Notas
-
Comeza no Ateneo de Ourense o próximo 18 de setembro, mércores, un ciclo de conferencias sobre a figura de Prisciliano e a súa importancia na historia europea, española e galega. A conferencia correrá a cargo de D. VICTORINO PÉREZ PRIETO, doutor en Teoloxía pola Universidade Pontificia de Salamanca e doutor en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, profesor universitario xubilado, nas Universidades da Coruña, Santiago, Bogotá e, ultimamente, na Universidade de Lasalle (Madrid).
-
Un xurado constituído polos patróns da Fundación Curros Enríquez, María Xosé Porteiro, Baldo Ramos, José María Paz Gago e Felipe Ferreiro, que actuou como secretario, fallou os premios correspondentes ó primeiro concurso de poesía 'Acouga-Casa dos Poetas', que coordina a Fundación Curros Enríquez e que ten como premio unha viaxe dunha semana á Riviera Maya.
-
Elas Son Artistas viaxa ata Betanzos para a obra de teatro 'Boa sorte, mala fama' de Tarabela TeatroA sétima edición do Ciclo Metropolitano pola Igualdade na Música e nas Artes Elas Son Artistas retoma as artes escénicas tras clausurar o pasado 30 de agosto a exposición de María Maquieira na Coruña. No mes de setembro e no inicio de outubro poderanse ver unha obra de teatro en Betanzos, un espectáculo de humor en Culleredo e un concerto no Garufa Club.
-
Este sábado Expourense abrirá as súas portas para unha xornada repleta do mellor pop rock alternativo. Un festival que en tan só tres anos, logrou posicionarse como un referente da escena musical nacional, e este 2024 non será diferente, cun cartel que promete emocións fortes grazas á presenza de artistas como Jake Bugg, Miles Kane e Yard Act, que actuarán por primeira vez en Galicia, xunto a grandes nomes como Teenage Fanclub, Los Enemigos e Caballo Prieto Azabache.
-
'Variedade temática e axeitada inserción de tramas nas que o detectivesco e o histórico se dan a man cos relatos de natureza máis telúrica', así describiu o xurado do IX Concurso Balbino de Relatos a obra O meigallo dos soños, da autoría de Juan José Lamelas Caneiro e natural do Concello de Ourense, que se alzou como gañadora desta novena edición.
-
O catro de setembro ás 19,00 h., inaugúrase na Casa da Galería da Praza Maior de Castro de Rei, a exposición OS NOTABEIS, “Serigrafía medio salvaxe”, de Jorge Carla, Antonio Asensi e Israel Dawood, que reflicte a volta de personaxes dun Castro de Rei do século pasado. Dirixida por Bernardo Tejeda, está organizada pola Fundación Margarita Ledo Andión, coa colaboración da Rede Museística Lucense da Deputación Provincial de Lugo.
-
A serie galego-portuguesa Lume atópase xa na recta final da súa rodaxe, que se vén levando a cabo en diferentes localizacións das dúas beiras do Miño. O director da Agadic, Jacobo Sutil, acompañou o equipo durante a gravación no concello pontevedrés de Cuntis dalgunhas das últimas escenas deste thriller, para o que a produtora galega Setemedia dispón dunha subvención de máis de 240.000 euros por parte da Xunta de Galicia.
-
A plataforma Neofalantes.gal continuará entre 2024 e 2026 o programa de actuacións para poñer en valor a lingua galega entre as persoas que comezan a falala a través deste proxecto da USC. O portal conta con seccións sobre o mundo neofalante, actualidade da lingua galega, investigacións lingüísticas, polémicas en redes relacionadas co galego ou vídeos.
-
The Wild Fest chega á súa sexta edición afianzándose como un dos festivais máis singulares de Galicia. Ademais da actuación dunha ducia de bandas nacionais, o festival chama a atención por celebrar The Wild Cinema, un festival de cinema medioambiental que proxectará máis dunha vintena de curtas internacionais. O certame, que terá lugar do 30 de agosto ao 1 de setembro, celébrase no parque forestal de San Miguel de Oia (Vigo).
-
O Museo Casa de la Troya manterá abertas as súas portas durante todo o verán -ata mediados de outubro- para que composteláns e visitantes poidan percorrer a vella pensión de estudantes, inmortalizada por Alejandro Pérez Lugín na súa novela homónima. O horario de apertura é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, de martes a sábado, pechando os domingos e os luns.