Crítica
Situado á marxe das modas literarias galegas do momento, leva ó cultivo da poesía, do teatro, do ensaio, da crítica e da oratoria as súas fortes conviccións lusófonas. Desde 1989 emprega, entre outros, o pseudónimo João Padrão para asinar as súas obras de creación. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago, ten demostrado desde mozo o seu interese no asociacionismo participando activamente na fundación da Asociación Cultural O Galo de Santiago, de AGAL e máis na de iniciativas como A Nosa Terra, a editorial SEPT e o Instituto Internacional da Lusofonía. En toda a súa obra está omnipresente un diálogo entre a cuestión nacional e o achegamento dos países lusófonos, e con autores, mitos e tópicos clásicos e universais (Shakespeare, Homero, Ulises...), amais da saudade e a reflexión sobre a palabra poética. Poemas de París e outros poemas (1985), o único libro de creación literaria asinado co seu nome, pretende ser unha especie de guía de París escrita en forma poética, complementada con notas a pé de páxina nas que se explica a importancia histórica, artística ou evocativa do lugar elixido. Xa co pseudónimo João Padrão, ten publicadas dúas antoloxías poéticas organizadas por María Rosa da Rocha Valente: Sememas (1990), no que aparecen moitos poemas visuais confeccionados con técnicas tan variadas como o xogo tipográfico, o collage, a fotografía ou a inclusión de obxectos, e Tempo e Terra (1992). Tamén con este pseudónimo asinou as súas pezas teatrais (Ítaca, Pessoa(s), etc... e O 'hic et nunc' de Mr.Pickwick. O tempo de pedra), publicadas conxuntamente no volume Teatro (1989).