Crítica
Luz e Vivencia na Obra de Ramón Casanova
A vivencia do encontro
As imaxes de Ramón Casanova non son instantáneas. Son o resultado do achádego dunha realidade, a expresión do encontro cunha vivencia etérea, en ocasións descoñecida ata o momento de ser fotografiada.
Captar, que non capturar, a imaxe da vivencia é para o artista monfortino o resultado da “procura do real”. Todo un proceso que na obra de Casanova nace da necesidade do encontro coa luz, como principio de vida, nun intento de conectar co universo que xera, ilumina e crea imaxes.
Casanova compara a súa captación da vivencia co proceso, natural e infinito, que se xera cando a auga se quenta pola luz e se evapora creando unha nova imaxe. Para o artista monfortino a cámara é como un espello no que se reflicte e adquire sentido unha determinada vivencia. É o que sucede nas fotografías da súa serie Mirar o sol. Un traballo froito dun “estado de atención prolongado” no que os seus poemas se converten en imaxes dun proceso que a fotografía non capta.
Galicia, a saudade dunha vivencia
A búsqueda consciente da vivencia surxe da mágoa que nun momento determinado o artista galego experimentou en Barcelona para quen tomar distancia de Galicia supuxo tomar consciencia da súa existencia. Era o momento das fotos de Galicia, único espacio para él fotografiable naquel momento. Foi cando, na teima por non perder as súas raíces, Casanova emprende unha “procura da Galicia na súa memoria”.
Fotografiar as imaxes da infancia foi o segredo para que o artista monfortino atopase o motivo desa nostalxia no achádego dunha “infancia máis real” que transcendía os límites impostos pola idade. Foi este un punto de inflexión que leva ó artista do Cabe á recoñecer que a importancia das fotografías radica no proceso que nel desencadean.
A vivencia didáctica: a imaxe de Baco
Ramón abandona a perspectiva intimista da súa obra por outra máis didáctica e faino tomando imaxes do deus romano Baco. Dous anos de traballo co equipo da profesora da Facultat de Belles Arts da Universitat de Barcelona, M. Antònia Ferrer, nun proxecto que se materializou no libro Bacus dels ritus i dels rostres publicado por Arola Editors.
O libro trata as diferentes etapas polas que pasa Baco para se converter en Apolo. Fases dunha transfomación que Ramón Casanova, 2.000 anos máis tarde, capta e retrata cunha espectacular exactitude sensorial.
Para o monfortino o importante destas fotos é o que nelas se agocha. Todo un camiño de transformacións que experimenta Baco dende a etapa húmida e humana a da luz deificada. Un percorrido no que “a humidade se destila en auga de vida” tal e como reflicte a vitalidade da xente da época na súa aproximación a Baco.
A procura da vida
Unha obra que para o artista monfortino representa a procura das experiencias que o acompañan, da orixe viva que constantemente está sendo orixe, da vida que se transforma en vida… Todo un portfolio de imaxes impregnadas de poesía que converten as súas fotografías nunha obra vitalista que participa da realidade dende o a satisfación enorme do constante descubrimento.
Para explicalo, Ramón Casanova compara o seu proceso de pescuda constante de vivencias coa traxectoria descrita polos xirasoles que, fieles á luz do sol, seguen sempre o seu camiño. É o que o fotógrafo, e tamén poeta monfortino, describe como “satisfacción do encontro co amado”.
Rebeca Iglesias