El monologuista Javier Varela presenta en el Salón Teatro de Compostela: Un momento duro de ahora... 5 pesetas de las de antes

O Salón Teatro, espazo escénico compostelán pertencente á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acolle o xoves día 5 e mais o venres 6 dúas funcións a cargo do humorista lucense Javier Varela, que ofrecerá ás 20:30 horas o seu monólogo para todos os públicos ‘Un momento duro de ahora... 5 pesetas de las de antes’.
Javier Varela, natural de Chantada (Lugo) e coñecido polo seu traballo como presentador de programas en Televisión de Galicia (TVG) como ‘Polo chan’, ‘Delincuentes torpes’ ou ‘Máis galego’, amosará desde o escenario santiagués a súa faceta de showman de comedia a través da súa última proposta escénica, na que durante máis dunha hora comparte cos espectadores a interpretación dos textos nos que describe situacións cotiás, curiosidades e ironías coas que o público pode sentirse facilmente identificado.
A peza, que o autor presenta como un espectáculo “intenso, divertido e con moito humor”, parte do suposto de que o ser humano non está xeneticamente preparado para traballar. Despois de obter un gran éxito en distintas salas de Madrid e do norte peninsular, chega á capital de Galicia con dous pases especiais nos que Varela, acompañado polo músico Miguel Granero ao piano e por Rafa Durán como mestre de cerimonias, apelará á capacidade dos galegos de rirse de si mesmos.
As entradas para asistir a ‘Un momento duro de ahora... 5 pesetas de las de antes’ poden mercarse de xeito anticipado a través do web www.entradas.abanca.com [nova venta] e no despacho de billetes do Teatro Principal de Santiago de 18:00 a 21:00 horas. No Salón Teatro estarán á venda os días das funcións desde as 18:30 horas e ata o comezo do espectáculo. O prezo único é de 6 euros.
R.