Álvez, Pepe
General
Pepe Álvez naceu en 1953 en Lugo.
Na actualidade é redactor gráfico do xornal El Progreso e unha das figuras máis destacadas da fotografía dixital en Galicia.
COMEZOS
Dende que se iniciou na fotografía artística, en 1973, ten realizado polo menos unha exposición anual dos seus traballos, ó tempo que participa noutras colectivas, tanto artísticas como de fotoxornalismo -dentro do ámeto xornalístico-. Ademáis de colaborar con numerosas publicacións de tirada nacional, foi corresponsal gráfico da Axencia EFE ata 1988 e delegado da Asociación de lnformadores Gráficos de Prensa ata 1997.
IMAXE DIXITAL
A súa toma de contacto coa fotografía dixital chega en 1995. Un ano despois, co patrocinio de Caixa Galicia, realiza a súa primeira exposición de imaxes dixitais e, á vez, a primeira destas características que se puido ver en Galicia. Dende entón, protagonizou outras catro mostras de fotografía dixital, a última delas en outubro de 2001, na sala Almirante de Lugo, con temática urbana.
PUBLICACIÓNS
O seu primeiro libro apareceu en 1984, ‘Lugo, cita con dos siglos’, editado pola Deputación Provincial de Lugo, onde Pepe Álvez realiza un completo traballo de investigación para recompilar fotografías de 1886 a 1922. En 1990, tamén na imprenta da Deputación Provincial de Lugo, saca ‘Dueños de la luz’, sen dúbida o seu traballo editorial máis persoal, con fotografías que tiña publicado en prensa. Un ano despois foi seleccionado pora Xunta de Galicia para participar no libro Fotoxornalismo, que reúne ós principais fotógrafos de prensa galegos. En 1995, co gallo do quinto aniversario do Festival de Jazz de Lugo, publica un libro recompilatorio con imaxes dos cinco anos desta cita musical. A súa última publicación é ‘Lugo, fin de século’; un catálogo xeral editado polo Arquivo Histórico Municipal de Lugo. En 2002 a revista ‘Digital Foto’ no seu número de febreiro edita un portafolios con sete fotos súas.