Voadora presenta en el Salón Teatro de Compostela el espectáculo musical Waltz

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inaugura a programación de 2014 do Salón Teatro de Santiago con dúas funcións do espectáculo Waltz, da compañía galega Voadora, o venres 3 e o sábado 4 de xaneiro ás 20.30 horas. Desprégase así unha nova carteleira, que durante o primeiro mes do ano ofrecerá un total de 12 citas co teatro e a música, entre as que se atopan as montaxes da formación portuguesa Teatro Bruto e das galegas Obras Públicas e Triateros, ademais dos concertos de Sexteto Tempo Catro, Paula Rojo, Xosé Constenla e Cass McCombs.
Voadora será a encargada de abrir este novo período de actividade cunha das súas últimas propostas, unha “ópera portátil” que a compañía de Marta Pazos, Hugo Torres e José Díaz define como espectáculo musical sobre o amor como tema universal. O humor, a ironía e a banda sonora composta e interpretada en directo por eles mesmos son algúns dos ingredientes de ‘Waltz’, peza na que a vida se presenta como “un salón de baile onde imos cambiando de parella: hainas que che pisan os pés, outras agárrante forte pola cintura, a algunhas súanlle as mans e con outras bailarías toda a eternidade”.
Do mesmo xeito que nas súas anteriores creacións, Voadora ideou esta montaxe a partir dun proceso de traballo colectivo e de diálogo multicultural durante o que Marta Pazos volveu poñerse á fronte da dirección escénica, ademais de compartir o labor interpretativo con Hugo Torres e José Díaz, autores á súa vez da música orixinal. A compañía obtivo o Premio da Crítica de Galicia 2013 na categoría de artes escénicas e audiovisuais tanto por “Tokio 3” como por 'Waltz', espectáculo este último que foi seleccionado, así mesmo, para o circuíto 2013 da Red Nacional de Teatros Alternativos.
As entradas para estas primeiras representacións de 2014 no Salón Teatro poden adquirirse xa na billeteira do Teatro Principal, en horario de 18.00 a 21.00 horas, e os días de función tamén na do Salón Teatro, que abrirá ao público a partir das 18.30 horas. O prezo dos billetes é de 10 euros, con descontos do 40 por cento para estudantes, titulares do carné xove, persoas xubiladas ou desempregadas e profesionais das artes escénicas.
A programación continuará o venres 10 de xaneiro, ás 20.30 horas, cun concerto no que o Sexteto Tempo Catro presentará ‘Os ollos que falan’, un disco no que o conxunto que integran Suso Iglesias (acordeón), Andrés Pazos (piano), Antonio Romero (contrabaixo), Javier Cedrón (violín) e Pablo Salgueiro (percusión) musicou once poemas de ‘Cantares gallegos’ con motivo do 150 aniversario da edición do célebre libro de Rosalía de Castro. O recital está promovido pola Asociación Cultural O Galo, xunto coa Asociación Cultural e Musical Solfa e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
Ao día seguinte, sábado 11, a nova cantautora asturiana Paula Rojo inaugurará o ciclo Íntimo & Acústico, que organiza o Concello de Santiago de Compostela, cunha actuación na que soarán os temas do seu disco ‘Érase un sueño’. Dentro deste mesmo programa, o domingo 19 terá lugar o concerto do estadounidense Cass McCombs, considerado un dos autores indispensables do folk rock norteamericano e que ofrecerá en Galicia unha das primeira datas da xira europea que realiza trala edición do seu novo traballo discográfico, ‘Big Wheel and Others’. Ambas as citas serán ás 20.30 horas.
O cantautor compostelán Xosé Constenla elixiu tamén o Salón Teatro para lle presentar ao público da súa cidade ‘Sinecismo’, o cd-dvd que gravou en directo neste mesmo escenario o pasado mes de xuño. Este concerto especial está programado para o xoves 16, ás 21.00 horas.
Ademais, neste mes de xaneiro a compañía do Porto Teatro Bruto visitará Santiago para escenificar na sede do Centro Dramático Galego ‘O que vai na cabeça do menino Manuel’, espectáculo construído a partir do universo poético do escritor e xornalista portugués Manuel Antónico Pina, falecido recentemente. Organizada en colaboración co Concello de Santiago, a función celebrarase o sábado 18, ás 20.30 horas.
Ademais, a compañía galega Obras Públicas ofrecerá catro pases da súa nova montaxe de teatro musical, ‘Bye, bye, honey’, que representará no Salón Teatro do xoves 23 ao domingo 26 de xaneiro. Baixo a dirección de José Prieto, os actores e cantantes César Goldi, Iolanda Muíños e Carlos Mosquera 'Mos' estarán acompañados sobre o escenario polos músicos Mon Orencio, Chechu Mosquera e Fran Facal para poñer en escena esta comedia que, co subtítulo ‘Lumpen, pachanga & rock ‘n’ roll’, aborda a vida dun mozo nunha bisbarra marxinal dunha cidade galega calquera.
Por último, os compoñentes de Triatreros Teatro, compañía posta en marcha por estudantes recentemente licenciados na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, serán os encargados de pechar esta carteleira mensual o día 31 coa súa terceira montaxe: ‘Matanza’, de Roberto Salgueiro.
Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
R.