Notas
-
Este xoves o grupo Northwest actuará na sala Almacén do espazo cultural da Universidade da Coruña, NORMAL, no Campus de Riazor, con entrada libre e gratuíta. Fundado a finais de 2015 no Reino Unido polo multi-instrumentista, compositor e produtor Ignacio Simón e por Mariuca García-Lomas, Northwest foi definido como 'novo e experimental', 'cinematográfico e etéreo' e comparado con músicas como as de Scott Walker, Portishead, Radiohead ou Mark Hollis.
-
A Aula de teatro universitaria do campus de Pontevedra estreouse na XXIV edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo. Para a súa primeira posta en escena escolleron a obra Nosa Señora das Nubes, unha dramaturxia dirixida por Salvador del Río na que se abordan principalmente dous temas: a memoria e o exilio.
-
Baixo o nome Os sons da Pedra. O ronsel do Mestre Mateo, a Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da USC en colaboración co grupo de investigación Organistrum programa para estes días un compendio de actividades académicas e culturais cara á difusión do patrimonio instrumental proxectado na pedra polo xenio galego. A iniciativa apóiase nos traballos de construción en madeira dos instrumentos do Pórtico desenvolvidos entre 1990 e 1993.
-
O tratamento do mal na súa obra; a súa relación coas temáticas da Idade Media; a representación visual das súas historias e o uso das runas e o seu legado, foron os temas centrais do seminario Tolkien in the 21st Century, que acolleu o salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo. Organizado polo Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da FFT, a sesión xurdiu dun interese persoal de investigación do docente deste departamento Jorge Luis Bueno.
-
No mundo virtual, os conceptos do real e do verdadeiro 'son complexos de discernir e desde a arte podemos sinalalos e criticalos', salienta o artista e alumno da UVigo Daniel Cerecedo, que presenta nestas semanas na galería La Doce de Boiro Chatroom, un proxecto expositivo no que reflexiona sobre a 'dicotomía público-privado', dous conceptos tamén, sinala, 'de difícil distinción no mundo virtual'.
-
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román González, e o presidente de Renfe, Isaías Táboas, asinaron un acordo de colaboración para homenaxear a Florencio Delgado Gurriarán, autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Ao abeiro deste acordo, ambas entidades desenvolverán accións conxuntas encamiñadas a promocionar e fomentar a cultura e a lingua galegas a través dos servizos públicos de Renfe Viaxeiros, así como á promoción do transporte por ferrocarril.
-
O FIV de Vilalba volverá tinguir de rosa fucsia a localidade que lle viu nacer fai xa quince edicións. Ata o vindeiro domingo, o FIV acollerá un dos carteis máis completos que se lembran, volvendo á súa orixe, formando parte de apertura da tempada de festivais. Trátase dun evento único que funciona ademais como dinamizador cultural do territorio, xa que durante o mesmo, as dezanove propostas musicais mestúranse con outras disciplinas que completan a experiencia.
-
Unha obra que propuña unha reflexión sobre o feminismo e sobre a situación da muller no século XXI abriu no Pazo da Cultura a XIII Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu) de Pontevedra, que recuperaba a súa actividade tras doce anos de interrupción. A Aula de Teatro da USC foi a encargada de inaugurar este ciclo teatral promovido pola UVigo coa colaboración do Concello.
-
Do 1 ao 16 de maio a cidade de Ourense acollerá a celebración da 27ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu). A cita contará nesta edición con 17 espectáculos de compañías e aulas de teatro universitarias de catro países, destacando na programación actuacións como as de Leo Bassi e Pepe Viyuela.
-
A Universidade da Coruña retoma coa edición deste ano do Festival Internacional de Teatro Universitario da Coruña o camiño cara a normalidade. Aínda que este ano o FITEUC terá un formato máis reducido, desde a vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Deporte esperan que o próximo curso se volva a un festival coa participación de universidades como as de antes da pandemia.