O teatro universitario levanta de novo o pano en Pontevedra doce anos despois

Conformada por catro sesións, programadas todas elas para as 21.00 horas e con entrada gratuíta, a Miteu continúa na noite deste xoves coa primeira das tres obras que terán como protagonistas aos e ás integrantes das aulas teatrais dos diferentes campus da Universidade de Vigo. Hoxe mércores poderá verse no Pazo da Cultura O parke do crepúsculo, do grupo Maricastaña, nivel 3 da Aula de Teatro do campus de Ourense. Con dramaturxia e dirección de Fernando Dacosta e inspirada nun libro de Paul Auster, trátase dunha obra que aborda a temática da ocupación a través das historias dun grupo de persoas diverso que convive nunha casa abandonada.
A actividade continuará a vindeira semana coa representación, o mércores 27 de Emigrados, a cargo da aula do campus vigués. Dirixida por Casilda Alfaro e Sonia Rúa, trátase dunha obra construída a partir dunha serie de textos de diferentes autores, que teñen como punto de unión unha reflexión sobre a emigración. Por último, o xoves 28, este ciclo pecharase coa estrea en Pontevedra da primeira montaxe da Aula de Teatro do campus, Nosa señora das nubes. 13 dos e das participantes na actividade que no presente curso puxeron en marcha a Vicerreitoría e a Concellaría de Promoción Económica e que tivo á fronte ao responsable de Teatro de Ningures, Salvador del Río, levarán a escena esta montaxe baseada nun texto do autor arxentino Arístides Vargas e que reflexiona sobre a memoria e o exilio.
Universidade de Vigo