Notas
-
Coma ven sendo habitual, os organizadores do Galician Freaky Film Festival presentaron esta mañá o cartel do evento ós pes do Dinoseto para obter a súa bendición. A segunda edición (tras unha edición 0 e máis a #1 Edition) busca manter os pilares sobre os que se cimenta o festival: gamberrismo, diversión e frikismo túzaro. A alma da Xeración Xabarín convertida en festa e culto cinematográfico ó gore, ó terror, á ciencia ficción, á fantasía e á serie B.
-
Como aperitivo da semana grande de concertos do novo festival Ateneo Barroco, comezamos coas actividades complementarias gratuítas. De vocación divulgativa e didáctica, estas actividades complementarias comezan con dúas sesións “cinematográficas”, comezando coa participación do arpista compostelán Manuel Vilas, creador dunha singular proposta en directo na que a arpa serve de vehículo de transporte para un “travelling” moi especial ao longo de 50 anos de historia do cinema.
-
O escritor Valentín Alvite (Vimianzo, 1959) coa novela "Antía e Daren e os pequenos detectives" é o gañador da XII edición do Premio Raína Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil da Deputación da Coruña. O xurado decidiu declarar finalista a novela "A noite da deusa" da autoría de María López Sandez. "Antía e Daren e os pequenos detectives" é, segundo o xurado, "unha novela de misterio presidida polo humor". Destaca a "orixinalidade da historia que sae das liñas habituais da literatura infantil máis recente".
-
Entre as propostas destaca a realización dun mural en directo a cargo de Yoseba MP, dentro da súa serie Fenómenos do rural, e a actuación de Inmaculate Fools o sábado. No marco desta edición do FICRURAL vai haber unha exposición sobre o artista galego Yoseba MP e o seu singular proxecto creativo Fenómenos do rural, centrado en mulleres do rural.
-
Como explicaron, ao abeiro do Creative Loci Iacobi, Galicia estará incluída nos diferentes tours virtuais creados en Europa dos que forman parte diferentes puntos de España, Bélxica, Francia, Lituania, Polonia ou Portugal. Son viaxes audioguiadas, con música e sons que teñen como guía un personaxe histórico destacado en cada un dos oito territorios do proxecto. No caso de Galicia o narrador é o Mestre Mateo.
-
O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o vindeiro domingo 22, Día Europeo sen Coches, dende a área de Mobilidade se fará unha “demostración da futura peonalización da Mosqueira”, cortándose ao tráfico esta zona, usándose a praza para realizar actividades para as nenas e nenos da cidade.
-
A constitución deste Conselho, ven reforzar a alianza entre Portugal e Galicia, para avanzar de xeito conxunto na posta en valor dos Camiños que atravesan o país luso, sendo Galicia a única entidade non portuguesa presente neste Conselho, que se constituiu en Lisboa, no Pazo da Ajuda, sede do Ministerio de Cultura. Dentro desa alianza, a Xunta brindou a súa colaboración para achegar a súa experiencia na certificación e a xestión integral das Rutas Xacobeas
-
A exposición 'Pensar coas mans' chegou á súa fin tras ter recibido preto de 30.000 persoas desde a súa apertura, das cales 2.500 foron a través das visitas comentadas de balde que ofrece o Centro Gaiás de martes a domingo, e máis de 1.500 foron escolares de centros galegos de ensino. Pensar coas mans tamén se converteu nunha exposición viva e dinámica con preto de 30 obradoiros e demostracións in situ de creacións de artesanía.
-
A partir do xoves 19 de setembro, e durante catro días consecutivos, os espazos do primeiro andar do MARCO ábrense a unha experiencia escénica e participativa, a través dunha proposta dirixida por A Artística (Olga Cameselle e Alfredo Rodríguez), coa colaboración de dez artistas convidados. ESPAZO EN ESPERA é o título dun proxecto que reúne varias disciplinas artísticas. A proposta procura a participación do público, considerando o Museo como lugar de intervención cidadá e de encontro, alén da súa visión como espazo expositivo.
-
O 21 de setembro chegará o que será o último festival do verán misturando música, gastronomía e reciclaxe co Camiño Portugués da Costa. O Barbeira SeaSon Fest será un encontro directamente ligado ao Camiño de Santiago e que terá en Baiona un dos seus puntos destacados. O festival terá dous escenarios, a praia de Barbeira, de Baiona, e a horta do Parador Conde de Gondomar. Na praia ofreceranse diversas accións artísticas vinculadas ao Xacobeo.