Representación da Paisaxe Galega
Non poderían ser estas acuarelas de ningún outro lugar, máis que do noso habitat galego, porque nelas están representados os espazos e lugares concretos, reais ou recreados. Aínda que Antonio Rivas Pol pintase dende outro emprazamento, outras paisaxes, nelas estarían presentes tamén, as nosas pucharcas, os nosos ceos, as nosas árbores...porque o home é tamén a súa casa e a súa localidade, que enmarcaron o acontecer sucesivo, no que aprendeu a percibir, a sentir, a intuír, a mirar para abrirse espazos. A partires de aí, aprendeu a preguntar, a reflexionar, a andar no camiño de comprender e integrarse no mundo.
A universalidade da condición humana é innegable, pero a humanidade constrúese dende o entorno circundante.
Pol non sería quen de dar forma ás nubes coas cores misteriosas das ilusións, nin ás mariñas,agardando mansamente as fadas, nin ás pedras protectoras das súas xentes, se non estivese imbricado fortemente no seu propio medio, dende o que infire a maneira de encher os ocos do baleiro.
A partires do seu asentamento persoal na Galiza do Norte, terra e ría, espazos privados de referencia, o autor avanza cara aos eidos da abstracción e a persuasión, coas que consegue poboar as súas creacións artísticas.
Mais, cando o pintor acada determinar as súas representacións, estanos abrindo as portas do seu modo de estar no ámbito dende o que vive. Vainos amosando a súa verdade de vivir, polo que, aínda que non o tratásemos, poderiamos adiviñalo. Saberiamos que esculca nos camiños das fragase a onde o levan , que coñece aos que habitan nas súas construcións de pedra, e se están ledos ou resignados, que o mar, para el, é o dono dos soños, o deus da amplitude, polo que camiña a luz en liberdade.
Onde atopar a meta de toda representación, se non é en nós mesmos e nos nosos espazos?
Estamos conformados polas cousas que nos rodean e elas existen segundo a nosa mirada. O ser e a paisaxe comparten o mesmo horizonte.