El Consello da Cultura Galega homenajea en 2016 a las Irmandades da Fala y a Manuel María

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), compareceu na Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia no marco das sesións informativas en relación co Proxecto de Lei de orzamentos. Alí deu conta do executado en 2015 e fixo unha previsión de actividades para o vindeiro ano cun orzamento que se incrementa un 1,47%. O inicio dun ciclo sobre as Irmandades da Fala, a recuperación da figura de Manuel María e unha exposición que sintetiza a nosa cultura en cen obxectos son algunhas das actividades previstas para 2016.
O orzamento do Consello da Cultura Galega para o vindeiro ano ascende a 2 415 833 euros, 41 386 máis que en 2015. Con ese importe, que Villares cualificou de “continuista aínda que cun pequeno repunte”, o CCG ocuparase da figura de Manuel María a través do seu tradicional Concerto das Letras Galegas e a reedición da súa obra Advento. O vindeiro ano tamén terá lugar o inicio dun ciclo sobre as Irmandades da fala, a coincidir co centenario da súa creación e que se prolongará ata 2018. O programa servirá para facer unha revisión dos presupostos ideolóxicos deste movemento. “Propoñemos un traballo que inclúe un álbum de persoeiros, dúas exposicións e varios seminarios de carácter internacional que atenderán á relación das Irmandades co contexto español, europeo e iberoamericano” indicou.
Entre o Plan de Actividades para 2016, o presidente destacou a exposición Galicia 100, que representa a idea de Galicia a través de cen obxectos e que está en fase de musealización. Avanzou que se inaugurará en maio de 2016 en Santiago desde onde iniciará unha itinerancia por Galicia. O dicionario de artes escénicas e a participación na Feira do Libro de Bos Aires son outras das liñas de actuación programadas.
Ademais, o presidente lembrou que o Consello da Cultura Galega acollerá en 2016 a xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI) un encontro que se centra na diáspora e na identidade cultural que, para o presidente do Consello da Cultura Galega “servirá para conectar os problemas de Galicia cos problemas xerais relacionados cos movementos migratorios actuais”.
No ano en curso, o CCG acolleu un total de 56 actividades, un número semellante a de edicións anteriores. A metade delas desenvolvéronse na súa sede institucional (Ciclos sobre os populimos, sobre os Desafíos do Ecosistema Cultural Galego, entre outras propostas) e un 32% fixéronse fóra, incrementándose con respecto a anos anteriores. Tamén sobe o número de propostas que outras entidades organizan no Consello da Cultura, reforzando ese papel de ser “a casa de todos”.
Entre as propotas en curso pendentes de ser celebrar, o presidente destacou a exposición Galicia Imaxinada, que se inaugura o vindeiro martes na Casa Galega da Cultura en Vigo. “É un recoñecemento de como vían Galicia os intelectuais, os artistas, os escritores e outros creadores a través das revistas publicadas na emigración” apuntou.
Ramón Villares destacou o traballo asesor como “un labor fundamental destinado tanto aos poderes públicos como ás asociacións e outras entidades”. No marco deste cometido fundacional destacou o informe sobre o anteproxecto da Lei de Patrimonio de Galicia no marco dunha liña de traballo institucional preocupada por fomentar o recoñecemento e a conservación do patrimonio. Ademais, incidiu na difusión deste coñecemento a través da rede con iniciativas como Gallaeciae Monumenta Histórica e as novas formas de difusión das publicacións en dixital.
Pola súa parte, Agustín Baamonde do Partido Popular, Emilio Vázquez Blanco, do PsdG-Psoe, Xabier Ron de Alternativa Galega de Esquerda e Ana Pontón do Bloque Nacionalista Galego valoraron positivamente a acción desenvolvida pola institución no marco das súas intervencións.
Nota de prensa del BNG
A parlamentaria do BNG, Ana Pontón cualificou de “dieta hipocalórica” os orzamentos que a Xunta destina a Cultura, agás, dixo na Cidade da Cultura onde non mingúan. Tras escoitar ao presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares, para informar dos orzamentos do ano 2016, a deputada reiterou que os orzamentos para este organismo seguen a mesma “dieta hipocalórica” que o resto do ámbito cultural dende que goberna Feijóo.
Pontón explicou que as políticas culturais e lingüísticas da Xunta de Galiza en ningún caso poden ser xustificadas por eses recortes de orzamentos e o posicionamento político non é outro máis que “restrinxir o apoio público á cultura”. Dende que goberna Feijóo, engadiu, descenderon un 56,9 % que está provocando graves problemas no funcionamento do sistema cultural galego e a hora de enfrontar os retos, dende o punto de vista cultural e lingüístico.
Para a deputada, o funcionamento da Cidade da Cultura absorbe máis orzamento que as partidas destinadas á rede de bibliotecas públicas ou patrimonio. A parlamentaria lamentou que non se reabra o debate sobre a Cidade da Cultura sobre se ten sentido seguir mantendo abertos uns edificios que na práctica non cobren ningunha función cultural e suxeriu que o propio Consello da Cultura galega aborde esta cuestión de gran relevancia cultural do noso país.
Vostede,dixo, preside unha institución con máis de tres décadas de existencia que ademais da defensa do noso patrimonio cultural ten un mandato “co fomento e a protección da nosa lingua”. Entendemos que os últimos datos sobre a situación do idioma galego debuxan un panorama moi preocupante cando dous de cada tres menores de quince anos aseguran non saber falar galego.Isto, recalcou constata, “o incumprimento do mandato de Normalización Lingüística que establece a obriga dos poderes públicos a garantir un coñecemento igual das dúas linguas ao final da etapa educativa”. Ante esta realidade, preguntou se o Consello da Cultura ten previsto avanzar nesta cuestión e con que propostas despois de posicionarse en contra do decreto.
A deputada lembrou que o Partido popular está a impedir avaliar as competencias lingüísticas e dende o BNG, reiterou, reclamamos saber as consecuencias do decreto, alén dos datos do Instituto Galego de Estatística.
Pontón concluíu a súa intervención mencionando a situación do patrimonio cultural galego do que dixo conta con poucos recursos nos orzamentos para a súa conservación polo que volveu preguntar ao Presidente do Consello da Cultura Galega se actuará con informes e sensibilización neste ámbito.
Fotografía: Consello da Cultura Galega
R.