Pasar al contenido principal

Martín Serantes, Carmen

General

Categorías: 
Pintura

Carmen Martín Serantes naceu en 1971 en Winterthur (Suiza).

CURRÍCULUM
Moi pequena a sua familia regresou a Ferrol, que é onde hoxe vive.
Estudou Belas Artes en Pontevedra (onde fixo o primeiro ciclo) e rematou en Barcelona onde se licenciou na especialidade de Pintura no ano 1997, aínda que tamén estudiou na especialidade de Gravado.

EXPOSICIÓNS
Ten exposto en salas importantes, como: Els Quatre Gats, Galeria Punt Jota Art, Galeria Fenicia en Barcelona, ou o Gran Hotel de Sitges, etc...
En Galicia ten exposto no Centro Cultural Torrente Ballester, Galería Sargadelos (Ferrol), Círculo Mercantil de Marín, na gran sala de exposicións do Concello de Ortigueira, Galería Arte-Imagen, Hotel Meliá-Maria Pita (A Coruña)...
Ten protagonizado desde que comezou a súa carreira diversas accións pictóricas e exposicións pola súa conta de grande envergadura.
Xa en Barcelona montou unha exposición con máis de 400 debuxos e máis de 50 cadros con vistas de diversos lugares da cidade, no local abandoado dunha antiga imprenta do século XIX, no medio do Barrio Gótico. A exposición da “Imprenta Borràs” tivo moitísimos visitantes e mesmo foi suxeito dunha curtametraxe de Juan Pablo Etcheverry (Minotauromaquia, La Flor más Grande del Mundo).
Cando volveu a Ferrol, en 1998, Carmen e o seu marido, o tamén artista Miguel-Anxo Varela, fundaron a Escola Aberta de Arte, unha institución educativa que serviu de modelo a outras posteriores. O pulo de Carmen déixase notar nas múltiples actividades da Escola, desde exposicións de alunos moi pouco convencionais -chegaron a facer unha exposición dividida en temas/talleres nas que as obras estaban espalladas por 16 cafeterías, que foron inauguradas todas no mesmo día-, festivais na rúa, colaboracións co Concello, cursos de Gravado...
Actualmente Carmen deixou a docencia na Escola Aberta de Arte para adicarse plenamente á pintura e a ilustración.
O encargo duns cadros para o altar da Igrexa de San Fernando en Santiago, co traballo previo que supón (bocetos, probas, composicións, visitas...) é parte do seu traballo actual. Este traballo recóllese en http://www.telefonica.net/web2/anxovarela/sfer/index.html
Carmen compaxina isto con varios proxectos a longo prazo:
"ARTE & CAFÉ". Tomando o nome das exposicións que antes organizara na Escola Aberta, Carmen utiliza dúas cafeterías ferrolás para expor habitualmente os seus traballos. A diferencia das exposicións amateurs, nas que a cafetería é un sustituto da Galería de Arte, no seu caso estes locais son extensións do seu taller. Nelas expón os últimos traballos, para os que o seu taller xa empeza a ficar pequeno. Estas son as que fixo desde que empezou:
- Cafetería Cafeto, Ferrol (Rúa Galiano): 2006. "Madre no hay más que una pero aquí tengo varias". Cadros de maternidades de todas as edades e tipos.
2006. "Desde el tejado". Vistas aéreas de Ferrol feitas desde terrazas e tellados da cidade.
2007. "Casas con pelo", cadros de casas de Ferrol e arredores nas que as árbores forman mechóns sobre ou diante delas.
- Cafetería DERBY, Ferrol: "Peces", con peixes antes e despois de ser cociñados.
"Castañas". Coincidindo co Magosto, exposición sobre castañas, erizos, pólas e castiñeiros.
"Desnudos y grabados". Cadros de espidos e gravados sobre Ferrol.
"Érase una vez mis gatas". Contos e cadros sobre os animais que viven con ela.
"RETRATOS". Neste proxecto está a realizar, retratos de alumnos da Escola Aberta e amigos, en diversos formatos e técnicas, se ben predomina o acrílico e o óleo. Ó cabo dun ano (outubro de 2007) exporá todo o conxunto de retratos -calcula uns 150- nunha sala importante. Este proxecto recolle un retrato da Escola Aberta e o seu entorno a través dos rostros da xente que pasa por ela.
"PINTURA EN ACCIÓN". Ante a pasividade das institucións, tanto públicas como privadas, que reservan as súas salas importantes para ciclos expositivos de fóra de Ferrol ou pintores de idades avanzadas, Carmen iniciou un ambicioso proxecto consistente nunha serie de maratóns pictóricas, ou accións, titulada precisamente Pintura en Acción, na que está a levar a súa pintura en directo a diversos lugares normalmente non asociados a usos artísticos. Nestes lugares Carmen pasa todo un día -12 horas aprox.- pintando alí, tanto os lugares como a xente que pasa por alí.
Ten programada unha acción pictórica por mes, e mesmo ten un blog en Internet (Pintura en Acción, http://carmova.blogspot.com) no que se recolle o seu traballo, pero sobre todo referido a este proxecto.
Polo de agora ten feitas dúas accións pictóricas e xa está organizando a terceira:
• 3 de xaneiro de 2007: Cafetería Zucre. A cafetería Zucre é coñecida en Ferrol precisamente polas súas exposicións habituais, e na prática funciona como sala de exposicións a falta de espazos máis axeitados na cidade. Nunca se fixera nada parecido no local.
• 23 de febreiro de 2007: Cafetería Cafeto. Habitual das exposicións ARTE&CAFÉ de Carmen (aínda que non acostuma a organizar exposicións), o Cafeto serviu para a seguinte acción pictórica.
• 22 de Marzo de 2007: Campus de Esteiro, Ferrol (Universidade da Coruña). Neste lugar Carmen pasará todo o día pintando ao temple. A Escola que dirixe organiza paralelamente unha conferencia sobre a historia deste procedimento pictórico e as obras exporanse a continuación na Escola de Enfermería.
Posteriores edicións de Pintura en Acción terán como escenario a Escola de Idiomas, o Instituto de Bacharelato Concepción Arenal (que ten Bacharelato Artístico), un colexio, un xeriátrico, unha praia, unha gardería, a porta dun museo, o medio da rúa, unha institución bancaria, unha feira-romaría, unha casa rural... e a cafetería Derby, onde montará un taller de gravado temporal e fará ao longo do día varias planchas e as súas correspondentes estampas.
Estas accións pictóricas sírvenlle a Carmen como protesta pola dificultade para amosar o traballo na súa propia cidade, como reivindicación da dignidade e modernidade da pintura figurativa nun momento no que os medios só queren falar de conceptualismo e minimalismo, como modo de levar a pintura a todas partes e sobre todo como escusa para pintar. Porque como ela di “sempre hai unha razón para pintar”.
E por se non fose dabondo, Carmen está a escribir e ilustrar contos para nenos nos que aborda temas moi variados.

ENLACES
Escola Aberta de Arte: http://www.escolaaberta.com
Blog persoal, “Pintura en Acción”: http://carmova.blogspot.com
Galería pictórica (obras antigas): http://www.escolaaberta.com/carmen.htm
Traballos para a Igrexa de San Fernando en Santiago de Compostela:
http://www.telefonica.net/web2/anxovarela/sfer/index.html
Contos ilustrados e escritos por Carmen Martin:
http://www.telefonica.net/web2/anxovarela/carmen/ilust/index.html
Páxina persoal: http://www.telefonica.net/web2/anxovarela/carmen/

Galerías

Galería
  • Pintura