Crítica
A LUZ DE EDUARDO OCHOA
Eduardo Ochoa é un fotógrafo vocacional que une o dominio técnico á mirada artística. A súa estética comezou caracterizándose por unha abstracción rigorosamente expresionista, na que predominaban os contrastes de luces, os volumes arquitectónicos, as formas xeométricas e os obxectos inanimados. Mais, co tempo, sen abandonar nunca o seu estilo, foi componiendo un universo de paisaxes, obxectos, retratos, e espidos de gran riqueza temática e expresiva.
Así o acreditan as súas exposicións individuais, de concepción monográfica, “Ecuacións”, “Deriva”, “Miradas”, “Arborescencias”, “Inminencias” e tamén decenas das súas colaboracións en mostras colectivas, catálogos, libros, discos, revistas e postais das máis variadas condicións e procedencias. Lugo foi testemuña de moitas delas e tamén do seu encomiable labor como director de Mostras Fotográficas, recuperador da memoria visual pretérita e profesor de cursos de fotografía.
Agora ben, como fotógrafo, Eduardo Ochoa é un artista que sabe crear con luz o que non vemos e devolver ao mundo o que nel hai: revelación do misterio e do coñecemento. Porque soamente coa iluminación do misterio e do coñecemento a un tempo se alcanza a beleza das fotografías de Ochoa.
Eduardo Ochoa ten participado en múltiples exposicións en Lugo, A Coruña, Ourense, Vigo, Madrid, Murcia, Zarautz, Viana do Castelo…, así como recibido numerosos premios.
Publicou nos catálogos da Primeira e Segunda Fotobienal de Vigo, O Mar, Ollares no Tempo, Outono Fotográfico, Primeira Bienal Lucense, Univerfoto, Torre Luzea, Estructuras, Da Agrupación Fotográfica ó Grupo Fonmiñá, Ourense en pé de foto, Olladas, etc…
Tamén é autor das fotografías que integran os libros Lugo Blues, Meta-relatos, Catro por Vinte, Vilalba, O ouro prerromano na Provincia de Lugo e Descubrir Lugo. Así mesmo participa con fotografías propias nas obras homenaxe Doce anos na búsqueda da nosa identidade, Cara ó Miño, Os mundos de Claudio Rodríguez Fer, Vintecinco anos de labor cultural en Ourense e Librería Alonso 1863-2000. Por outra parte, obras súas foron publicadas en Arte Fotográfico, Unión Libre, 40 por 50, Kamara, Objectif, Artesonado, Entremuros, Obradoiro, Vers Compostelle… Referencias á súa obra aparecen en publicacións como Homenaggem a Eduardo Lourenço, Novelas como álbumes, Historia y Comunicación Social, Unión Libre e Luzes de Galiza. Fotos súas foron collidas para portadas de libros, discos, postais, así como para numerosos carteis.
En 1991 gañou a Bolsa da Delegación de Cultura de 250.000 pesetas para a realización do proxecto Lugo e a provincia en cen visións. Nese mesmo ano foi seleccionado no proxecto “Catro Direccións. Fotografía Contemporánea Española. 1970-1990”. E no 2000 a súa obra foi recollida na colección Fotógrafos fin de milenio, no volume 3, Fotógrafos de España. No ano 2007 foi un dos doce fotógrafos seleccionados para a realización do Calendario de Caixa Galicia.
Entre as súas principias exposicións individuais están: Ecuacións (A Coruña, 1988), Deriva (Ourense, 1999), Miradas (Lugo, 2002), Arborescencias (Lugo, 2005) e Inminencias (Ferrol, 2007).
Claudio Rodríguez Fer, escritor.
Sensitivo ata a última fibra nerviosa. A pesar delo, sereo coa súa arte. Fundamente a súas imaxes nun figurativismo ensoñado. Da gran importancia a “acutancia” das súas fotografías, polo que os valores tonais, o grao, o positivo cuidadosísimo, como poucas veces tiven a sorte de observar, teñen para él suma importancia, que trascende aún para os mais reacios a admirar estos virtuosismos. Sabe exprimir unha “Tri-x” como poucos... Realizou un minireportaxe sobre unhos bailarines de ballet (colgado na exposición), de tal beleza plástica, que eu diría, insuperable.
Carlos Valcárcel. “Arte Fotográfico”.
...As fotografías constituin un conxunto unitário de imaxes en branco e negro mui contrastados por vezes ou outras matizando luzes e sombras. Haxa amplas perspectivas ou representacións concretas, o certo é que prevalece unha visión que diríamos obxectual das cousas, tal vez para reter mais fortemente a sua presenza: unha pinga que esvara, unha árvore, un muro, unha balaustrada, un anaco de construcción. O autor cuida e domina a composición, chegado a efectos puramente abstractos certamente logrados. Hai unha poética da soedade e do tempo, un inquirir no ser e aparentar de cada cousa, dando grande importancia á textura, ás formas, a sombra, a luz, os clarescuros, os ritmos, os contrastes..
Xavier Seoane, “Luzes de Galiza”.
A serie de imaxes fotográficas que aquí se presenta non só se caracteriza pola extraordinaria capacidade técnica na súa execución e pola excepcional dimensión estética do seu resultado, senón tamén polo feito de tratarse dun conxunto orgánico perfectamente trabado e organizado nunha deriva integral que vai do máis concreto da materia ao máis abstracto da forma. O seu autor, o fotógrafo, de habitual tendencia expresionista e abstracta e frecuente temática arquitectónica e xeométrica, Eduardo Ochoa, tomou estas imaxes, por orde de aparición, en Bares (A Coruña), Lugo, Tomar (Portugal), Cambridge, Panteón de París, Perigeux (Francia), Budapest, Chaves (Portugal) e, as dúas últimas, de novo en Lugo (ambas no mesmo lugar, respectivamente, de arriba a abaixo e de abaixo a arriba).
“Unión Libre. Cadernos de vida e culturas”