Pasar al contenido principal

Abelardo Miguel

General

Categorías: 
Pintura

Abelardo Miguel López Leira naceu en 1918 en Pontedeume (A Coruña), vila natal dos seus pais e avós, sendo o quinto dunha familia mariñeira de once irmáns.

Amosará dende neno unhas excelentes aptitudes para o debuxo. En 1934 obtén o 2º galardón do Certame de pintura infantil na Asociación de Artistas de Ferrol e en 1935 gaña o 1º Premio de Debuxo na Coruña, que lle fará obter unha beca na Academia de Belas Artes de San Fernando en 1936.
En 1950 decide reanudar os seus estudos superiores de pintura en San Fernando, que finaliza en 1956. Viaxa a Italia pensionado na prestixiosa Escola Española de Arte de Roma e para completa-la súa formación amplía os seus estudos en París e Holanda. A década dos 50-60 será a súa década máis activa en canto a saídas e exposicións en tódalas capitais galegas, Madrid, Bilbao, León, Salamanca e capitais lusas como Oporto e Lisboa, caracterizándose por un éxito rotundo de público e vendas.
Configura o seu estilo baseándose nas súas excepcionais cualidades técnicas poñéndoas ó servizo dunha excepcional captación da súa realidade máxica e a súa intensa identidade galega. Abelardo é un grande creador. Recolle influencias do pasado cun filtro post impresionista de tradición cezannesca logrando unha obra de acusada individualidade dentro da figuración. A súa temática é predominantemente mariñeira... dende os seus característicos bodegóns, ás mariñas, os seus retratos colectivos, e sobre todo nas súas magníficas conxuncións de paisaxes e homes.
Abelardo é un dos pintores que mellor retratou a esencia da Galicia mariñeira. Os seus retratos, con modelos arrincados da entraña do pobo, plasman por igual a homes, mulleres e nenos dedicados ó mar. Os seus retratos colectivos recollen con mestría e orixinalidade a mellor tradición barroca holandesa de retratos de colectivos profesionais. As súas paisaxes mariñeiras recollen a antorcha dos paisaxistas coruñeses Corral, Bello e Abelenda decantándose por atmósferas de ceos luminosos que conxugan o seu colorido azul co verde das augas das rías galegas.
Abelardo destaca como o mellor bodegonista galego do século XX, alternando bodegóns de caza ou flores, con outros de terra e mar de técnica prodixiosa, con excepcionais calidades matéricas, sublimando o vulgar coa ropaxe do poético, coa innovación de sacalos ó aire libre e integralos con fondos de paisaxe mariños.

As súas obras son completamente singulares, é creador dun estilo completamente único e desta conxunción de creación e excelencia técnica surxe o xenio do artista. Extraordinario debuxante e colorista excepcional, Abelardo amosa un grande dominio da técnica en tódolos temas, tratándoos dun xeito moi orixinal e suxerente, sendo a excepción que aparezan os temas de xeito illado, xa que tende a unha simbiose singular, coma un xénero mixto.
É creador duns arquetipos iconográficos que repite ó longo de toda a súa carreira... a peixeira, a mariscadora, o vello pescador, os “feiróns”, os bodegóns mariñeiros... que serán claves do selo que identifica tan claramente os seus óleos. Sen embargo Abelardo non é un pintor folklorista, vai á esencia do pobo galego, de ahí o seu grande valor no debate actual en torno á existencia dun arte identitario.
As obras de Abelardo Miguel teñen hoxe un valor engadido á esencia da súa pintura… o seu importante valor antropolóxico. Son testemuña dunha realidade histórica xa desaparecida, coa creación de arquetipos laborais propios dunha sociedade ancestral, con unhas relacións específicas lúdico-laborais que se plasman en toda a súa pureza... Abelardo é cronista dese mundo da Galicia agropecuaria e de artesáns mariñeiros, de mulleres recias e aguerridas que traballan coas súas mans, de festas e feiróns… de paisaxes idílicas de mar e montaña, unha realidade etnolóxica e xeográfica hoxe extinguida.
É importante sinalar a excepcional incursión do pintor no tema mitolóxico, no proxecto cooperativo de Santa María de Castro, para o que realizou en 1960 un complexo programa iconográfico basado na Galicia arcádica, descuberto en 2006 pola súa biógrafa María Fidalgo.
Non abandonou a pintura ata marzo de 1991, data na que morre en Pontedeume.
En 2003 a Corporación municipal eumesa lle concede a medalla de ouro ó Mérito Artístico.

A súa proxección foi moi limitada porque nunca buscou o apoio da intelectualidade que encumbrou a pintores de salón, centróuse en Pontedeume e non se prodigou en eventos sociais, nin se vínculou a grupos artísticos de renome, e á súa morte foi esquecido. Aínda hoxe é un grande descoñecido na Historia da Arte galega, non existe case bibliografía sobre él, algo sorprendente en tanto que se trata dun artista con logros realmente significativos dun valor incuestionable e está ainda pendente a difícil catalogación da súa obra, xa que o milleiro de lenzos que pintou atópanse en coleccións particulares.

Galerías

Galería
  • Pintura