El libro-cd Doce canciones gallegas recupera la promoción cultural propia en los años 50

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolle no Centro Galego de Arte Contemporánea a presentación do disco-libro ‘Doce canciones gallegas’, un traballo da soprano Begoña Salgueiro e do pianista Brais González que achega música contemporánea con textos poéticos clásicos da literatura galega.
A Consellería colabora e participa o día 12 de febreiro, ás 20:00 horas, na presentación do proxecto, dado ao prelo por Andavira. Ademais dos representantes de Cultura e Educación, está previsto que tamén interveñan na presentación a propia soprano Begoña Salgueiro, o pianista Brais González, e o resto de persoas que participan nesta publicación: os profesores Luís Costa e Xosé Carlos Bernárdez, e a artista plástica Menca Estévez. O acto pecharase coa interpretación de ‘Aureana do Sil’ e ‘As froliñas dos toxos’, a cargo de Salgueiro e González.
O libro-CD, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, é froito dun traballo de investigación e creatividade multidisciplinar e aporta como principal novidade a gravación conxunta dos doce temas. Isto supón a recuperación e difusión dun importante patrimonio poético-musical, practicamente descoñecido para o público galego.
De maneira concreta, ‘Doce canciones gallegas’ reúne poesías de autores galegos do talle de Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Antonio Noriega Varela e Xosé Ramón e Fernández-Oxea (Ben-Cho-Shey), musicadas por diversos compositores españois da segunda metade do século XX como Frederic Mompou, Xavier Montsalvage, Jesús Guridi, Eduard Toldrà ou Joaquín Rodrigo, entre outros.
‘Doce canciones gallegas’ fíxose orixinariamente realidade grazas ao empeño do crítico musical galego, Antonio Fernández-Cid, quen acadou que a Deputación ourensá encargara doce pezas musicais a algúns dos máis destacados compositores de mediados do século XX. As pezas foron estreadas o 15 de xuño de 1951 pola soprano Carmen Pérez Durías e a pianista Carmen Díaz Martín na cidade de Ourense. As mesmas intérpretes foron tamén protagonistas da estrea madrileña, que tivo lugar unha semana despois, o 22 de xuño, baixo o patrocinio do Centro Galego.
R.