Notas
-
Foi presentada na Biblioteca pública municipal de Miño (A Coruña) a exposición 'Aquela nena de Sarria', na honra de Xela Arias, por térselle dedicado este ano o Día das Letras. No acto participaron o Alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo; Pura Galán Voutureira, en representación da Secretaría Xeral de Política Lingüística; a pintora e ilustradora lucense Sabela Arias, e o presidente de Egeria, Xulio Xiz.
-
O festival inclúe cinco concertos e a entrega do Premio Galimusic, o primeiro terá lugar o 22 de agosto no Consorcio Local Os Peares con Alejandro Gómez e Miguel Ángel Ortega Chavaldas, o segundo, o 27 de agosto no Mosteiro do Divino Salvador de Ferreira de Pantón, denominado 'Nacionalismo: Folclore e Tradición', e o seguinte o 28 de agosto na Igrexa do Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, co concerto A onde as negras ramas se estenden.
-
O ciclo O país das bandas, promovido pola Xunta e a Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22, chega o martes a Melide cun concerto da Unión Musical Ponteledesma. A actuación será ás 12,30 horas na Praza do Cantón. Ese mesmo día chegará a Triacastela e a Cervo con concertos da Banda Filarmónica de Lugo e da Banda de Música O Landro de Viveiro, respectivamente.
-
O Salón Teatro acolle a partir de mañá os últimos ensaios da nova produción do Centro Dramático Galego (CDG) Serva me, servabo te (axúdame e axudareite, en latín) para a súa representación neste espazo do 9 ao 26 de setembro. A estrea está prevista para o 5 de setembro no marco do Festival de Teatro Galego (FETEGA) do Carballiño, onde será espectáculo inaugural.
-
Presentouse o Festaclown 2021, que un ano máis converterá Vilagarcía na capital galega do clown e das risas do 16 ao 21 de agosto. Un ano máis, as protagonistas serán as mellores compañías galegas: Pedras de Cartón, Circo Chosco, Dani García, A Vela Circo, Sue Moreno ou Assircópatas. Completan a programación grandes nomes a nivel estatal e internacional como Tchyminigagua, Bergamotto Clown, Mayte Guevara, Rudi Dudi ou Eddy Eighty.
-
Investigadores da Universidade de Santiago desenvolveron unha metodoloxía específica para estudar a capacidade de carga turística do Camiño Francés. Este é un concepto técnico que mide o número de visitantes ou persoas usuarias dun recurso turístico unha vez que se teñen en conta aspectos como a superficie dispoñible, as condicións climáticas ou as limitacións derivadas da xestión administrativa do recurso.
-
O 20 de agosto, cadrando coa data do pasamento de Avelino Pousa Antelo, na Casa do Concello de Teo (A Coruña), no auditorio Constante Liste, ás 12:00 horas, a Irmandade Avelino Pousa, xunto coa Irmandade Manuel María e a AC Xermolos, farán recoñecemento do VIII Caxado de Avelino ás irmás Marica e Tereixa Campo, pola íntima afectividade, amizade e lealdade a Avelino Pousa Antelo. Este recoñecemento cada ano baséase precisamente na valoración de afecto, relación limpa e lealdade á persoa de AVELINO POUSA.
-
'Hai unha cita que di que a historia comeza onde acaba a memoria da última xeración viva, e Ian Gibson é aí onde traballa, nun lugar onde conflúen os mitos, as lendas, a memoria da xente que vai entrevistando, que son memorias mediatizadas polo seus recordos, son historias con minúscula, individuais e subxectivas, e Ian ten, ou autoimponse, a tarefa de convertelas en historias con maiúscula'.
-
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou hoxe a novena edición de Cultura no camiño, o programa da Xunta de Galicia que promove un amplo circuíto de espectáculos escénicos e musicais ata o mes de setembro e que este ano bate o seu récord de participación con 163 concellos adheridos, unha cifra que supón un incremento do 25% respecto ao ano pasado e de máis do dobre en relación á edición celebrada en 2019.
-
Seguindo a iniciativa da Xunta de Galicia #AcendeoXacobeo, coa que se iluminaron máis dun cento de edificios e monumentos en Galicia para anunciar o comezo do Ano Santo, Turespaña está a replicar a exitosa iniciativa promovendo a iluminación de edificios vencellados co Camiño de Santiago en Europa con motivo da celebración do 25 de xullo.