acontecese a acción. Seguiranlle Pedro Feijoo, María Reimóndez, Domingo Villar, María Xosé Porteiro, Marcos Calveiro, Francisco Castro, Rexina Vega, Manuel Esteban e Inma López Silva.
-
A abordaxe da cidade de Santiago de Compostela dende múltiples ópticas é o eixo que vertebra os dous libros que a Rede Galabra presentou este martes no Colexio San Xerome. O reitor Antonio López acompañou ao director da Rede e decano da Facultade de Filoloxía, Elias J. Torres Feijó, así como á integrante de Galabra, Marisa del Río, na presentación destes dous volumes titulados 'A cidade, o camiño e nós' e 'Visitar, comerciar e habitar a cidade', que pretenden reflectir como somos, como nos vemos, e como nos ven.