Notas
-
Nomes tan coñecidos como Xoel López, Luar na Lubre, Novedades Carminha, Susana Seivane, Mercedes Peón ou Triángulo de Amor Bizarro comparten programa con artistas que están a despuntar no panorama musical galego, como High Paw & Elephant Yards, Xoana, Blanco Palamera, Faia, Boyanka Kostova, Laura LaMontagne ou Pauliña, entre moitos outros. Este espazo musical desenvolverase ao longo de 50 programas duns 40 minutos de duración.
-
Play-Doc, Festival Internacional de Cinema de Tui, que se celebrará do 23 ao 27 de setembro, presenta en rigorosa estrea española os títulos que conforman a súa sección oficial. Cinco filmes procedentes de Chile, Arxentina, Bélxica e Portugal, que se poderán ver por primeira vez en España despois dun percorrido exitoso por algúns dos principais festivais internacionais. Play-Doc deseña a súa programación presentando primeiras obras de cineastas emerxentes ede realizadores xa consagrados.
-
A Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións afondará no impacto que a pandemia da COVID-19 está a orixinar na ruta xacobea. A USC acaba de impulsar, ao abeiro da II Convocatoria de Proxectos de Investigación dous proxectos de investigación que se centrarán no influxo que a crise sanitaria está a ter na capacidade de carga turística do Camiño Francés, e no perfil do peregrino, pola outra. No marco desta convocatoria, tamén se creará a base de datos de recursos académicos, científicos e didácticos ‘Rede Xacobea’.
-
Rendeuse homenaxe en Guitiriz a Ricardo Carballo Calero, abríndose a exposición 'Don Ricardo de Fingoi', dentro dos actos do Festival de Pardiñas, que organiza a Asociación Cultural Xermolos. Na inauguración interviñeron a Alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; o Presidente da Asociación Xermolos e da Irmandade Manuel María, Alfonso Blanco Torrado; o Presidente do Instituto de Estudos Chairegos, Manuel Castro Santamariña, e o xornalista Xulio Xiz, que falou sobre os quince anos lucenses do profesor.
-
A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), organizada por Museo do Pobo Galego, presentou hoxe a programación da súa décimo quinta edición, que finalmente terá lugar do 25 ao 29 de agosto tras o seu adiamento o pasado mes de marzo uns días antes da declaración do estado de alarma. Preséntase agora nun novo formato mixto, adaptado á situación, na que combina proxeccións e actividades paralelas tanto presenciais como en liña.
-
O equipo do filme Cuñados, primeira longametraxe de ficción da produtora galega Portocabo, presentou o inicio da súa rodaxe, que dará comezo a semana que vén e se desenvolverá integramente na cidade de Ourense e noutros puntos da provincia. A Xunta de Galicia cofinancia a película cunha achega de preto de 260.000 euros.
-
A MICE, que se celebrará do 25 ao 29 de agosto en Santiago, estreará o documental Dorothé na vila de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, premio Luisa Villalta da Deputación da Coruña. A mostra incorpora o cinema ao aire libre, para gozar de filmes no Parque de Bonaval, no que se poderá ver Xoves de comadres de Noemí Chantada ou Las cinéphilas da arxentina María Álvarez.
-
A Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña presenta para esta edición un formato dual que combinará actividades presenciais con diversos contidos deseñados exclusivamente para a rede. O festival inspírase no programa de referencia para a comunidade do cinema experimental 'Screening Room', emitido nos anos 70, para crear un dos seus formatos online estrela desta edición: 'Camera Obscura'.
-
Elaborado polo Grupo de Análise e Modelización Económica da USC (GAME), o informe 'Avaliación e análise do potencial do Camiño de Santiago-Vía da Prata para o desenvolvemento sostible a escala local' achega un conxunto de propostas de actuación que buscan facilitar a toma de decisión cara unha mellor ordenación e dinamización de Galicia no relativo ao Camiño de Santiago.
-
'Antropoloxía visual dunha sociedade confinada' está composta por 27 fotografías e dous vídeos realizados durante o confinamento derivado da pandemia da covid-19. Unha experiencia inédita na nosa sociedade que ten producido enormes cambios e con consecuencias e implicacións perdurables aínda por explorar.