"Fogar I", de Loli Regueira.
É unha das obras do conxunto que se exhibe na sala do Auditorio de Ribeira (Arte Barbanza, 1980) ata o próximo 11 de maio, e que escollo nesta ocasión co remorso certo de non poder abarcalas todas, trala gratísima impresión recibida. sen excepcións, nunha mostra que vén ser para min das máis deleitosas en moito, moito tempo.
Son os obxectos, as naturezas, do Fogar de Loli Regueira: a elegancia dunha expresividade a través da cor arteira, domada (aínda que a saibamos indomable), harmonizada, crebada, mistificada, poetizada nun doce equilibrio de música, obxecto e atmosfera. A particular obxectualidade-conceptualidade de Loli Regueira, as historias que latexan neses seus feixes de cousas, mobles, espazos cotiás, aparentemente inertes, aparentemente contidos, pero que se intúen tan cheos, tan callados de vida, de voz, de momento. Os obxectos, as sinxelezas da utillaxe ou o trebello doméstico, que Loli Regueira escolle como vehículo dunha sutil elegancia, dunha pintura con forza, alento propio, carácter, iso que se dá en chamar o estilo acadado: unha pintura na que a cor (incluso o estampado, a colaxe téxtil) paréceme, trae ao estado de ánimo o clima, quizais o daqueles momentos nos que aboiaban as cadeiras, as cómodas, os caixóns, as mesas ou os baúis; as cores que son ela mesma, o filtro dos seus ollos; as cores por medio das cales nos dá a clave de artista, por medio das cales escolle un mundo, como puido ter escollido unha mariña ou unha idea, pero que ela escolle no interior, un interior que non parece, que parece totalidade, porque lle aplica esa música que queda entre el-ela e nós, entre os obxectos e nós, e que nos vén tanxida pola cor.
Traballo de secuencia
Un traballo de secuencia, de instante, de tempo metaforizado, que tamén está no modo de presentalo, así, en políptico, en fragmento. Quizais o paso silencioso do tempo entre as cousas, apenas deixando esa pegada de ar, de fume ou de nostalxia, pero visible contra as formas, os espazos, os intuídos corpos. Un traballo do bosquexo, de ímpeto, de instinto, de toque único ou breve, de marca, de sinal de paso, como o recendo deixado nun todo do camiño polo animal artístico, con ese carácter transitorio, vivaz como todo o breve, mais perdurable como todo o verdadeiramente sido; unha forza plástica que só dá a notación rachada, apaixonada, dun traballo de estudo, de ensaio, no que Loli Regueira parece ter descuberto as claves.
Táboa, acrílico, retallo, forma e cor; como as cinco vogais dun alfabeto artístico, da voz neta que se escoita nesa coral dos Oitenta no Auditorio, da que saín hai un par de días coa impresión de ter gañado masa vivente, substancia sensible, xa digo, ferido, dese desexo de querer abarcar unha abundancia inabarcable.