Crítica
Siro non se conforma con ser un virtuoso do debuxo, necesita algo máis; a súa inquedanza faino traspasar o horizonte de todo canto ten asumido, porque calquera fronteira remata por afogar e só a rebeldía abre camiños.
Alguén dixo que a Siro abóndanlle lapis e papel para crear un mundo, pero o tempo dixo que non. Eu vino traballar con materiais diversos e penso que o levaron á pescuda, onde a súa sensibilidade se abriu a formas e cores que quizáis hai anos non lle interesaran; pero o verdadeiro artista está ó servicio da imaxinación.
Siro é un home pensante, moi atento a como o mundo se move e máis aínda ó que está ó seu redor; algo que confirma a súa traxectoria artística.
Na última exposición, celebrada en Vigo no mes de febreiro, puidemos ver en pequeno formato un conxunto de pasteis, ceras e óleos, nos que se respira un aire fauve, sobre todo nos pasteis, que posúen unha transparencia sobreposta que engaiola o espectador. E todo isto sen se afastar da súa iconografía de sempre, algo que todos debemos celebrar, pois ninguén pode deixar a orixe que se fixo forma na propia arte.
Só pido a este artista que a súa aventura non teña unha meta, pois calquera meta é unha fin.
Manolo Ruibal
DENDE A LIÑA Á COR
“Those who taste colouring love it more and more” ou, en palabras da nosa lingua, “aqueles que experimentan coas cores, amaránas máis e máis”, así consta, cando menos, nun verso daquel notable e atrabiliario poeta, gravador e pintor que foi o inglés Willian Blake; un ‘tolo’ para a culta sociedade racionalista e cartesiana londiniense, alá polo último tercio do século XVIII, que veu gozar dunha estendida sona nos eidos literarios dos nosos días.
Ousaría afirmar que desa tal maneira foi o inicio da fascinante e longa marcha do noso artista plástico cara á gran patria universal das cores. Mais non co repentino e cego impulso dun orate bohemio e sen control, non coma un visionario ou un lunático empeñado en ser pintor (pois moi poucas persoas levo coñecido na miña vida máis irremediablemente cordas e pragmáticas que o noso amigo Siro), senón como un home que, co paso dos anos e o saber da experiencia, se foi apaixonando pola pintura no seu aspecto máis colorista e luminoso. Levado, posiblemente no seu caso, por unha intensa obsesión de cordura estética que andaba a procurarlle saída á súa sensibilidade artística. Víctima, xa que logo, da gravidade crónica dunha imaxinativa sensatez, calquera día alá no pasado comezou a deixarse atraer polas posibilidades expresivas das cores e xa quedou convertido nun enfeitizado amante da súa maxia.
De aí que as palabras medidas que lle dan título a este texto, ‘dende a liña á cor’, remarquen ese tránsito no que se contén a un mesmo tempo non só todo un activo ciclo biográfico, senón tamén todo un meditado proceso de evolución creadora. Un período que tería os seus inicios hai uns trinta anos: dunha banda, coa primeira mostra de caricaturas e debuxos de humor; doutra, con aqueles debuxos humorísticos que mandaba á revista “Chan” --bautizados polo seu director, Borobó, como ‘os nenos de Siro’-- cando, como semi-profesional, deu comezo ó seu dilatado e ricaz quefacer de humorista gráfico, afirmándose progresivamente nas páxinas de ‘La Voz de Galicia’ e nos diferentes medios do grupo de comunicacións galego.
Precisamente agora, con este interesante cartafol nas nosas mans que garda tan escolleita colección de reproduccións a toda cor, o autor quere conmemorar eses seis lustros que marcan a súa dedicación ó debuxo e á pintura: dúas manifestacións da súa creatividade que non nos é dado coñecer coa mesma regularidade. Pois se ben dende as súas colaboracións gráficas acada unha relación continua co público, dende a segunda, é dicir, a súa pintura, esta relación como adoita ser habitual só ten lugar con ocasión dalgunha mostra concreta, ou mediante publicacións como esta que nos trae noticia do estado actual da súa arte.
Dende aquela súa inicial e iniciática disciplina da caricatura e do debuxo humorístico, caracterizada pola estricta economía de trazos, pola habilidade no aforro de liñas, que impuña as máis rigorosas esixencias para definir, darlle expresividade e carácter á representación dun personaxe real ou imaxinario, Siro tentou novos horizontes. Velaí, logo, a fluidez dos seus debuxos artísticos recollidos, poñamos por caso, no álbum dos espidos de muller. Velaí, ademais, como decidiu axiña entoar un radical e longo cántico de liberdade, evadíndose das imaxes apreixadas entre raias para entrar, por espacios abertos, a composicións unicamente concibidas nun mesto cromatismo.
Por formación intelectual e polo seu carácter de humorista e crítico da realidade, Siro adscríbese -e síntese artisticamente cómodo- na corrente estilística enraizada no expresionismo, e mesmo con maior xusteza no que se denomina expresionismo alemán. E isto faino tanto no que concirne ó xeito de empregar a cor, como no senso deformador que aplica ás figuras. Na traxectoria de influencias, entendidas como maxisterio e referente estético, o noso pintor ten manifestado que poden abranguer dende as máscaras de James Ensor ata a última producción de David Hockney, pasando pola obra de Cezanne -que considera unha lección permanente e, en consecuencia, vixente-, de Matisse, de Picasso, de Chagall, de Colmeiro, e ás que cómpre engadir, entre outras, a de Otto H. Gester, Erick Heckel ou algúns aspectos da de Kirchner. Aproximacións de estilo que veñen arrequece-la peculiar personalidade e a depurada técnica do seu autor.
Con respecto a esta colección, impecablemente impresa, hai que dicir que as excelentes pinturas realizadas por Siro sobre papeis de ásperas superficies, son todas elas recentes. Corresponden a dous tipos de traballo diferenciado: unhas pertencen ás ilustracións de carácter antropolóxico creadas para animar a parte concreta relativa a esa materia coordinada por X. M. González Reboredo para a Historia de Galicia que edita Hércules; e outras, que reflicten os aspectos máis duros da sociedade contemplada na súa violencia marxinal, corresponden ás publicadas en ‘Diario 16’, con textos de intensa forza narrativa do xornalista Xosé Luís Alvite. Nas primeiras, privan os temas relativos a lendas, romances, oficios, etc., de certa narratividade e delicado lirismo, que deron ocasión para “O neno lobo”, “O afogado”, “Nadal galego”, “San Ero”, “O contacontos”, “O Entroido”, “ O mal do lagarto”... Entre as segundas, quizais na liña dun maior expresionismo crítico ou irónico, tinxido dun sutil humorismo, está, por exemplo, “Nin calando se entenden”, puntual arquetipo dos obxectivos desta corrente pictórica.
Atopámonos, pois, diante dunha obra na que de par do experto manexo da técnica do pastel e da cera e das ceras líquidas, ás que logra sacarlle calidades semellantes ás do óleo, o artista sabe utilizar convenientemente a rugosidade do papel para provocar unha lograda difusión irregular e imprecisa da cor. Unha obra cargada de interese compositivo e rica en execucións cromáticas, que nos ofrece unha figuración deformada e grotesca, resolta en composicións dun expresionismo por veces tenuemente lírico e por veces acometido dunha pulsión agresiva e salvaxe fronte a determinados encadres secuenciais da vida. En calquera caso, sempre ó longo da obra permanece a presencia tonal do humor coma un leve sorrir, máis ou menos perceptible, que nos axuda a facer máis levadeira a existencia.
Salvador García-Bodaño Membro da Real Academia Galega.