Se presenta el número 126 de la revista científica Cuadernos de Estudios Gallegos, coincidiendo con el 70º aniversario del Instituto Padre Sarmiento

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou o número 126 da revista científica ‘Cuadernos de Estudios Gallegos’, coincidindo co 70 aniversario do Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento” (IEGPS). No acto estiveron tamén presentes o director do IEGPS e da revista, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés; o secretario da publicación, Isidro García Tato; e o director da Editorial CSIC, Ramón B. Rodríguez.
Durante a súa intervención o conselleiro salientou a importancia central da revista no panorama cultural galego “polos sucesivos papeis que leva desempeñado ao longo da súa intrahistoria editorial”. Neste sentido explicou que a publicación “foi inicialmente unha gran ferramenta para a posta ao día e o progreso científico nos diversos ámbitos das humanidades, das ciencias sociais e do patrimonio e, cando lle correspondeu centrarse monograficamente no terreo da Historia, fíxoo con solvencia editorial e científica”.
Xesús Vázquez quixo poñer de relevancia o labor dos sucesivos directores da publicación, así como dos especialistas e investigadores que nela teñen presentado os seus estudos e artigos ao longo dos anos. “Parabéns por todo a todos os que fixeron e facedes posible os ‘Cuadernos’”, rematou.
No número presentado hoxe están incluídos nove estudos arredor de cuestións como os lugares con función ritual na Idade de Ferro do Noroeste da Península Ibérica, os testamentos como fonte para a historia social da nobreza ou a figura do médico galego Jacobo López Elizagaray.
Entre os artigos deste volume número 126 cómpre salientar - pola súa significación para a historia de Galicia- o titulado “El testamento del mariscal Pardo de Cela. Noticia del hallazgo y edición del documento”. Neste artigo Eduardo Pardo de Guevara y Valdés contextualiza, valora e edita o testamento, conservado en tres traslados notariales insertos no proceso que sostuvieron -entre 1510 e 1542- varios descendentes do mariscal cos bispos de Mondoñedo. Cómpre lembrar que o achado deste documento foi dado a coñecer o pasado mes de xaneiro polo conselleiro de Cultura e Educación.
O Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento” foi creado no 1943, e xorde do desaparecido Seminario de Estudos Galegos, tendo como obxectivo ser o punto de encontro dos máis destacados estudosos da humanística galega e un dos referentes da vida cultural e científica de Galicia, un labor que desenvolveu ata a década dos oitenta. Xa en 1994, o Centro Superior de Investigacións Científicas procedeu á súa reorganización e converteuno nun centro propio de investigación, con persoal científico. Un proceso de recuperación e reactivación das súas actividades científicas e culturais que culminou no ano 2000, cun convenio asinado coa Xunta de Galicia a través do cal o IEGPS se converteu nun centro de investigación mixto de titularidade compartida, e que ten ao fronte da comisión reitora–paritaria– aos presidentes da Xunta de Galicia e do CSIC.
Cómpre recordar que ‘Cuadernos de Estudios Gallegos’ é a decana das revistas de estudos históricos de Galicia, editada polo CSIC. Na súa primeira etapa estivo dirixida sucesivamente por Francisco Javier Sánchez Cantón, José Filgueira Valverde e Francisco Javier Río Barja, sendo os seus secretarios –entre outros- Jesús Carro García, Felipe Cordero Carrete e José Carro Otero.
Na actualidade, e segundo os criterios esixidos a este segmento editorial, a publicación foise especializando na edición de estudos e investigacións históricas, tanto de carácter xeral como referidas a Galicia, referenciada nas bases de datos internacionais más prestixiosas no seu ámbito.
A revista anual pode ser consultada no enlace web http://estudiosgallegos.revistas.csic.es/ e conta con artigos orixinais en seis linguas: galego, español, portugués, inglés, alemán e francés.
Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
R.