Notas
-
O Fórum Metropolitano da Coruña acollerá os días 1, 2 e 3 de decembro a segunda edición de Cinema Rabudo, a mostra galega de audiovisual inconformista que naceu no outono de 2021 co obxectivo de xerar un espazo de encontro para o audiovisual crítico e incitar o debate e a reflexión sobre problemáticas sociais de actualidade. Na súa segunda edición, o Cinema Rabudo mantén a aposta por proxectar documentais sociais, pero de alta factura técnica.
-
O 'Proxecto Nós: O galego na sociedade e na economía da Intelixencia Artificial', co que se pretende valorizar a lingua galega na contorna dixital e xerar os recursos necesarios para situala na vangarda das tecnoloxías intelixentes, acaba de recibir un novo pulo a través do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) da Nova Economía da Lingua.
-
A obra Pater familias de Gael Uxío Proupín Cantelar foi recoñecida co primeiro premio na modalidade de temática aberta da oitava edición do Concurso Literario Mazarelos, cuxo acto de entrega se desenvolveu na tarde deste martes 15 na Facultade de Filoloxía. O segundo dos galardóns recaeu en Na beira do Leteo, de Jennifer Torres Mira, alén de outorgarse un accésit a Poesía a marteladas, de Marco Bravo Rodríguez.
-
O centenario do nacemento de Carlos López García-Picos (1922-2009), compositor betanceiro que emigrou a Bos Aires e estudou en París, é a base da mostra que este martes 15 botou a andar no claustro alto do Colexio de Fonseca e que recolle diversas facetas da personalidade do autor. A mostra presenta a singularidade de propoñer unha viaxe visual pero tamén unha paisaxe sonora a través de nove gravacións.
-
Este mércores, 9 de novembro, nas habituais recepccións da S.S. no Vaticano, o Papa Francisco vai recibir ao Alcalde de Begonte, José Ulla, e ao Tenente de Alcalde, Luis Luaña, que informarán á S.S. de que o Belén de Begonte, declarado de interese turístico galego, cumpre o seu primeiro medio século de existencia desde a súa fundación en 1972 polo daquela crego de Begonte, José Dominguez Guizán, e o artista José Rodríguez Varela.
-
O Xardín das Pedras que Falan, en Santiago de Compostela, alberga dende este venres dúas inscricións dedicadas ao poeta galego José Ángel Valente e ao poeta sirio Adonis, presentadas nun acto que contou coa presenza do alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo; do propio Adonis, que se desprazou expresamente dende París, onde vive exiliado; e de Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra Valente de Poesía e Estética.
-
'O futuro é galego, e o futuro é en feminino', conclúe a cociñeira Lucía Freitas en 'Superheroínas'. A afirmación podería ser o lema da segunda serie que USC e RAG presentaron na Facultade de Ciencias da Comunicación. A produción audiovisual realizouse no marco do proxecto 'Novas voces para a lingua', que procura outorgar visibilidade e promover o uso cotián do galego entre a mocidade dándolles voz a novos creadores e creadoras.
-
'A revolución nos oficios tradicionais mediante a innovación' é o título dun ciclo de obradoiros e coloquios que a Uvigo promove neste mes de novembro e que permitirá achegarse, dun xeito diferente, á fabricación artesá de cestas, zocas ou gaitas. Este ciclo está dirixido a dar visibilidade e pór en valor estes oficios tradicionais, pero tamén a pór o foco en como a través da innovación estes traballos mantéñense vixentes no século XXI.
-
Cumieira das Letras. Así bautizou o Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo o seu novo proxecto, unha revista de periodicidade anual coa que buscan dar a coñecer traballos científicos en galego sobre a lingua, literatura e cultura galegas. 'Cumieira das Letras Galegas, non leva este apelido no seu nome oficial, pero podería levalo porque ese é o motivo da súa propia existencia, as letras galegas', tal e como explica o seu director, o profesor Alexandre Rodríguez Guerra.
-
A Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, cuxa creación foi froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia, organiza xunto ao Centro de História da Sociedade e Cultura e o Centro Interuniversitario de Estudos Camonianos, os dous pertencentes á Universidade de Coimbra, a I Xornada Internacional de Estudos Xacobeos que botou a andar este xoves 27 e esténdese ata o venres 28.