Notas
-
As profesoras da USC Mercedes Brea e Pilar Lorenzo Gradín presentaron este luns o volume de estudos interdisciplinarios centrado na relación entre Alfonso X e Galicia, e publicado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. O acto, no que tomou parte o conselleiro de Cultura, Educación e Universidades, Román Rodríguez, serviu de prólogo a diversas efemérides que terán lugar ao longo desta semana, organizadas por diversas institucións, co gallo do 800 aniversario do nacemento.
-
Representación e reflexión combínanse nas I Xornadas Creación e Pensamento. Violencias á escena, un ciclo no que as artes escénicas se combinan con faladoiros dirixidos a pór o foco en problemáticas como a violencia machista, a situación das empregadas do fogar e os prexuízos asociados á idea do amor romántico na adolescencia.
-
O Salón Teatro de Santiago será a principal sede do Encontro para a formación e a innovación no circo D10!, organizado pola compañía Pistacatro e que chega á súa sexta edición. Neste marco, o escenario do Centro Dramático Galego acolle os vindeiros días 24, 25 e 26 tres espectáculos abertos ao público e mais o obradoiro de dramaturxia no circo Escribir o risco, que terá lugar no Centro Sociocultural do Romaño.
-
Acaba de saír de imprenta unha obra de carácter histórico-biográfico do senlleiro profesor do Seminario de Mondoñedo, Dino Pacio Lindín (Xemil, A Pastoriza, 1934). Leva por título 'Dino Pacio Lindín, o guía dunha vangarda cultural'. Foi escrita por dezaseis antigos alumnos e amigos, e coordinada polo profesor Manuel Rivas García. Os autores réndenlle unha homenaxe e deixan testemuña do aprecio que lle gardan ao seu mestre e guía nos anos mozos.
-
Bernarda Espida é un personaxe ficticio, creado polo escultor Xavier Costa, que cobra vida para relatar, desde o seu nacemento e ata a súa norte, a cámara dos horrores que o último terzo do século XX e o principio do XXI foi para moitas mulleres en diversos puntos do mundo. 54 pezas esculpidas ao longo de cinco anos en pedra, madeira e ferro, e por outros tantos gravados, que son o relato pictórico da historia desta heroína galega
-
Cinema Rabudo nace en Santiago de Compostela co fin de xerar un espazo de encontro para o audiovisual crítico e inconformista e incitar o debate e a reflexión sobre problemáticas sociais de actualidade. Feminismos, ecoloxismo, dereitos humanos, multiculturalidade e migracións son algúns dos temas que se tratan nas oito pezas que se proxectarán entre o 22 e o 26 de novembro.
-
Tras un ano de parón provocado pola pandemia, neste 2021 a Semana de Cine Submarino si poderá celebrar o seu trinta aniversario. E farao coa proxección de seis documentais entre este mércores 17 e o venres 19 nos que terá especial relevancia a vida oceánica e os tesouros da península ibérica.
-
Os Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño de Santiago estarán dedicados na súa décimo sexta edición a 'Pensar o mundo despois da Pandemia' e están concibidos como unha homenaxe a Emilia Pardo Bazán. O seu programa celebrarase entre os días 18 e 20 en modalidade semipresencial na USC, organizado pola Sociedade Interuniversitaria de Filosofía (SIFA) e a Sociedade Galega de Estudos Nipóns.
-
A idea do cinema como un xeito de expresarse e comunicarse, máis aló de narrativas ou formatos, centrou o coloquio que protagonizaron na Facultade de Belas Artes os artistas Ana Domínguez e Ángel Rueda, directores do Festival S8, a Mostra de Cinema Periférico da Coruña. A actividade serviu para anunciar a nova sección, Paraíso, que o festival estreará en 2022 e que estará dedicada as “inquedanzas, experiencias e traballos” das facultades de Belas Artes.
-
A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela acolle xoves e venres a duodécima edición do congreso Small Cinemas, que leva por título ‘Do celuloide ao streaming: conservación e circulación dos pequenos cinemas’. Organizada polo Grupo de Estudos Audiovisuais e celebrada por primeira vez en Galicia, esta conferencia internacional reúne participantes de máis de 20 universidades e outras institucións.