Notas
-
Tivo lugar a gala de entrega de premios da novena edición do certame OUFF Escola, no que este ano participaron 102 traballos de toda Galicia. O OUFF Escola é un evento organizado polo Concello de Ourense, ao abeiro do Festival de Cine de Ourense, e ten como obxectivo impulsar o uso do galego, coñecer a visión da infancia e da xuventude sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual.
-
A Asociación galega Músicas ao Vivo, a través da súa sección MAV Coruña, organizará na cidade de A Coruña un evento de 6 días baixo o nome de A Coruña Respira Música. As actividades previstas entre o 10 e o 15 de decembro contan co apoio económico do Concello da Coruña e o seu obxectivo é ofertar unha serie de actividades dirixidas aos músicos e músicas da cidade e da súa area metropolitana para contribuír á súa formación e darlle unha visión global sobre o sector musical e os seus retos.
-
O Premio Nobel de Química en 2016, Jean Pierre-Sauvage, pronunciará este xoves 29 unha conferencia sobre máquinas moleculares en bioloxía e en química. Precisamente foi ese o traballo polo que conseguiu o premio da Academia xunto con Sir J. Fraser Stoddart e Ben Feringa, unha investigación que abriu o camiño para a revolución nanotecnolóxica.
-
Galicia contará con representación na Feira Internacional do Libro de Guadalajara, que se desenvolve ata o vindeiro 2 de decembro. Nesta trixésimo segunda edición do que é o evento editorial profesional máis relevante de Iberoamérica, a cultura galega está representada polos escritores Rosalía Fernández Rial, Manel Loureiro, Arantza Portabales e a ilustradora Macus Romero.
-
Preto de 70 traballos de 17 países distintos, proxectaranse durante o Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), do 29 de novembro ao 5 de decembro. Un certame que tamén homenaxeará ao actor Luís Tosar (premio Cidade de Ourense); á actriz Mabel Rivera (premio Fundación AISGE a toda a traxectoria); e ao director ourensán Xavier Bermúdez (premio Calpurnia de Honra).
-
Mañá, sábado, ás 12,00 h., na igrexa nova de Guitiriz, vaise entregar o título de FILLO ADOPTIVO DO CONCELLO DE GUITIRIZ ao crego e activista cultural Alfonso Blanco Torrado. No acto, que será conducido polo xornalista Xulio Xiz, actuarán o Gaiteiro Raul Galego, a Banda de música de Guitiriz, dirixida por Abel Riveira Pena e a Coral Xermolos, que dirixe Manuel Vizcaíno.
-
Se o ciclo de recitais da Concellaría de Culturas da Coruña reúne cada mes unha voz en galego e outra chegada de calquera outro recanto do mundo, neste segundo recital da décima edición de POETAS DI(N)VERSOS presentará dous poetas cuxas orixes familiares hai que situar no interior lugués. Será o vindeiro luns 26 de novembro, coma sempre ás 20:30h no Auditorio do Centro Ágora da Coruña.
-
A Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración con ABANCA, achegará os días 27 e 28 de novembro a toda a cidadanía a súa oferta formativa, investigadora e de transferencia de coñecemento na primeira edición dunha feira na que ademais dará conta da súa aposta decidida por difundir a cultura emprendedora entre o estudantado universitario.
-
Quedou aberta a exposición 'Os Micromedios Lucenses', que recolle preto dun cento de publicacións da provincia de Lugo que viron a luz entre 1975 e 1984, nos primeiros anos da democracia. A exposición ten a súa orixe na tese doutoral da profesora Rosa Cal, Doutora en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, que estudou a prensa dos "micromedios" galegos neste período da nosa historia.
-
O ciclo cultura Asaltos! clausurouse este sábado subindo ao ring creativo da Cidade da Cultura de Galicia á filóloga Chus Nogueira xunto aos poetas galegos Antón Blanco e Elías Portela, Premio Minerva e Premio Poesía Afundación, respectivamente, e arbitrados neste 'combate' por Silvia Penas, poeta, filóloga e vocalista do grupo Cinta Adhesiva.