Pasar al contenido principal

Castro, Plácido

General

Categorías: 
Pintura

Educado na Gran Bretaña, Plácido Castro (1902-1967) percorre unha viaxe vital desde o seu Corcubión de nacemento ata o Cambados da súa etapa derradeira. Este librepensador, dandi transterrado, dotado de múltiples calidades dispersas (publicista, músico, escritor, erudito, político, tradutor, xornalista, astrónomo, profesor de inglés...) tivo unha determinante actividade na vida política e cultural do seu tempo.
Alentou as Irmandades da Fala, nas que prendeu a Galicia do seu soño; militou no Partido Galeguista de Bóveda e Castelao, sendo Secretario de Relacións Internacionais, ao que representaría no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, no que Galicia, co seu discurso, obtén o aval de nación europea.
Plácido Castro é un dos Galegos na Historia, nesa Historia que se nos nega e na que homes e mulleres coma el aínda permanecen silenciados. A lingua galega, prohibida despois de 1939, escoitábase en Galicia ao sintonizar a emisora británica BBC; era a voz e a palabra de Plácido Castro que relataba a nosa cultura propia, no primeiro programa estable en idioma galego no mundo da radiodifusión.
(da biografía de Plácido Castro, Xulio Ríos, Ir Indo edicións, 1997).
 
CRONOLOXÍA
1902. Nace en Corcubión o 25 de xaneiro.
1908. Inicia en Glasgow os seus estudios.
1919. Matriculase na Universidade de Glasgow para cursar estudios de Filoloxía Inglesa.
1923. Solicita a convalidación dos seus estudios adquirindo o título de profesor de idiomas.
1927. Comeza a colaborar cos diarios "El Pueblo Gallego", de Vigo, e "Informaciones", de Madrid.
1928. Publica "La saudade y el arte en los pueblos célticos".
Traduce ó inglés "Almas Brujas" de Manuel Linares Rivas.
1931. Pronuncia a conferencia "O nacionalismo, un credo moderno".
Participa na Asemblea de constitución do Partido Galeguista. É elixido membro do Consello Permanente e directivo provisional.
1932. Na IIª Asemblea do Partido Galeguista é reelixido membro do seu Consello directivo.
Forma parte da comitiva que participa no mitin de Carral.
1933. Representa ó Partido Galeguista no IX Congreso de Nacionalidades Europeas celebrado en Berna os días 16, 17 e 18 de setembro.
1934. Na III Asemblea do Partido Galeguista obtén, en votación secreta, 1.654 votos. É o máis votado para a Secretaría Executiva asumindo a responsabilidade de relacións internacionais.
É elixido Conselleiro primeiro do Grupo do Partido Galeguista de A Coruña.
Participa na reunión de Galeuzca celebrada en Compostela.
1935. Publica na Editorial NOS: "Teatro irlandés. Dous folk-dramas de W.B. Yeats", traducidos directamente do inglés, en colaboración cos irmáns Vilar Ponte.
Na IV Asemblea do Partido Galeguista é reelixido secretario de relacións internacionais e membro do Comité Executivo.
É elixido presidente da nova directiva da Irmandade da Fala da Coruña.
Preside a tribuna da homenaxe rendida a Curros Enríquez na Coruña.
Representa o Partido Galeguista no Consello Galego de GALEUZCA.
1936. É designado representante da Asociación de Escritores de Galicia en A Coruña.
Participa activamente na campaña a prol do Estatuto.
Consumada a rebelión fascista, establecese en Muxía na casa duns familiares.
1940. É condenado a quince anos de inhabilitación absoluta, oito anos e un día de desterro a mais de cen km. de Muxía e ó abono dunha multa de 25.000 pts.
Traslada a súa residencia a Coruxo-Vigo.
1944. Casa en Cambados con dona Jesusa Sineiro Vidal.
1945. Trasladase a Vigo.
1946. A Federación de Sociedades Galegas da Arxentina premia as súas traduccións de poesía inglesa ó galego.
1948. Recibe en Galicia a Mr. George Hills, da emisora BBC.
Exiliase en Portugal.
1949. Publicase "Poesía inglesa y francesa vertida al gallego" (Buenos Aires, en colaboración con Luis Tobío e F.M. Delgado Gurriarán).
De novo en Londres, comezan as súas colaboracións na BBC.
Colabora co Jornal de Noticias de Porto.
1950. Publica "Un tema de Galicia: la saudade y la poesía" (Boletín do Instituto Español de Londres).
Colabora co diario "La Nación" de Buenos Aires.
1955. Anima a celebración da Iª Festa do viño albariño.
1956. Regresa a Galicia definitivamente.
Incorporase como profesor de inglés ó Instituto Laboral de Vilagarcía.
1957. Colabora ocasionalmente co Diario de Pontevedra e El Pueblo Gallego.
1960. Principia as súas colaboracións con Faro de Vigo.
1961. É un dos principais impulsores da Romaría viquinga de Catoira.
1964. Participa en Baden (Viena) na V Conferencia de Ministros europeos de educación adicada ó estudio "Da civilización do pais da lingua que se ensina".
1965. Publica na revista Grial (núm. 8) a traducción de "Os Rubáiyat" de Omar Khayyám, poeta persa do século XI, a partir da versión inglesa de Edward Fitzgerald.
1967. Falece en Cambados o 17 de xullo.
Publicase en Grial, a titulo póstumo, un traballo seu adicado á figura do poeta e nobel irlandés W. B. Yeats.
1974. Publicase en Grial, "Laios gaélicos", obra inédita de Plácido Castro.

Críticas

Plácido Castro

Plácido Castro amosa a súa fascinación coa acuarela como recurso de captación da paisaxe, ao tempo que evidencia o seu coñecemento técnico deste medio de expresión plástico citando pigmentos pictóricos como o vermello alizarín, o verde viridiano ou o azul cianino.

Autor de la crítica: 
Xosé Carlos López Bernárdez

Galerías

Galería de Pintura
  • Pintura