El calendario del libro y la lectura 2014 sirve para conmemorar el Día de las librerías

Con motivo do Día das Librerías, que se celebra anualmente o último venres de novembro, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia difunde a través dun calendario as datas máis sinaladas arredor do libro e da lectura do próximo ano 2014.
Como principais novidades, a Secretaría Xeral de Cultura propón instaurar unha data na que os protagonistas sexan os usuarios e usuarias dos servizos bibliotecarios e outra na que poñer de relevo a importancia da ilustración e do deseño no libro e na lectura. Con este obxectivo, establece a conmemoración do Día do Usuario/a das Bibliotecas, o 11 de xaneiro, e do Día da Ilustración, o 30 de xaneiro, coincidindo co aniversario do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Ademais destas novas datas no mes de xaneiro, o calendario lembra que o 21 de febreiro se celebra o Día Internacional da Lingua Materna. En 2014 tamén se cumpre o bicentenario do nacemento de Frei Rosendo Salvado, o día 1 de marzo, mes no que se conmemoran o Día Internacional da Poesía, o 21, e o Día Mundial do Teatro, o 27. O mes de abril dá paso ás celebracións do libro e do libro infantil e xuvenil, os días 23 e 2, respectivamente.
Pero a maior actividade arredor da literatura adoita ter lugar en Galicia no mes de maio, motivada pola celebración do Día das Letras Galegas. Xosé Díaz Castro é o autor elixido pola Real Academia Galega para centrar a conmemoración do día 17, data na que tamén se celebra o Día Mundial da Sociedade da Información.
Outra das celebracións de 2014 son o os días internacionais dos Arquivos, o 9 de xuño; da Compresión Lectora, o 26 de xullo; e da Tradución, o 30 de setembro, que teñen tamén o seu lugar no calendario editado pola Xunta de Galicia.
Xa no último trimestre do ano que vén, sucederanse outras conmemoracións, como o Día da Biblioteca, o 24 de outubro. Nese mes, a Secretaría Xeral de Cultura tamén convida a poñer en valor a figura de Leiras Pulpeiro, o día 25, con motivo do 160.º aniversario do seu nacemento; e a difundir a obra de Vicente Risco, do que se cumpren o 1 de outubro 130 anos do seu nacemento. No mes de novembro, ademais do Día Internacional das Librerías, tamén se celebra a Semana da Tradición Oral, do día 3 ao 9.
No remate do ano, a cultura galega conmemora o centenario da recuperación das cantigas de Martín Codax, coincidindo coa publicación do Pergamiño Vindel. Finalmente, o Día da Edición, o 17 de decembro, e o 130.1 aniversario do nacemento de Antón Losada Diéguez, o 22, son as efemérides que pechan o Calendario do Libro e da Lectura do próximo ano.
Ampla distribución do Calendario do Libro e da Lectura
Ademais da distribución nas librerías que forman parte da Federación de Librarías de Galicia, a Secretaría Xeral de Cultura enviaralles o calendario a todas as bibliotecas públicas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, máis de catrocentos puntos de lectura nos que se adoitan programar actividades coa motivación de diferentes conmemoracións.
Tamén os principais Centros de Formación e Recursos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contarán con exemplares dirixidos ás bibliotecas escolares dos centros educativos galegos. O calendario distribuirase igualmente nas universidades e en diversas institucións vinculadas co ámbito do libro e da literatura.
Promover o interese polos libros e polas nosas letras
Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia quere contribuír á difusión das principais efemérides relacionadas coa lectura e animar, ao mesmo tempo, á planificación de actuacións que promovan o interese polos libros e as nosas letras.
R.