Cavaco Silva y Feijóo apuestan por reforzar lazos entre el gallego y el portugués: Galicia apoya el aprendizaje escolar del idioma luso

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, chamou a aproveitar no ensino a oportunidade histórica que significa a proximidade entre a lusofonía e os galegofalantes.
Durante a sinatura do Memorando de entendemento entre a Xunta e a Embaixada da República de Portugal en España para a adopción do portugués como lingua estranxeira de opción e avaliación curricular no sistema educativo non universitario da Comunidade Autónoma de Galicia, Feijóo afirmou que este acto reafirma os vencellos entre Portugal e Galicia, afianza a amizade entre Portugal e España e representa un paso máis na tarefa da construción europea.
Durante a súa intervención, Feijóo aseverou que coa incorporación do portugués como lingua de opción e avaliación no sistema educativo non universitario de Galicia, “revitalizamos o noso pasado lingüístico común”. “A lembranza do tronco común das nosas linguas está na orixe deste acto”, dixo, engadindo que a estreita relación entre o galego e o portugués non se queda na saudade, “tamén nos ofrece moitas perspectivas de futuro”.
Neste liña, destacou que o portugués é a sexta lingua que máis se fala no mundo, a quinta máis empregada na internet e a terceira en Facebook e Twitter. E, incidiu en que un cidadán que fale portugués, galego e castelán sabe manexar as linguas maternas de 730 millóns de persoas.
Nun acto no que tamén estivo presente o presidente da República de Portugal, Aníbal Cavaco, o titular do Executivo autonómico agradeceu o esforzo conxunto dos gobernos de Portugal e España, da Embaixada da República Portuguesa e do Instituto Camões, “así como das persoas que contribuíron co seu traballo a que isto se materializase”. “E tampouco podemos deixar de agradecer á Real Academia Galega, casa grande da nosa lingua, nin ao Consello da Cultura Galega, que tivo sempre un papel moi activo no reforzo das relacións cos países lusófonos”, engadiu.
Feijóo concluíu a súa intervención lembrando que “a andaina ata aquí foi longa”. Comezou no Quinto Cumio Hispano-Portugués de maio de 2012, “no que ambos os dous países nos comprometemos a impulsar a presenza do portugués no noso sistema educativo”. E, en marzo de 2014, ese cometido materializouse no Parlamento de Galicia, onde se aprobou por unanimidade a Lei Valentín Paz-Andrade, “destinada a abrirlle aos nosos estudantes as portas da lusofonía”.
R.