Notas
-
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura acolle este domingo o espectáculo ‘Unha aventura singular: o gato con botas’, unha versión musicada do conto clásico na que participa a narradora Charo Pita e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela coa dirección de Casiano Mouriño. O espectáculo, concibido ex profeso para a ocasión, esgotou os seus convites. e a lista de espera está tamén completa.
-
O grupo musical A Quenlla é o gañador da oitava edición do Premio Internacional APECSA 2020 de divulgación do Camiño de Santiago, convocado pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA). O Xurado, presidido polo vicepresidente da Asociación promotora, Luís Celeiro Álvarez, destacou e valorou o traballo destes artistas poñendo música e editando un CD, “Trobador no Camiño”, coas dez cantigas do trobador, Martín de Padrozelos.
-
Diversos relatorios que se achegarán ao contexto histórico da emblemática revista Nós no ano conmemorativo do centenario do seu nacemento, integrarán as xornadas ‘Nós e o mundo. O mundo e nós’. O salón de graos da Facultade de Filoloxía da USC acollerá tres mesas redondas que se desenvolverán entre o 30 de novembro e o 2 de decembro.
-
O Museo do Mar de Galicia acolle ata o vindeiro 6 de decembro a mostra Identidades latentes, comisariada pola profesora do Departamento de Debuxo Ana Seoane e a artista Neves Seara, e coa participación de nove creadoras vinculadas á Universidade de Vigo: Bibi Martín, Teresa Búa, Melania Freire, Mar Ramón, Silvia García, Rebeca Lar, Itziar Ezquieta, Lisi González e Anubis Muñoz.
-
Este obradoiro de tradución colectiva e recíproca desenvolverá este ano as súas sesións intensivas de traballo a través da plataforma dixital á que se conectarán as poetas/tradutoras dende Beijing, dende a campiña polaca, dende o cantón italiano de Suíza, dende a capital eslovena, dende a illa de Mallorca e dende Marín. E tamén on-line será o evento capaz de compartir, con todo o público interesado.
-
A próxima cita do programa de poesía do Concello da Coruña chega este luns, mais adiantará media hora o seu horario habitual por mor das actuais restricións, e o limitado aforo cubrirase por orde de chegada ao Auditorio do Centro Ágora. Ademais, o evento poderá seguirse por streaming dende a web das Bibliotecas Municipais da Coruña. Os convidados desta sesión do noveno Ciclo POETAS DI(N)VERSOS serán Ángelo Néstore e Ismael Ramos.
-
O Museo Gaiás acolle as obras finalistas da especialidade de graffiti do programa Xuventude Crea 2020. O programa Xuventude Crea, que este ano acada a súa 11ª edición, é un certame de creadores novos que pretende estimular e apoiar a imaxinación, creatividade e innovación dos mozos e mozas galegos/as ou residentes en Galicia, non profesionais, entre os 16 e os 30 anos.
-
Carme Varela obtivo coa súa obra As desterradas o Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais na edición do seu vixésimo quinto aniversario. O xurado dos galardóns literarios outorgou tamén o XIV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas súas modalidades para adultos e para rapaces a Esther F. Carrodeguas por República Sideral e a Carlos Losada-Galiñáns por Pois eu!, respectivamente.
-
A exposición 'Arquitecturas debuxadas' propón un itinerario visual inédito por Compostela a través dos debuxos do arquitecto, debuxante e pintor Santiago Catalán. O autor leva seis anos recollendo elementos das arquitecturas máis representativas das cidades galegas, o que se ten materializado na publicación de dúas obras sobre Lugo e Santiago. Esta mostra poderá visitarse no Museo das Peregrinacións e de Santiago ata o vindeiro 28 de febreiro.
-
Con motivo da celebración do Día do Patrimonio máis de cen entidades mobilizaranse na rede para dar visibilidade ó seu compromiso co patrimonio galego. Dende o ano 2017 as entidades adheridas á Rede do Patrimonio enchen o mapa de Galicia con actividades, roteiros, conferencias, visitas guiadas e moitas outras actividades. A situación sanitaria actual tamén implica un cambio no xeito de celebrar esta data.