Notas
-
A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñecer como Mestras e Mestre da Memoria 2021 respectivamente a Teresa dos Cucos e Aurelio Ramos Ogando, polas súas achegas á mesma ao longo das súas vidas, contribuíndo así a manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular. As distincións entregaranse no marco da VI Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo.
-
O camiño cara á normalización do galego na contorna dixital que promove o ‘Proxecto Nós’ ábrese paso a través dunha primeira dotación que permitirá o inicio do proceso de deseño e planificación de accións. O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a directora da Amtega), Mar Pereira Álvarez, informaron sobre o convenio que formaliza a primeira inxección económica do proxecto.
-
Despois duns meses marcados pola pandemia, a música volve a formar parte da programación cultural do campus de Pontevedra, da man do ciclo de concertos impulsado pola Vicerreitoría e a Concellaría de Promoción Económica e Universidades, ao abeiro dun convenio para o desenvolvemento de actividades nos ámbitos da cultura, educación, deporte, medio ambiente e novas tecnoloxías.
-
O Instituto da Lingua Galega (ILG) pon o colofón á semana da celebración dos seus 50 anos de historia cunha homenaxe a tres dos seus máis senlleiros investigadores: Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González. Ao longo de catro xornadas interviñeron diversos colaboradores do ILG de universidades de Galicia, Portugal, Brasil e Suíza e tres investigadores novos da institución.
-
Vén de botar a andar este pasado luns 18 a X edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética “Con barqueira e remador”, que se celebra ao longo dunha semana de outubro na illa de San Simón. Fundado e coordinado pola tamén poeta e xestora cultural Yolanda Castaño dende hai unha década, a iniciativa desenvolvera unha edición en liña o pasado ano e neste 2021 volve á presencialidade, xustamente dende a que fora illa de corentena en certos períodos da historia.
-
800 páxinas, máis de 32.000 entradas, 50.000 significados. Así é o Dicionario do Galego de Asturias, obra magna de Carlos Xesús Varela Aenlle, xeógrafo de formación, doutor en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e académico correspondente da Real Academia Galega para o Eo-Navia. A obra naceu da necesidade de recoller a riqueza léxica da área lingüística dialectal da comarca do Eo-Navia, formada por 19 concellos do occidente de Asturias.
-
O 50 aniversario do Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC centra dende este luns a vixésima primeira edición do seu simposio anual. 'O ILG naceu no ano 1971, durante o franquismo, e desenvolveu un papel protagonista na estandarización do galego. A súa relevancia era maior que a dun centro de investigación, tratábase dunha auténtica autoridade a nivel lingüístico', explicou o seu director Xosé Luís Regueira Fernández.
-
O Concello de Paradela vai celebrar durante o próximo 2022 o seu primeiro bicentenario. aradela naceu como concello en 1820, pero a celebración dos seus douscentos anos foi adiada polo problema da COVID ata o momento en que puidese celebrarse con maior liberdade, e así en 2022, coas favorables perspectivas sanitarias, estímase o momento axeitado para diversas celebracións que son obxecto de estudo nestes momentos.
-
Tivo lugar na Biblioteca municipal de Miño (A Coruña) a presentación da exposición MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, sobre a vida e obra do escritor de Paradela. Ademais, presentouse o libro "Manuel Rodríguez López, 25 anos despois", que recolle traballos de 50 personaxes destacados da cultura galega sobre a figura de Manolo Rodríguez.
-
O Festival Internacional de Cine de Tui, Play-Doc, vén de botar o pano da súa 17ª edición, logo do peche da programación en liña a través da plataforma dixital FILMIN, e que incluíu, entre os seus contidos, as retrospectivas deste 2021 dedicadas a Manfred Kirchheimer e Bette Gordon, e a recuperación dos títulos do cineasta filipino Kidlat Tahimik que Play-Doc proxectou no 2019.