Eme2 estrena en el Salón Teatro de Compostela el espectáculo Meu ben con cinco funciones

O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece un total de cinco funcións do espectáculo ‘Meu ben’, protagonizado por Elina Luaces, Mercedes Castro e Rocío González. A nova produción de Eme2 representarase no espazo compostelán a partir do mércores día 4, tomando así o relevo de Teatro Muxicas, agrupación artística da ONCE en Ourense, que mañá martes abre a carteleira de xuño coa representación ás 20.30 horas de ‘A visita da vella dama’.
A continuación, Eme2 ofrecerá ata o día 8 un pase diario da súa última proposta –con funcións ás 20.30 horas de mércores a sábado e ás 18.00 horas o domingo– para a que volve contar coa dirección escénica de Álvaro Lavín, responsable da compañía madrileña Teatro Meridional.
Meu ben é a versión galega de ‘Little Gem’, a aclamada obra de debut que lle outorgou a Elaine Murphy a consideración de novo talento da literatura teatral irlandesa. Avelino González e Olga F. Nogueira traduciron este texto ao galego para a que é, ademais, a primeira adaptación escénica desta peza en España.
As tres actrices protagonistas representan neste espectáculo tres xeracións de mulleres dunha mesma familia de clase media que rememoran un ano extraordinario de amor, sexo, vida, morte e clases de salsa. A peza foi estreada orixinalmente en 2008 pola compañía irlandesa Guna Núa nunha montaxe merecedora do prestixioso premio Carol Tambor do Festival de Edimburgo. Desde entón, ten cativado a espectadores de todo o mundo a través de diferentes producións nas Illas Británicas, Australia e Estados Unidos.
As entradas para as súas cinco funcións no Salón Teatro están xa á venda a través da billeteira da web http://entradas.novagaliciabanco.es e no despacho de billetes do Teatro Principal, aberta de martes a sábado en horario de 18.00 a 21.00 h. No Salón Teatro poden adquirirse os días de función, desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.
‘Meu ben’ é, así mesmo, unha das propostas da programación inserida no Bono de Teatro Galego e Portugués, promovido conxuntamente pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Concello de Santiago para impulsar a oferta teatral galega de 2014 no Salón Teatro e no Teatro Principal, xunto con montaxes máis alternativas que acollen a Zona C e a Sala Agustín Magán. O prezo deste bono, que pode adquirirse nos devanditos despachos de billetes, é de 35 euros para un total de 5 funcións.
R.