Notas
-
O Theater im Pumpenhaus de Münster (Alemaña) acollerá mañá venres a estrea de Pink Unicorns, o novo espectáculo de danza creado pola compañía galega La Macana en coprodución coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia. Realizado en colaboración co coreógrafo de orixe alxeriana Samir Akika, o punto de partida da nova proposta de La Macana responde ao reto de poñer en escena un pai co seu fillo adolescente.
-
Espazos Sonoros, o festival de músicas en espazos de interese cultural, continúa o seu traxecto para ofrecer propostas diferentes a un público amplo. Este sábado trasládase á igrexa de Santa María, ex-colexiata de Baiona, co grupo Capella Sancta Maria, un dos conxuntos vocais profesionais europeos máis recoñecidos, especializado en música do Renacemento.
-
Os días 6 e 7 de setembro terá lugar en Santiago o congreso 'La nación omnipresente: Nuevos enfoques sobre los procesos de nacionalización en la España contemporánea', que reunirá a expertos de diversas universidades españolas que tentarán ir máis alá da análise dos discursos nacionais (español e alternativos) para investigar un eido moito menos desenvolvido: cómo a identidade nacional era difundida e cómo era asimilada e interpretada polo común da poboación.
-
O ciclo Cultura no Camiño programará durante o mes de setembro 44 actuacións escénicas e musicais como peche da súa sexta edición, que deu comezo a mediados de abril para ofrecerlle 340 citas culturais ao público de 103 municipios das rutas xacobeas. A música protagoniza o arranque da súa carteleira de setembro, coas actuacións o sábado de Rosa Cedrón, en formato dúo, nas instalacións da Piscina Municipal de Carral, e do Coro Encaixe en Sarria, no Paseo do Malecón, o mesmo lugar que o espectáculo de circo Ghop!, de Teatro ó Cubo.
-
A XII edición do Festival Arteficial ofrecerá aos asistentes máis de doce horas de música en directo en catro espazos do conxunto histórico de Ribadavia, o vindeiro sábado, 1 de setembro. A presentación desta celebración cultural tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; e os membros da Asociación Arteficial, Uxía Estévez, Alba Doval e Quique Rodríguez.
-
Ponse ao dispor do público a web www.academiadevilalba.org, promovida polos antigos alumnos e alumnas deste histórico centro que funcionou en Vilalba desde os anos 40 aos 70 do pasado século. A web, que estará en permanente crecemento segundo vaian conseguíndose informacións ou fotografías, pretende ir conformando – con numerosas pequenas aportacións de lembranzas particulares- unha historia deste centro.
-
Os oito nomes sumados ao cartel da quinta edición de WOS Festival x SON Estrella Galicia, ao que aínda se podería sumar algún artista máis, seguen demostrando a súa firme vontade de presentar en Santiago de Compostela e en Galicia formas artísticas ao redor da música electrónica e a exploración avaladas polo rotundo recoñecemento de público e prensa fóra das nosas fronteiras. Así, o festival deixa practicamente pechado o seu cartel de concertos, aínda que se espera algún nome máis.
-
O programa de artes escénicas Vive o Camiño ten programadas unha ducia de actuacións nas vindeiras semanas, a primeira das cales terá lugar este luns na cidade de Pontevedra. Será a cargo de Celso F. Sanmartín e Najla Shami Dúo ás 22,00 horas na praza do Teucro de balde para todos os públicos. Vive o Camiño ofrece durante este verán máis de 40 actividades que enchen de música e teatro os concellos galegos do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa.
-
O ciclo Monumenta, andar con arte achégase o sábado 25 a Palas de Rei para realizar a andaina 'Emilia Pardo Bazán e os Pazos de Ulloa'. As terras da familia homónima e o castelo de Pambre, articulan a actividade, que contará co arqueólogo Santiago Vázquez Collazo e representantes do Instituto de Estudios Ulloáns para acompañar e ilustrar aos camiñantes.
-
O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a convocatoria de axudas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG) no curso académico 2018/2019. Preténdese con estas axudas mellorar as perspectivas dos universitarios en paro para a súa incorporción ao mercado laboral.